Reavaliada
recentemente a producción arquitectónica dos
anos cincuenta e sesenta, a figura do arquitecto galego Alejandro
de la Sota contémplase como clave para comprender o
esplendor que se vive cara á fin do século.
Elegancia e sobriedade caracterizan a este mestre da arquitectura,
que se mantivo rigorosamente fiel ó espírito
do Movemento Moderno.
En Pontevedra,
no ano 1913, ven Don Alejandro ó mundo "mecido
pola música do picar de mil canteiros en obras que
envolvían a casa onde vivía, casa de pedra (...)".
Temos que sinalar que tivo a sorte de medrar e irse enchendo
do ambiente cultural e intelectual que respiraba a súa
familia e o seu entorno, compartindo xogos cun Filguiera Valverde,
ou co malogrado Alfonsiño Daniel, fillo de Castelao,
por quen por certo Alejandro mantivo sempre unha fonda admiración,
sendo patente a influencia do que se pode considerar o seu
primeiro mestre, sobretodo nas súas caricaturas.
Tras
dous anos estudiando matemáticas na universidade compostelá,
trasládase a Madrid para ingresar na Escola Superior
de Arquitectura. Nestes momentos a ensinanza na Escola, polo
xeral pode calificarse de conservadora e académica,
transmitindo ás promocións que se estaban a
formar receitas absolutamente caducas, nas que a ornamentación
arquitectónica seguía a ter unha presencia de
primeira orde, algo que como veremos pronto rexeitará
de forma radical o noso personaxe. Obterá o título
de arquitecto en 1941, e como o resto da xeración que
sae da Escola despois da Guerra Civil vai ter que enfrontarse
ás circunstancias nada doadas polas que está
pasando a arquitectura española, de costas ós
logros e pautas da arquitectura europea, que ademais, vivirá
tamén nos anos corenta un período de inactividade
a causa da guerra mundial.
Afortunadamente Alejandro logrará superar os obstáculos
deste desolador panorama, conformando xunto a colegas como
Sáenz de Oíza ou Cabrero unha auténtica
xeración de vangarda. Nun proceso de lenta asimilación,
baseado na súa admiración polo Movemento Moderno,
toma o noso protagonista como guías ós grandes
mestres -a Le Corbusier, a Mies Van der Rohe, a Gropius, ou
a Wright entre outros- e recrea no papel as súas obras,
facendo do debuxo un exercicio mental e de reflexión.
A súa
andadura profesional iníciase traballando entre 1941
e 1947 para o Instituto Nacional de Colonización, que
tiña como obxectivo ben a reconstrucción ou
ben a creación ex-novo de zonas devastadas pola guerra;
froito da tarefa desenvolvida no Instituto é o encargo
do poboado de Esquivel en Sevilla, a mediados da década
seguinte, un dos máis destacados proxectos da primeira
obra do autor. Tamén á esta primeira etapa na
que aínda non se mostra plenamente madura a súa
linguaxe, pertence a casa na rúa Dr. Arce en Madrid
(1955) na que nun alarde vangardista atrévese o arquitecto
a negar o concepto de fachada. Ó longo desta década
dos cincuenta remata o noso arquitecto de conformar definitivamente
a súa linguaxe arquitectónica, proceso no que
sen dúbida houbo de ter significativa relevancia a
viaxe que realiza a Berlín no 1956, onde se embebe
completamente da arquitectura moderna. Achégase así
a un vocabulario racionalista que xa non abandonará:
a lóxica ordenación compositiva, os volumes
xeométricos, claros, radicalmente desornamentados,
a pureza das liñas, a aposta polos novos materiais,
son trazos formais dunha arquitectura que por riba de todo
é mental. A defensa destes conceptos converterase para
Alejandro en auténtica fidelidade a un modo de facer
e sobre todo de pensar a arquitectura. Na súa experiencia
docente como profesor da Escola Superior de Arquitectura trataba
de transmitir ós seus alumnos esta forma de concibir
o labor do arquitecto aconsellándolles "pensar
moitísimo antes de debuxar os vosos proxectos e unha
vez sabidos e arquisabidos, dicir por medio do debuxo o que
tendes pensado, para que outros, os constructores, cos vosos
planos, ben claros, ben explicados, vós constrúan
o voso pensamento".
En 1954
enfrontase á elaboración dun difícil
proxecto, o Goberno Civil de Tarragona, un edificio que tería
que axuntar a representatividade do Estado, a funcionalidade
dunha administración e a vivenda do gobernador. Foi
este un punto de inflexión na súa traxectoria
profesional, xa que construíu a que se ben considerando
a súa primeira obra mestra, que por certo lle outorgou
fama e prestixio en todo o territorio nacional. Habería
que esperar algúns anos máis, nos comezos da
década dos sesenta para que abordase a construcción
do ximnasio do colexio Maravillas en Madrid, no que demostra
as súas habilidades compositivas, nun brillante exercicio
de espacialidade, hoxe considerada un fito da arquitectura
española do século XX. De aquí en diante
elaborará numerosos proxectos, que non sempre lograron
dar ese salto dende o papel á realidade, manexándose
con soltura nos diferentes rexistros que esixían as
diversas tipoloxías ás que se enfrontou, pero
manténdose sempre fiel a esa linguaxe minimalista e
conceptual que o caracterizou. Entre eles merecen destacarse
o Colexio Maior César Carlos (1967) o proxecto para
a sede do Bankunión no paseo da Castellana (1970) ou
o edificio de Correos de León (1981).
O recoñecemento
xeneralizado chégalle nos anos oitenta, e a súa
influencia nas xoves xeracións faise palpable a través
ben dos seus alumnos, de colaboradores do seu estudio, ou
simplemente de admiradores da súa obra que pasan tamén
a consideralo un mestre. Tamén é desde mediados
desta década cando a súa producción gráfica
acada unha valoración inusitada, pola súa calidade,
a súa sutileza, e por constituír o máis
fiel testemuño da traxectoria e do pensamento arquitectónico
de Alejandro quen na presentación nunha galería
de Barcelona dos seus debuxos afirmaba como "verdadeiramente
dá tristeza ver ós arquitectos atarefados nos
seus taboleiros, debuxando algo que remata alí, no
mesmo taboleiro. (...) deberían prohibirse estes festivais
visuais e que a xente saíse a respirar aquel aire arquitectónico
puro ou cargado, que antes fora manipulado sabiamente";
para el o debuxo foi sempre un medio, unha metodoloxía,
para un fin, pero nunca para un arquitecto podería
o proxecto converterse en un fin en si mesmo.
No ano 1996 morre Alejandro de la Sota, deixando tras del
un prezado legado arquitectónico, físico, gráfico
e teórico. As verbas coas que alentaba ós seus
alumnos a seguir explorando as posibilidades abertas polos
grandes e xa desaparecidos representantes do movemento moderno
parécenme un bo xeito de rematar este breve repaso
ó perfil de quen tamén é un mestre desaparecido
e do que nos debemos considerar "honrosos orfos cheos
de posibilidades có seu recordo".
|
|
|