O
ESPERTAR DAS ARTES PLÁSTICAS GALEGAS. 1970 - 1985
Na
década dos setenta o paso da dictadura á democracia
supón un viramento na producción artística.
A periferia terá voz e infraestructuras, na maior parte
dos casos precarias -recordemos as exposicións de escultura
ó ar libre en Vigo en 1975-, para desenvolver a súa
producción libremente. Supuxo as primeiras entradas
de arte conceptual en Cataluña e Madrid -Antoni Muntadas
ou Nacho Criado-. En Galicia os colectivos Sisga e Carón
tentaron acercar propostas conceptuais ó panorama do
noroeste. Artistas como Luís Caruncho, Alfonso Costa
ou Ánxel Huete adquiren a responsabilidade -ás
veces sen querelo- de situar a Galicia de novo ante a contemporaneidade.
Xunto a eles, a consolidación da Bienal de Pontevedra
que iniciada a fins dos sesenta, agora aséntase como
unha cita bianual destacada no panorama artístico español.
Nestes anos o salientable é que os artistas gozarán
de algo descoñecido para eles, a liberdade de actuación
e expresión, o que facilita a acción reivindicativa.
Lévase a arte á rúa e convértese
en instrumento de transformación da vida cotiá,
os setenta serán o que Sobrino Manzanares denominou
como os escenarios da disidencia. É o encontro co pasado,
Luís Seoane traslada o seu domicilio á Coruña;
Granell expón en España en 1975, Laxeiro viaxa
xa a Galicia no primeiro lustro da década. O que acontece
é o recoñecemento da xeración da República
e do nacionalismo galego, daquelas persoas que deran o primeiro
impulso á plástica galega, e isto ten unha contrapartida
clara, evidenciaba a penuria na que estaba somerxida a arte
galega. Estes anos son recordados como o primeiro tento de
levar áncoras por parte da arte galega, nun mar hostil
inmersa en una política cultural anacrónica
y sin objetivo definido ...Hace sólo una década,
el arte gallego vagaba en una nebulosa de contradicciones
y desatinos.
En 1981 celébranse as primeiras eleccións ó
parlamento de Galicia, e a Xunta preautonómica transfórmase
en Xunta de Galicia. A terra tiña por primeira vez
na súa historia un goberno autónomo e Xerardo
Fernández Albor é o seu primeiro presidente.
O que fai agora o poder político é lexitimar
esa autonomía, e un dos mellores exemplos é
o acontecido coa arte. A política da Xunta de Galicia
e a dalgúns concellos como o da Coruña e Santiago,
baséase na remodelación de edificios que serven
para realizar exposicións temporais que ó seu
xeito impulsan a arte da periferia. Galicia non era menos
que outras nacionalidades do Estado e tamén podía
presumir de idiosincrasia propia, xa que tiña artistas
que pensaban en galego, pero abertos ó mundo; é
a xeración Atlántica.
Como resultado dos novos aires que asolaban ó mundo
nos anos oitenta, xurde en Galicia unha empresa común
de artistas novos que apostaron pola arte contemporánea
galega. O Grupo Atlántica, comeza a súa andaina
en Baiona en 1980 cunha exposición na que os artistas
comezan unha actividade reivindicativa e experimental da nova
estética galega. Estes novos artistas eran conscientes
de que ó igual que noutros países como Alemaña
ou Italia, comezaba a xestarse unha arte nova, paralela ,coma
non, ós cambios sociais, políticos e filosóficos
que tornaban a visión do chamado mundo moderno. A contemporaneidade
viña doutros artistas coñecidos a nivel internacional
como os estadounidenses Haring, Salle, Koons ou Basquiat e
dos europeos Baselitz, Beuys ou Francesco Clemente. O contrapunto
galego a estas figuras internacionais serán os compoñentes
de Atlántica: Menchu Lamas, Reimundo Patiño,
Correa Corredoira, Alberto Datas, Antón Lamazares,
Xosé Freixanes, Anxel Huete, Din Matamoro, Tono Carbajo
e Manuel Calzada entre outros; todos eles unidos nun fin común,
o de integrar unha asociación de intelectuais e artistas
para promover e divulgar as últimas tendencias das
artes plásticas en Galicia. A modo de "manifesto
futurista", en 1980 Atlántica facía a súa
presentación cunha exposición na que participaban
pintores, escultores e arquitectos nados case todos na década
dos cincuenta ou a finais dos corenta e en 1983 incorpóranse
os últimos integrantes, Baixeras, Permuy, Leiro ou
Bibian, comezando a disgregarse tempo despois.
Estes tres anos servirán para que a arte galega cambiara
e puidese incorporarse ós tempos modernos, deixando
atrás o costumismo e os tópicos tradicionais.
Como podemos observar, na arte galega do último tercio
do século XX acontecen unhas transformacións
que axudan a que a cultura galega non esmoreza, mais ó
contrario, estes cambios producen un dinamismo que implica
a aparición de novos imaxinarios e de novas dinámicas
culturais.
Ilustración:
Reimundo Patiño
|
|
CRONOLOXÍA
1971:
Reimundo Patiño abandona a U.P.G e funda en Madrid
a Galería Taller Redor
1973:
Reimundo Patiño realiza o seu primeiro mural
galego con propostas de pop art
1975:
I Exposición de escultura ó aire libre
en Vigo
1975:
Granell expón en España trala Guerra Civil
1978:
Consello de Guerra contra o grupo teatral Els Joglars
1980:
Primeira exposición Atlántica en Baiona
1984:
Os restos de Castelao regresan a Galicia rodeados de
polémica
|
|