Inicio I Biografía I Contexto

Don Ramón Mª Aller Ulloa
por María Seijas Montero
  O persoeiro no seu contexto
por Gustavo Hervella
Aprende sobre esta época aquí

Un cráter na Lúa e varias estrelas levan o nome de Aller. Sacerdote, matemático e astrónomo alcanzou un gran renome na Europa da súa época. Difícil e tratar de resumir a traxectoria profesional dun home que chegou a ser unha recoñecida autoridade no campo da Astronomía. Doutor en Teoloxía e en Ciencias Exactas, construíu en Lalín, en 1912, o primeiro observatorio astronómico de Galicia.
Naceu no pazo de Filgueiroa na parroquia de Santa María de Donramiro, (Lalín) o día 3 de febreiro de 1878 e faleceu o 28 de marzo de 1966 en Lalín, ós oitenta anos de idade. Comezou os estudios sacerdotais no Seminario de Lugo (1894). Dous anos antes de doutorarse en teoloxía, recibiu da súa avoa materna un "anteollo". Rexeitou calquera cargo eclesiástico e cobrar servicios relixiosos, e oficiaba misa todos os días, as dez. Dedicou todo o seu tempo á paixón científica e publicou o seu primeiro traballo en 1912 sobre un cometa. A ninguén debe escapar que traballou con escasos medios técnicos, nembargantes os resultados foron óptimos e xa en 1939 foi profesor da Universidade de Santiago de Compostela e introduciu, como unha constante nos estudios peninsulares, o das estrelas dobres. En 1941 foi nomeado membro da Real Academia Galega. Mercé ós seus oficios e desinterese creouse a cátedra de astronomía na Facultade de Ciencias cara a 1944. Catedrático extraordinario da Universidade, en 1960 foi nomeado fillo predilecto de Lalín.


D. Ramón M. Aller era todo bondade e modestia. A súa tenacidade e regularidade no traballo eran motivo de admiración non menos que de asomo. Os seus artigos foron publicados por revistas estranxeiras especializadas como L´Astronomíe ou Astronomisch Nachrichten. O astrónomo inglés P. Wilkins, que confeccionou un mapa da Lúa, bautizou un pequeno cráter co nome do sabio lalinense.


O seus conterráneos fixeron levantar un monumento o sabio, obra de Asorey, o lado da igrexa do seu pobo. O recordo de D. Ramón tamén está presente no Museo Municipal de Lalín, inaugurado o día 30 de novembro de 1989 adaptándose para tal fin o edificio do século XIX con xardín que pertenceu ó sabio astrónomo, e onde se emprazou no ano 1911 o xermolo do que sería o primeiro Observatorio Astronómico da Galicia. Este edificio foi adquirido polo Concello de Lalín á morte de D. Ramón Mª Aller co fin de convertelo en museo.

Na actualidade na casa-museo de D. Ramón expóñense obras e obxectos relacionados con este personaxe sendo esta colección a orixe dos fondos do museo. Estas testemuñas perpetúan a memoria deste paisano de Lalín que vestía sotana, levaba lentes redondas e contaba cunha singular personalidade, a de quen fixo da súa vida un heroico exemplo da busca da perfección.


 
 













     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000