Inicio I Biografía I Contexto

Juan Rof Codina
por Daniel Lanero

  O persoeiro no seu contexto
por Gustavo Hervella
Aprende sobre esta época aquí

Rof Codina foi un dos primeiros persoeiros que realizaron un estudio exhaustivo do gando galego, experimentando sobre todo co vacún, o mellor xeito de melloralo. A súa capacidade de traballo e iniciativa enormes, así como a súa facilidade para penetrar nos medios agrícolas, xornalísticos e profesionais, fixeron del unha personaxe notoria na Galicia do primeiro tercio de século.

Juan Rof Codina naceu na localidade barcelonesa de El Prat de Llobregat en 1874 nunha familia modesta. Acudiu á escola ata a idade de catorce anos, para traballar despois no negocio familiar. Marchou a Madrid onde cursou a carreira de veterinaria, e rematados os estudios gañou as oposicións de Sanidade Militar, sendo destinado a Lugo.
En 1906 funda nesta cidade unha clínica coa que consegue a representación do Instituto Pasteur para Galicia e Asturias. Preocupouse das perdas que sufrían os labregos coa nacida, enfermidade que atacaba ás reses recén paridas. Xunto a este traballo de investigación práctica, realiza outros máis teóricos que axudan a unha mellor comprensión dos problemas gandeiros galegos, moitos deles endémicos.

Entre 1903 e 1907 foi redactor da revista coruñesa Prácticas Modernas, e colaborou na catalana El Cultivador Moderno.
En 1910 está na Coruña como inspector provincial. Na mellora das razas galegas, Rof Codina colaborou estreitamente coa Granxa Instituto, cos sindicatos agrícolas e as Sociedades Agrarias. Xa na II República, en 1932, Gordón Odrás, Director Xeral de Gandería, chámao para que dirixa a Inspección Xeral de Veterinaria. Co fin da Guerra Civil é expedientado e enviado a Tenerife, retornando a Lugo en 1941 e xubilándose tres anos despois. Desde esta data organiza a Cátedra Móbil de Divulgación Pecuaria de Galicia. Morre en Lugo en 1967.
Ideoloxicamente podemos afirmar que Rof Codina foi un rexeneracionista típico, membro do grupo que irrompe con forza entre 1898 e 1907, xunto a personalidades como Valeriano Villanueva, Rodrigo Sanz, Basilio Álvarez ou Lugrís Freire. Aínda así, os seus movementos políticos estarán ó redor do socialcatolicismo, o que non foi un atranco para que entendera a Galicia como unha "pequena Suíza", ó asegurarlle un futuro como o de Holanda ou Dinamarca, países estes tamén cunha forte presencia gandeira na súa economía.

 
 













     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000