Entre
os galegos que merecen o cualificativo de polígrafo
Ben-Cho-Shey figura en lugar sobranceiro. Historia, etnografía,
xeografía, heráldica ou xeografía, de
todo sabía moito e ben. Mais se tivesemos que buscar
unha soa palabra para definir a este ourensán ilustre
nada mellor que a de galeguista.
Don Xosé Ramón Fernández-Oxea nace en
Ourense en 1896. No ano 1915 remata os seus estudios de mestre
de ensino primario, dedicación que ocuparía
a vida profesional do noso protagonista desde 1925, ano no
que aproba as oposicións a mestre nacional. Fernández-Oxea
foi mobilizado como soldado para a guerra de Marrocos, foi
precisamente no norte de África onde, en 1922, nacería
o seudonimo co que sería coñecido o resto dos
seus días. En efecto, Ben-Cho-Shey foi a sinatura que
empregou para as súas crónicas de guerra enviadas
ao xornal de Ourense La Zarpa, dirixido por Basilio Álvarez.
Como mestre exerceu a súa profesión en Cariño
e máis tarde en Sta. Marta de Moreiras (Ourense), parroquia
que se convertería en obxecto de exhaustivos estudios
etnográficos que o autor publicaría en 1969.
No ano 1935 ingresou por oposición no Corpo de Inspectores
de Ensino Primario, posto que desempeñaría ata
a súa xubilación. Establecido en Lugo, presidiría
nesta cidade o Partido Galeguista, símbolo do seu compromiso
político. A chegada do franquismo trouxo para Ben-Cho-Shey
importantes cambios; en 1937, e como represalia pola súa
vencellación galeguista, foi trasladado a Cáceres,
non sen antes ser suspendido de emprego e soldo por tres meses.
Máis tarde desenvolvería tamén a súa
profesión en Toledo.
A vida de Ben-Cho-Shey estaría tamén moi vencellada
a Madrid. Nesta cidade levou a cabo un importante labor cultural,
ademais de ser mentor e protector de moitos mozos galegos
estudiantes na capital do Estado (Xesús Alonso Montero
ou Xosé Luís Méndez Ferrín, serían
exemplos destacados). Así, Ben-Cho-Shey axudou á
fundación de colectivos como o Grupo Brais Pinto, que
tanto contribuirían ao rexurdir político do
galeguismo na post-guerra. Fernández-Oxea foi tamén
directivo do Centro Galego de Madrid, posto desde o que levou
adiante interesantes actividades culturais.
Ben-Cho-Shey foi autor dunha obra escrita de grandes dimensións.
Sen dúbida, as investigacións históricas,
etnográficas, heráldicas, etc., ocupan grande
parte dos seus libros publicados. Mais, Ben-Cho-Shey destacou
igualmente pola súa obra literaria, tanto en prosa
(Andrómenas, 1954) como en verso (A ducia do frade,
1966), sen esquecer as súas colaboracións xornalísticas,
reflectidas en centos de artigos en xornais galegos. Membro
correspondente de diversas Sociedades e Academias (entre elas
a da Historia); recibiría ao longo da súa vida
numerosos premios e homenaxes, a destacar a medalla Castelao
en 1986. Este grande home comprometido decote con Galicia
falecería en Madrid no ano 1988.
Malia a importancia da súa obra, a figura e a personalidade
de Ben-Cho-Shey son descoñecidas para o grande público
de Galicia. Fronte a outros homes da súa xeración,
tales como Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas,
a presencia do noso protagonista non chega aos galegos coa
mesma intensidade. Na procura das razóns deste esquecemento
pensamos que as liñas dun artigo do propio Ben-Cho-Shey,
publicado na revista Lar de Bos Aires en 1951, ofrécennos
a chave:
"Poucas vegadas se terá dado na Historia un caso
tan insólito, tan desgraciado e tan triste como o de
Galicia. Eu confeso que non conozo outro pobo que como o galego
faga unha tan completa renuncia da súa persoalidade
nin renegue tan radicalmente de todo canto representa o seu
xeito de ser: dos seus costumes, dos seus bailes e, ¡sobre
todo!, da súa fala.
O caso de Galicia é o caso inaudito dun pobo en dimisión
colectiva de canto ten de seu e o caracteriza.
Intuición non lle faltaba a Fernández-Oxea pois,
con visión certeira, incluíu no seu epitafio
a seguinte advertencia: "Nota: quedan suprimidas tódalas
homenaxes post-mortem, porque as cousas ou se fan ó
seu tempo ou non se fan". Non se pode negar que Ben-Cho-Shey
foi un home brillante ata o final.
|
|
|