Inicio I Biografía I Contexto

O persoeiro no seu contexto [Fermín Penzol]
por Gustavo Hervella
  Fermín Penzol
Biografía sobre o persoeiro


GALICIA NO FRANQUISMO SERODIO 1960 - 1975


Na década de 1960 o fenómeno máis sobresaínte foi a emigración a Europa, que se ben antes foi testemuñal, agora acada cifras moi elevadas. Esta é unha das causas polas que a poboación galega experimenta un descenso continuo. Si en 1960 Galicia tiña o 8,5% da poboación española, en 1970 xa descendera ó 7,6%.
Co fin da etapa autárquica, a economía de Galicia seguía sendo agrícola, mais agora cunha importancia sobresaínte a exportación, como consecuencia do proceso de urbanización español.O agro intégrase nos circuítos capitalistas do mercado, superándose así o policultivo de autoconsumo. Durante estes anos culmina o proceso de desaparición dos montes comunais, en relación co desenvolvemento da industria da madeira. O sector pesqueiro tamén se beneficia da conxuntura económica que nestes intres vive España e ante a posibilidade de faenar nos caladoiros africanos sen ningún tipo de atrancos. O despegue definitivo da industria eléctrica realízase agora, os ríos galegos, en especial o Sil e o Miño ofrecían condicións naturais inmellorables para a construcción de grandes encoros. Nestes anos tamén chegan a Galicia capitais estranxeiros, patrocinadores dunha industrialización moi contaminante, velaí os casos de Citroen Hispania ou Aluminios de Galicia. Toda esta mellora económica era ficticia, como puxo de manifesto a crise enerxética de 1973. As consecuencias da mesma observáronse na reducción de emigrantes, e na perda de postos de traballo en sectores básicos da industria.
Nos últimos anos do franquismo, Galicia ademais de exportar man de obra e materias primas, tamén se constituíu en exportadora de recursos financeiros para sufragar o desenvolvemento doutras áreas do Estado, o que supuxo unha das teimas que esgrimía a oposición democrática ante a réxime.

 

 

 

 

 

Foto: Proxecto Galicia Tomo VIII. Hércules de Ediciones S.A.

 

CRONOLOXÍA
1961: Fúndase a asociación cultural O Galo en Santiago

1961: Adóptase o horario laboral europeo permitíndose a xornada continua

1961: Primeiras accións de E.T.A

1962: O príncipe Juan Carlos casa con Sofía de Grecia

1963: Campaña "do peso" para instituír o Premio Castelao de teatro

1963: Nace o Consello da Mocidade para a promoción cultural e política de Galicia

1963: Comeza a publicarse Cuadernos para el Diálogo

1965: As manifestacións universitarias agroman en Madrid

1966: Un bombardeiro de EE.UU perde catro bombas H en Palomares

1967: V Asemblea de E.T.A decidindo intensificar a loita armada

1968: Independencia de Guinea Ecuatorial, que fóra colonia española

1969: Juan Carlos é nomeado sucesor de Franco a título de Rei

1971: Peche do Diario Madrid por orde gobernativa

1972: A maioría de idade das mulleres queda equiparada á dos homes

1972: X.M Beiras publica O atraso económico de Galicia

1973: Carrero Blanco, presidente do goberno, é asasinado por E.T.A.

1974: Goberno Arias Navarro e breve albisco de apertura na réxime

1975: A Marcha Verde avanza cara o Sahara español

1975: Morte do Dictador Francisco Franco Bahamonde



 

 
     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000