O
lucense Antonio Rosón Pérez foi unha peza determinante
do xeito de desenvolverse o proceso autonómico en Galicia,
ademais dun moderador de recoñecido mérito pola
súa ecuanimidade nos primeiros pasos do novo lexislativo.
Home da transición á democracia, a súa
personalidade e o seu papel collen enteiro sentido no contexto
en que esta xurdiu.
Antonio
Rosón Pérez, nace en Becerreá, e foi
o maior dunha familia numerosa, da que seguindo a súa
propia testemuña houbo de facerse cargo, polo que quedou
solteiro, nunha curiosa inversión do morgado galego,
do que máis tarde sería comentarista. Estudiou
Dereito en Compostela, Valladolid e Oviedo, nos anos trinta.
Cando chega a Guerra Civil, Rosón é mobilizado
como oficial de reemplazo e colabora activamente na reducción
de grupos armados na provincia de Lugo. Tamén intervén
como avogado defensor dos procesados nos Consellos de Guerra
dos primeiros meses das represalias.
Tivo diferentes cargos políticos durante a Dictadura.
Foi presidente da Deputación Provincial de Lugo entre
os anos 1949 e 1951. No mesmo ano 1949, nunha conferencia
pronunciada en Lugo, sen deixar de facer profesión
de fe no réxime por entón vixente, reclama a
atención como xurista nas peculiaridades de Galicia,
afirmando que deben ser tidas en conta no Código Civil.
É amigo persoal de Ánxel Fole e de Ramón
Piñeiro. É unha amizade que non só se
basea no afectivo pois certos puntos en común, que
non son por suposto expresión dunha idéntica
visión política, fan coincidir ós tres
homes nalgunhas empresas. Así, Rosón participa
no consello de redacción da Revista Galega de Economía,
que edita Galaxia, xa no ano 58 e da que a máxima figura
é Ramón Piñeiro.
Nos anos de Procurador en Cortes, ás que accedeu como
representante do tercio familiar, defendeu, cabo de Filgueira
Valverde, o uso da lingua galega, sendo notable neste sentido
a súa intervención no debate co gallo da nova
Lei de Educación do ano 1970. Rosón e Filgueira
foron os portavoces dos dereitos da nosa lingua, comenta Ramón
Piñeiro nunha carta a Fernández del Riego.
Ó lado desta dimensión política e da
súa actividade profesional como avogado, Antonio Rosón
Pérez tivo unha actividade pública como incentivador
e presidente de diversos movementos agrarios e cooperativistas
en Galicia.
Co fin da Dictadura, Rosón funda en Lugo un partido
político, a Agrupación Electoral Lucense, que
se integra en UCD en 1977. En marzo de 1978, Rosón
é nomeado presidente da Xunta preautonómica.
Trátase de chegar ó máximo acordo posible
entre os actores políticos do momento, e nace o chamado
Estatuto dos Dezaseis. En palabras del mesmo, o Estatuto que
de alí sairá ten de ser visto coa idea do consenso,
xa que " todo texto xurídico responde necesariamente
a un pacto circunstancial e o Estatuto de Galicia non é,
dende logo, unha excepción". Dúas ideas
presiden a súa visión da cuestión autonómica:
a autonomía de Galicia debe ser política e non
meramente unha descentralización de servicios, "..si
sólo es una descentralización de servicios,
yo me marcho a casa", afirma por aqueles anos; por outra
banda, é partidario de que Galicia teña alomenos
as mesmas prerrogativas e nivel de autonomía que Euskadi
e Cataluña. Aínda que isto derive nunha sensación
de que a autonomía galega vai a remolque das outras
dúas comunidades históricas é dificilmente
discutible que esta equiparación era desexable, cando
menos dende o punto de vista galego.
No ano 1978, sendo presidente da Xunta, sufrirá unha
dura proba: a revista Interviú publica un artigo acusándoo
a el e maila súa familia de crimes durante a Guerra
Civil e de aproveitar a súa posición política
para se enriquecer persoalmente. A defensa que realiza Rosón
é tallante: participou durante a Guerra Civil no bando
nacional, e politicamente no franquismo, pero nunca estivo
implicado en ningún crime dos que é acusado.
Os tribunais danlle a razón tempo máis tarde,
pero son tamén significativas as declaracións
do seu amigo Ramón Piñeiro, quen non só
non dá creto a tales formulacións, senón
que testemuña a prol del. Tamén salienta que
durante o proceso estatutario foi Rosón decidido defensor
do máximo traspaso de competencias a Galicia e califícao
de galeguista, dentro do seu marco.
É un político certamente controvertido, ó
que tampouco é de estrañar cando no mesmo ano,
precisamente despois dos feitos que mencionamos, non dúbida
en autocalificarse de hombre del 18 de Julio, aínda
que con conviccións galeguistas.
Para el as posibilidades constitucionais do nacionalismo galego
quedan esgotadas co novo estatuto, aprobado en 1981, non sendo
factible nin positiva a insistencia nese punto. Nembargantes,
onde si hai qué facer é na sincronización
da sociedade galega co mesmo, xa que, a pesares da adecuada
identificación dos galegos con Galicia, hai un illamento
con respecto ó novo Parlamento e á nova Xunta.
A partires de decembro será presidente do primeiro
parlamento da nova autonomía, elixido por 50 votos
sobre 7.
Como presidente do Parlamento, ó dicir dunha boa parte
dos parlamentarios daquela, comportouse con ecuanimidade e
respecto polas minorías. Neste sentido foi loada a
súa capacidade de buscar sempre os puntos de compromiso
nas disputas máis críticas. Non faltou, sen
embargo, algún punto de indubidable fricción,
como foi a expulsión dos deputados nacionalistas da
Cámara.
Afastarase da U.C.D, presentándose nas listas de Coalición
Popular, primeiro pola circunscrición de Lugo como
"galeguista independente", un feito que produce
certa controversia no seo do partido. Deste xeito incorporarase
ó Parlamento do ano 85 que presidirá de novo,
trala súa elección en segunda xeira, onde o
sorprendeu a morte a penas un mes despois de ser internado
no Hospital de Lugo.
Morreu deixando tras de si unha bagaxe recoñecida por
partidos políticos de moi distinto signo: nunha declaración
conxunta da Xunta de portavoces e da Mesa do Parlamento, integrada
a primeira por catro das sete forzas daquela presentes, afirmouse:
Pola súa
xenerosidade e a súa comprensión, e polo seu
esforzo por conciliar nunha empresa común ós
anceios de tódolos galegos por conseguir que o noso
pobo manteña a súa identidade nacional, o falecido
presidente debe quedar no pensamento de tódolos galegos
como merecente da lembranza de todos cantos teñan no
seu pensamento a arela dunha Galicia mellor
Antonio
Rosón Pérez é un determinante e mesmo
un expoñente do xeito de transitar do réxime
anterior á actual democracia, e, no caso de Galicia,
do pasado centralismo á actual autonomía. Na
intención de conciliar cantos máis intereses
e paixóns políticas mellor sempre presididos
por un recoñecemento da identidade de Galicia e da
súa necesaria autonomía acadou o seu senso o
traballo político do primeiro presidente do Parlamento
Galego. Os seus valores humanos foron tamén gabados
por moitas persoas, nos días posteriores á súa
morte. Os que o coñeceron destacaban a súa cordialidade
e sabedoría para se enfrontar ás situacións
difíciles e describíano coma un home bo e astuto,
un político pragmático e dialogante certamente
axeitado para o papel histórico que lle tocou cumprir.
|
|
|