Inicio I Biografía I Contexto

O persoeiro no seu contexto [Ben-Cho-Shey]
por Gustavo Hervella
  Ben- Cho- Shey
Biografía sobre o persoeiro


A OPOSICIÓN POLÍTICO - INTELECTUAL Á DICTADURA 1960 - 1977

A fins da década de 1950 un grupo de estudiantes de ideoloxía esquerdista e críticos con Ramón Piñeiro formaran en Madrid o Grupo Brais Pinto. Xa en Galicia moitos deles constituíron o Consello da Mocidade, pero a súa heteroxeneidade ideolóxica provocou a esgazadura interna. En 1963 fundaron na capital de España un partido político, a Unión do Pobo Galego, U.P.G, de carácter marxista e nacionalista, ó aveiro dos grupos que nestes intres xurdían ó carón dos movementos de emancipación do Terceiro Mundo. Na Coruña, e baixo a protección de Ramón Piñeiro, constitúese o Partido Socialista Galego, de carácter socialdemócrata, contemplado con bos ollos dentro do galeguismo histórico. Pero a oposición á Dictadura estaba encabezada polo P.C.E, que en 1968 crea a sección galega en París, o Partido Comunista de Galicia, P.C.G, sendo Santiago Álvarez o seu primeiro Secretario Xeral. A acción da oposición será patente na universidade compostelá, e tamén en determinados acontecementos que suceden ó longo da xeografía galega, sobresaíndo os de Castrelo de Miño en 1965. A maioría destes acontecementos están moi influenciados polas loitas de emancipación do Terceiro Mundo, destacando a Fidel Castro en Cuba e Ho Chi Ming en Vietnam. A nivel xornalístico destacaron as denuncias efectuadas ó poder polo que se supuña unha venda solapada do patrimonio de Galicia ó mellor ofertante, neste caso ó Conde de FENOSA, Pedro Barrié de la Maza. As accións da oposición non eran elaboradas dun xeito autónomo, senón que había colaboracións con outros grupos peninsulares - E.T.A ou o P.S.A.N - e incluso mundiais - Partido Socialista Italiano ou o I.R.A -.
A oposición non aceptou a Juan Carlos como Xefe de Estado a título de Rei, e felicitouse pola morte de Carrero Blanco en 1973, incluso aquela que estaba en contra da loita armada.
Trala morte do Dictador, o triunfo da Reforma e o fracaso da Ruptura, amoldou ós grupos, e fixo que moitos colaborasen no modelo de Transición que se estaba a levar a cabo, como foi o caso do P.C.E e o do P.S.O.E, entre outros. O primeiro creara a Junta Democrática en 1975, e o segundo a Plataforma Democrática; ambas se xuntaron en Coordinación Democrática un ano despois. Sen embargo, os partidos nacionalistas galegos deses anos rexeitaron colaborar con elas, e nas primeiras eleccións democráticas de 1977, non puideron participar.

Foto: Manifestación en Vigo pola Autonomía en decembro de 1977. O nacionalismo galego. Justo G. Beramendi e X.M. Núñez Seixas. Edicións A Nosa Terra.

 

CRONOLOXÍA

1962: Máis dun centenar de delegados da oposición reúnense en Munich

1963: É executado o comunista Julián Grimau

1963: Nacen as Comisións Obreiras

1963: Fundación da U.P.G en Madrid, logo refundada en 1964

1963: Fundación na Coruña do P.S.G, auspiciado por Ramón Piñeiro

1965: Loita contra o encoro de Castrelo de Miño (Ourense)

1965: Aranguren, Tierno Galván e García Calvo son apartados da súa cátedra universitaria

1968: Fundación do P.C.G en París

1969: Sae á luz o Galicia Socialista, órgano do P.S.G.

1970: Consello de Guerra en Burgos contra militantes de E.T.A.

1971: Creación dos Comités de axuda á loita labrega, xermolo de Comisións Labregas

1972: Mobilizacións en Ferrol. Os estaleiros da Bazán en Folga. Asasinato de obreiros

1973: Proceso 1001 contra militantes de CC.OO.

1975: Fundación en Portugal da AN-PG, coordinación de todas as frontes de oposición


1975: Asasinato do membro da U.P.G Moncho Reboiras

1975: O P.C.E - P.C.G funda a Xunta Democrática, homónima da española

1975:Militantes de E.T.A e F.R.A.P son executados

1977: Mobilizacións contra a Central Nuclear de Xove

1977: Legalización do Partido Comunista de España, P.C.E.

1977: Primeiras eleccións democráticas tralas de febreiro de 1936

1977: Sae á rúa o semanario A Nosa Terra



 

 
     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000