Inicio I Biografía I Contexto

Ramón Piñeiro
por Prudencio Vivero

  O persoeiro no seu contexto
por Gustavo Hervella
Aprende sobre esta época aquí

Ramón Piñeiro foi un dos máis importantes personaxes do galeguismo político e cultural en Galicia tras o remate da Guerra Civil. Nas difíciles condicións que se abrían tras a victoria franquista en 1939 a figura de Piñeiro destacou por manter acesa a chama da reivindicación política dunha Galicia libre e autónoma. Certamente, Ramón Piñeiro foi un home de culto entre as novas xeracións galeguistas que agromaron durante a longa noite franquista, pero Piñeiro tamén espertaría receos entre o nacionalismo no exilio e as novas organizacións nacionalistas en Galicia. Admirado ou cuestionado Ramón Piñeiro debe ocupar, sen dúbida, un lugar relevante na recente Historia de Galicia.

Ramón Piñeiro López nace no Concello de Láncara (Lugo) en 1915. De orixes humildes, estudia o bacharelato elemental na cidade de Lugo. De precoz vocación política, a lectura de xornais como El Pueblo Gallego axudarían a consolidar o seu pensamento galeguista. Coa chegada da Segunda República (1931) Ramón Piñeiro contribúe á fundación das Mocidades Galeguistas en Lugo, tendo unha activa participación política durante a etapa republicana. Ao rematar a Guerra Civil realiza os estudios de Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, ao tempo que participa na reorganización clandestina do galeguismo. Ramón Piñeiro actuará como enlace entre os galeguistas do interior e os que se viran obrigados a se exiliar. En 1946, ao seu regreso de París, foi detido pola policía franquista e posteriormente condenado a seis anos de cárcere, dos cales cumpriría tres en distintas prisións.
Ao saír da cadea establécese en Santiago. A vía culturalista que patrocina nos anos cincuenta tería como obxectivo asegurar que os alicerces fundamentais da cultura galega penetraran nas novas xeracións, tendo como realización máis destacada a fundación da Editorial Galaxia en 1950; ano no que se disolvía o Partido Galeguista, como símbolo da adopción da nova etapa cultural.
Ora ben, a posición culturalista remataría levando a Ramón Piñeiro a unha modificación substancial dos que ata daquela foran os principios do galeguismo. En efecto, para Piñeiro o obxectivo fundamental era acadar a galeguización xeral da sociedade. Deste xeito, o galeguismo conseguiría impregnar a todos os sectores políticos, non sendo necesaria a existencia dun partido exclusivamente nacionalista. Esta vía supuña unha renuncia explícita ao nacionalismo político, ao tempo que aseguraría o mantemento dunha comunidade cultural galega. De igual forma, o piñeirismo observaba con bos ollos a creación en Galicia de partidos políticos socialdemócratas ou democristiáns semellantes aos existentes no resto da Europa occidental, o mesmo Piñeiro participaría en 1963 na creación do Partido Socialista Galego.
Nos anos 50 e 60 a figura de Ramón Piñeiro convértese en referente ineludible para as novas xeracións de galeguistas, que atopan acubillo na súa casa de Santiago de Compostela (arredor da famosa mesa camilla), destacando tamén pola súa producción ensaística.
Coa morte do xeneral Franco (1975) e a transición á democracia, Ramón Piñeiro tería novamente un destacado papel. A finais dos 70 funda con outros intelectuais galeguistas o grupo "Realidade Galega", co obxectivo de que Galicia obtivese un Estatuto de Autonomía en igualdade de condicións que as outras nacionalidades históricas. Foi deputado e presidente do Consello da Cultura Galega. O seu pasamento ten lugar no ano 1990.
Ramón Piñeiro ocupou un lugar destacado na Historia da Galicia da segunda metade do século XX. O relativo descoñecemento da súa figura procede das condicións nas que el, e outros moitos homes e mulleres, se viron na obriga de actuar por mor da dictadura franquista.

 
 













     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000