Inicio I Biografía I Contexto

Reimundo Patiño
por Mª Jesús Martínez Domínguez

  O persoeiro no seu contexto
por Gustavo Hervella
Aprende sobre esta época aquí

Reimundo Patiño foi unha das máis importantes figuras do panorama cultural da Galicia de posguerra. Paralelamente a unha vida dedicada á política, sensibilizado con posturas galeguistas, Reimundo Patiño desenvolveu un importante traballo artístico e humano a través da pintura.

Naceu na Coruña en 1936. Iniciou a súa labor pictórica nos derradeiros anos da década dos anos cincuenta pasando por experiencias como os grupos culturais e políticos Brais Pinto e A Gadaña. Estes grupos defendían propostas vangardistas en contra da arte oficial daqueles anos, caracterizados por unha pintura figurativa, costumista e repleta de tópicos tradicionais que impedían a entrada de correntes foráneas como o expresionismo americano.
A súa labor creativa e investigadora nas artes plásticas comezou xa desde moi novo, dunha forma autodidacta, realizando cara 1953 os seus primeiros cadros cunha clara vocación impresionista, pero que denotarían a preferencia innata do artista pola forza e o incontrol do Expresionismo. A partires de 1957 reside en Madrid, sen esquecer nunca Galicia, e entra en contacto co Informalismo e coas vangardas da primeira metade do século XX, sobre todo seducido pola corrente Surrealista e o Expresionismo Abstracto americano que nos anos cincuenta cegaba a Europa. Deste xeito, Reimundo Patiño converteuse no introductor do Expresionismo Abstracto en Galicia. A pegada do Action Paiting e o automatismo surrealista lévano a destrozar a forma e a converter a superficie do lenzo nun caos colorista e formal, cun acusado horror vacui producido pola confusión e enmarañamento dos elementos incontrolados que xorden precisamente dese automatismo psíquico dos surrealistas. A obra nace do acto mesmo de pintar, do automatismo do exercicio pictórico e a asociación de signos queda relegada ó azar, ó casual.
Así mesmo, Reimundo Patiño é un experimentador nato, e traballa coa litografía, labor que expón nas súas primeiras mostras de 1960, na Galería Mateu de Valencia, co grupo Boj, e na exposición celebrada en Lugo que sirve de presentación á agrupación informalista nomeada anteriormente, A Gadala, no ano 1961. En 1962 na Bienal de Gravado en Lubljana, é onde volta a amosar o seu traballo.
A súa procura por unha identidade estética enraizada en peculiaridades psicolóxicas, formais e antropolóxicas da cultura galega, lévano ó mesmo tempo a estudiar as formas da paisaxe e da arte popular: figuras de S. Andrés de Teixido, cruceiros, gravados nos xugos do gando, así como a arte medieval, africana e dun xeito moi intenso entrelazados celto-vikingos.
Patiño valora enormemente este mundo vinculado coa tradición galega e a cultura galega pero sen esquecer o máis profundo da modernidade, o expresionismo a abstracción e o surrealismo. Ademais escribe moito sobre a problemática da plástica nun momento en que lle preocupan os -ismos. Estudia detenidamente a Kandinsky e a Paul Klee, e a súa decantación pola experiencia formal a partir da introspección nas teses da sensibilidade artística.
Entre 1965 e 1971 na súa obra irá tomando relevancia unha caligrafía tortuosa e insistente, acumulando signos e siluetas que invaden todo, ata o desbordamento, sen ningún oco; aproximándoa á neofiguración informalista. Amplía, así mesmo, o seu traballo sobre o gravado e a técnica do cómic, como vertentes de carácter social e forte carga crítica ó longo dos anos setenta. Nos anos oitenta, é un dos integrantes indiscutibles das reivindicacións pictóricas do grupo Atléntica, xunto a outros que loitaban por conseguir o recoñecemento dunha nova forma de traballar na pintura galega. Nestes anos, o neoexpresionismo será a súa forma de traballar, en cadros onde o xestual e o inmediato están presentes con certa violencia no manexo da pintura mesma e coa agudeza dos grafismos. Reimundo Patiño morre na cidade herculina en 1985, quedando a súa obra por descubrir para unha grande parte das xeracións actuais.
Todo o atribuído ata o de agora a Reimundo Patiño non fai máis que subliñar reiteradamente a súa importantísima labor teórica e de investigación sobre a arte galega e a súa achega de novos estilos.



Ilustración : Xaquín Marín

 
 













     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000