Inicio I Biografía I Contexto

O persoeiro no seu contexto [Enrique Heraclio Botana]
por Gustavo Hervella
  Enrique Heraclio Botana
Biografía sobre o persoeiro


O OBREIRISMO NA GALICIA DE ANTEGUERRA
A poboación activa dedicada ó sector secundario en Galicia experimenta un crecemento nos primeiros trinta anos do século XX, aínda que o peso do rural será destacado ata os anos sesenta. Dentro do mundo industrial temos que destacar ó sector pesqueiro e conserveiro, centrado na Coruña e Rías Baixas. Xunto a isto, as manufacturas dependentes do Estado, como a Fábrica de Tabacos da cidade herculina e o sector naval de Ferrol. É lóxico que os primeiros gromos de mobilización obreira fose neses lugares, e a cidade departamental é a primeira galega que establece unha sección do PSOE en 1891; e en 1913 Vigo ten en E.H. Botana o primeiro concelleiro socialista nunha vila galega. Ambos acontecementos prodúcense tardiamente, o que fai constatar un claro atraso na organización dos traballadores galaicos, sobre todo ó comparalo con outras zonas do Estado. As mobilizacións son destacadas desde 1917, co triunfo da revolución rusa, e o remate da Primeira Guerra Mundial. O clima reivindicativo desembocará en dúas folgas xerais en 1916 e 1917 seguidas con desigual éxito nas cidades galegas. Os sindicatos están minimamente estructurados en Vigo, Coruña e Ferrol, no resto da xeografía galega a presencia era difícil, e nalgún caso imposible. Destacará a U.G.T e a C.R.G -C.N.T- , cunha mínima presencia do P.C.E desde 1920.

Non podemos esquecer as mobilizacións no sector agrícola, a través do agrarismo, destacando o sucedido no Baixo Miño na década de 1920 -Sobredo e Guillarei-. Aínda que socialistas e anarquistas se preocuparán polo campo, sempre hai que enmarcar os seus movementos no espacio do agrarismo, que desde sempre foi interpartidista, tentando establecer unha colaboración entre as diferentes agrupacións existentes en Galicia, como foi a experiencia de Solidaridad Gallega en 1907-08.

En 1931 o movemento obreiro galego xa levaba medio século asentando unha cultura propia, que repercutirá nunha leve mellora da súa condición de vida; como afirman moitos especialistas, "xa estaba preparado para a revolución".
Nun número destacado moitos dos líderes proletarios dos anos trinta proviñan da emigración americana onde adquiriran coñecementos na loita sindical, como por exemplo Jesús Blanco en Lalín. A crise económica de 1933 provoca a radicalización dos obreiros, exemplificado no apoio á loita dos mineiros en Asturias en 1934; observando así mesmo como as forzas da C.N.T e da U.G.T íanse equilibrando. Entre 1935 - 1936 prodúcense en Galicia 60 folgas, coincidindo ambas centrais nas mesmas reivindicacións. Xunto a isto tamén é digno de destacar como as tensións ían aparecendo no outrora dócil agro.
De novo o 17 de xullo e 1936 supuxo a desaparición de todas estas experiencias dentro do mundo laboral galego.

 

Foto: Imaxes da fatiga -Crónica gráfica do traballo na Galiza- Dionísio Pereira. Edicións A NOSA TERRA

 


CRONOLOXÍA

1900 Lei prohibindo o traballo ós menores de dez anos


1901 Inauguración do "Círculo Católico de Obreros de Orense"

1901 - 1904 Unión Galaico - Portuguesa

1904 Lei do descanso dominical

1908 Regulación do dereito de folga

1911 Créase a C.N.T, destacando a Sociedade de Oficios Varios de Vigo

1913 E. H. Botana concelleiro en Vigo nas ringleiras do P.S.O.E.

1916 Pacto da C.N.T e a U.G.T

1917 Revolución Rusa. Folga Xeral Revolucionaria

1918 Regúlase a xornada de oito horas.

1920 Constitución do P.C.E

1926 Creación dos comités paritarios obreiros - patróns

1927 Nace a Federación Anarquista Ibérica, F.A.I

1931 Instauración da II República o 14 de abril

1933 A C.R.G chama en Galicia á Folga Revolucionaria

1934 Revolución de Asturias. Folgas en Monforte, Ferrol, Vigo e A Coruña

1936 Creación da "Federación Provincial Campesiña de Ourense", do P.C.E.

1936 Pacto do Frente Popular. As eleccións de febreiro gáñaas a esquerda


 

 
     
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000