Galicia
débelle á súa admirable tenacidade e
á súa ampla visión do porvir, a súa
mellor e máis eficiente obra do americanismo: a Biblioteca
América. Situada
na actualidade no Pazo de Fonseca, dita institución
naceu na Arxentina, concretamente en Bos Aires, cidade á
que se trasladou o seu mentor nos primeiros anos do século
XX.
Nacido
en Santiago de Compostela o 11 de xullo de 1872 e namorado
de Galicia, concibiu, desexoso de estreitar lazos entre a
súa terra e o continente americano, a través
do coñecemento da súa historia e doutras manifestacións
culturais, o magnífico proxecto de dotar á Universidade
da súa cidade natal dos elementos necesarios para lograr
tal fin.
Aínda que nun principio a intención era a de
crear unha Universidad Libre Hispanoamericana, centrarar os
seus esforzos na creación dun dos que serían
elementos complementarios, a Biblioteca América. Para
conseguir este obxectivo o noso protagonista non dubida en
poñerse en contacto con todas aquelas persoas que dalgunha
maneira puidesen impulsar o seu proxecto. Trala primeira circular
informativa, enviada no 1904, na que expresa claramente o
seu propósito "la Biblioteca América tiene
como objeto difundir en España la cultura americana
y cooperar en la confraternidad de nuestros pueblos de común
origen", serán moitas as dificultades e sinsabores
que terá que sufrir o filántropo galego, na
consecución dunha obra que só buscaba a gloria
do seu país e o achegamento de terras consideradas
irmás.
Son
moitas as personalidades, tanto no noso país como na
outra beira do Atlántico, as que responden positivamente
a Busto e se adhiren desde o primeiro momento ó seu
proxecto. Entre eles podemos destacar á escritora Emilia
Pardo Bazán, coñecida por todos a súa
vocación hispanoamericana, ó profesor J. Santaló
Rodríguez ou a políticos como González
Besada ou Montero Ríos, ademais doutros tantos americanos
como o entón presidente da República Arxentina
Roque Sáenz Peña ou o ilustre arcebispo de Montevideo
Dr. Mariano Soler.
Para dotar a biblioteca do número suficiente de exemplares
o noso mentor facía distintas peticións tanto
a instituciones como a particulares, recibindo no seu despacho
da rúa Bartolomé Mitre 659, multitude de doazóns
chegadas de diferentes puntos do continente americano. De
feito, en máis dunha ocasión queixouse da escasa
colaboración recibida por parte dos seus compatriotas
galegos en comparación co aporte americano, motivado
cecais pola falla de comprensión dun proxecto tan innovador
para a época e que non soubo comprenderse na súa
total dimensión. Neste senso deben ser entendidas as
palabras dirixidas ós estudiantes composteláns,
facéndoos partícipes das súas inquedanzas
"por el infatigable obstáculo que halla mi pretensión,
con la petición de vuestros maestros (...) para que
la Biblioteca América no tenga cabida en la gloriosa
Universidad compostelana".
Outro
dos problemas que tivo que afrontar o noso protagonista foi
o traslado dos volumes a Santiago, e foi nestas circunstancias
onde voltou a demostrar o seu tesón para acadar un
soño de tantos anos. Por iso non dubidou en poñerse
en contacto con diversas compañías de transportes
pedindo algún desconto ou privilexio no custo do envío
dos exemplares cara a Galicia; empresa na que acadou resultados
favorables.
Por fin o 26 de xullo do 1926 inaugúrase oficialmente
a biblioteca. Cumpríanse ata o momento vintedous anos
de intensa laboura para culminar nun gran acto de apertura,
celebrado no paraninfo da Universidade e que contou coa asistencia
das máis destacadas personalidades do ámbito
educativo. Paradoxalmente o verdadeiro promotor non puido
asistir, xa que os investimentos monetarios que empregou para
financiar os gastos que causou un proxecto de tal magnitude,
foron tales que foi literalmente incapaz de mercar a pasaxe.
No ano 1937 morre Gumersindo Busto, e a falla deste pulo infatigable
conleva o descenso das remesas de libros, que sen embargo,
aínda que de forma intermitente, seguen chegando ó
longo das décadas seguintes.
Nos nosos días a Biblioteca América continúa
a encher os seus fondos mediante este sistema, manténdose
así vivo o espírito daquel home que no 1904
ideou un proxecto ó que adicaría o resto da
súa vida. Gracias ó seu legado conta Galicia
cun dos máis valiosos fondos no que a temática
americana se refire.
|
|
|