Inicio I Biografía I Contexto

O persoeiro no seu contexto [Ramón Piñeiro]
por Gustavo Hervella
  Ramón Piñeiro
Biografía sobre o persoeiro


GALICIA NA POSGUERRA
Os anos corenta e cincuenta son os máis duros da Dictadura franquista. Coa posguerra ven a fame e a miseria, o racionamento e o illamento mundial. Si Galicia xa era un país da periferia europea, nestas datas éo dun xeito evidente. A agricultura e a gandería, bases da economía da terra, sofren un agudo retroceso propiciado pola paralización da modernización que desde os primeiros anos de século se viña experimentando no agro galego. A industria é mínima e arcaica, tan só sobresaen determinados sectores protexidos polo goberno dictatorial do xeneral Franco. O sector servicios é practicamente nulo, e de novo o mercado restrínxese cara ó interior, xa que a Guerra Mundial e a condena da O.N.U imposibilitan a España o comercio exterior.
Culturalmente apréciase un deserto parello. As mentes máis destacadas de anteguerra estaban mortas - caso de Camilo Díaz Baliño ou Alexandre Bóveda -, no cárcere - Ramón Piñeiro -, sometidas a unha cruel censura - Otero Pedrayo -, ou no exilio - Castelao, Seoane, Laxeiro.. -. A Universidade compostelá perdera ó mellor dunha xeración.
A década dos cincuenta comeza coa fundación de Galaxia, e a do Padroado Rosalía de Castro. O "Rexurdimento" da cultura tiña outra vez na poetisa padronesa unha das súas figuras voltando ser a protagonista de Galicia. O culturalismo patrocinado por Ramón Piñeiro deixa de lado á política, feito acentuado coa morte de Castelao en Bos Aires en xaneiro de 1950. O galego volta a estar presente na vida cotiá, e España no seu conxunto semella que recobra un mínimo posto destacado entre os estados occidentais, xa que en 1955 é admitida na O.N.U, e anos antes asinara un tratado militar cos EE.UU, rematando coa política de racionamento económico que sufría dun xeito especial a poboación. En Galicia estase a preparar unha nova diáspora, os galegos, para mellorar a súa condición de vida marcharán a Europa en busca do que se lle negaba na súa terra, traballo. Este será o fenómeno que a fins destes anos comezará a destacar, e que será o máis sobresaínte desde 1960 - 62.

Foto: Franco entra na Coruña ó rematar a guerra. GALICIA - Historia. Hércules de Ediciones.

 

CRONOLOXÍA

1940: Lei de represión contra a Masonería e o Comunismo

1940: Entrevista Franco - Hitler en Hendaya

1942: Asínase o Pacto Ibérico entre España e Portugal

1944: Publícase o Sempre en Galiza en Bos Aires

1944: Constitución do Consello de Galiza en Montevideo

1945: Goberno Republicano no exilio presidido por José Giral

1946: Condena da O.N.U da Dictadura franquista

1947: Eva Perón visita España con escala na Coruña

1949: Primeira e única saída de Franco de España, visita Portugal

1950: Morre Castelao en Buenos Aires

1950: Fúndase a editorial Galaxia e o Padroado Rosalía de Castro

1952: Fin do racionamento

1953: Pacto España - U.S.A.

1955: España ingresa na O.N.U.

1956: Política de Reconciliación Nacional do P.C.E.

1958: Aparece a Revista de Economía de Galicia

1959: Publícase a revista Vieiros patrocinada polo Padroado da Cultura Galega

1959: E.T.A constitúese no País Vasco. Inauguración da Basílica do Val dos Caídos

 

 
     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000