|  
             Se 
              botas en falta algún fanzine, publicación, actividade, 
              noticia... Non o dubides,  
              FÁINOLO SABER 
               
           | 
            | 
           
              
              2001: O estado da banda 
               
              Na 
              altura de febreiro de 2002... 
            Logo dun longo 
              ano de constante efervescencia, no soportal BD de Culturagalega.org 
              comprobamos como a actividade arredor da novena arte durante o 2001 
              se incrementou significativamente con respecto a anos anteriores, 
              e constatamos que, sen dúbida, estamos nun dos intres de 
              maior eclosión creativa e mesmo a nivel de publicacións 
              da toda a historia da BD galega. Ademais deuse a circunstancia de 
              que varios autores acadaron publicar en editoriais foráneas 
              ou foron recompensados con premios a nivel estatal. Haberá 
              que estar atentos para ver se desta volta se dá ó 
              salto á profesionalización e normalización 
              do sector no país. 
               
              Publicacións   
            A pesar de que 
              o número de fanzines editados no 2001 non foi moi alto, atopamos 
              este ano a aparición de varias publicacións cun formato 
              profesional. Aínda que a desaparición en maio da revista 
              "Golfiño" deixou a nosa BD orfa dunha publicación 
              infantil/xuvenil, a continuidade e afortalamento doutros proxectos 
              (máis orientados a público xuvenil/adulto) aseguran 
              ós autores galegos a posibilidade de verse publicados aínda 
              que non moi profesionalmente, no país. 
               
              Durante o 2001 e con visos de continuidade coñecimos as seguintes 
              publicacións e proxectos editoriais en Galicia: 
               
              "BD Banda": A única revista de BD galega 
              a día de hoxe naceu sorpresivamente o Día das Letras 
              do 2001. Coordinada por Kiko da Silva desde Pontevedra e con dous 
              números, pretende ser un escaparate dos debuxantes galegos. 
              De periodicidade semestral, achega unha boa chea de páxinas 
              polas que vai pasando a práctica totalidade dos autores actuais. 
              Conta cunha subvención do Concello de Pontevedra, polo que 
              os seus promotores aseguran unha continuidade mínima de dous 
              ou tres números máis. No seu segundo número 
              incorporáronse á realización desta revista 
              algúns dos antigos membros de Frente Comixario en tarefas 
              de deseño e impresión, o que permitiu darlle un aspecto 
              altamente profesional. Os setecentos exemplares do número 
              un están practicamente esgotados e os mil do segundo número 
              levan un bo ritmo de vendas.  
              (Número 1) 
              (Número 2) 
               
              Polaqia: Colectivo de autores composto polo guionista Kike 
              Benlloch e polos debuxantes Jano, Bernal, Alberto Vázquez, 
              David Rubín e Diego Blanco. Con ocasión do salón 
              "Viñetas desde o Atlántico" do 2001 editaron 
              eles mesmos "Mmmh!!", unha colectánea de historias 
              curtas que comparten a característica de seren mudas. Unha 
              interesante experiencia narrativa que foi acollida positivamente 
              polos medios e a crítica de todo o estado. Para o 2002 anuncian 
              abondosos proxectos, algunha 
              deles orientado cara a autopublicación e outras para editores 
              externos. Cando menos prometen un novo lanzamento para o vindeiro 
              Salón de Coruña, o que non é pouco.(Máis 
              información) 
               
              O fanzine das Xornadas: Con motivo das XIII Xornadas de BD 
              de Ourense apareceu o número oito do Fanzine das Xornadas, 
              con traballos curtos de diferentes autores galegos e unha selección 
              de historias publicadas en varios fanzines europeos, ademais de 
              varios interesantes artigos sobre o mundo da BD. Esta publicación 
              está coordinada por Henrique Torreiro e publicada polo colectivo 
              Phanzynex. Agardamos 
              un novo número para as vindeiras xornadas. Máis 
              información. 
               
              Semana da Banda Deseñada: Coincidindo coa segunda 
              edición desta mostra itinerante viu a luz a segunda edición 
              desta publicación, que recolle textos sobre historia xeral 
              da novena arte con páxinas realizadas por autores do país. 
              Ademais, explica diferentes aspectos sobre a BD para un público 
              xuvenil. Esta publicación foi editada pola Xunta de Galicia 
              e coordinada por Henrique Torreiro e Bieito Losada. Está 
              prevista unha edición para abril, cando se poña en 
              marcha a vindeira semana itinerante da BD. Máis 
              información. 
               
              II Certame Galego de Imaxe Artística: BD 2001: Publicación 
              que recolle os traballos gañadores deste certame, editado 
              pola Consellerķa de Xuventude da Xunta de Galicia. A vindeira edición 
              realizarase en outubro coincidindo coa entrega de premios na Xornadas 
              de Ourense. 
               
              La Cucaracha Feliz: Un proxecto moi pouco coñecido de 
              Diego Blanco e de T. Mel: Os fanzines de peto, editados en tamaño 
              tarxeta, o mesmo formato que empregan certas congregacións 
              relixiosas para os seus panfletos. Polo de agora levan editadas 
              dúas entregas de "Las aventuras de Jesucristo en el 
              Oeste" e a aventura "La iniciación masónica 
              del Tío Gilito". O seu proxecto e realizar máis 
              historias e despois vendelas conxuntamente. Este proxecto ten a 
              súa versión na web Novenoarte. 
               
              "Comikaze": A comezos do 2001 viu a luz o sexto número 
              deste veterán fanzine editado desde Porriño. Nesta 
              ocasión os autores presentaron un "Especial Ghuevo" 
              con abondosas historias que xiran arredor deste elemento. Para comezos 
              do 2002 anunciaban o séptimo. Máis autores novos presentan 
              o seu traballo nunha das publicacións máis veterás 
              do país.Web 
              do fanzine. 
               
              "Contubernio": Durante o 2001 viu a luz o número 
              oito deste fanzine realizado en Viveiro e no que podemos ler abondosas 
              historias ambientadas nesta mesma vila. Traballos de Diego Blanco, 
              Brais Rodríquez, Daniel Pazos e outros nunha das experiencias 
              máis veterás da nosa BD. Máis 
              información. 
                
            "Sintoteca": 
              Un novo fanzine que viu a Luz na Coruña en 2001 con traballos 
              de Jano, Alberto Vázquez, Diego Blanco, Anxo Cuba e Kike 
              Benlloch entre outros. Un proxecto que continúa coa publicación 
              dun segundo número en febreiro do 2002. Os dous números 
              acompáñanse de cadanseu CD de música electrónica.Máis 
              información.Máis 
              información. 
               
              "A prueba de balas": Fanzine manga editado con ocasión 
              de Viñetas desde o Atlántico. Contén unha única 
              historia realizada por Enma Ríos Maneiro, que forma parte 
              dunha saga que esta debuxante pretende completar. 
               
              "Gas butano": Durante o 2001 editáronse varios 
              números deste fanzine coruñés que incluía 
              traballos de Jano e Alberto Vázquez entre outros. 
               
              IV Catálogo de Viñetas desde o Atlántico: 
              Publicación que recolle as mostras realizadas con ocasión 
              deste salón. 
               
              Certame de Cómic de Art'eixo: Aínda que no 
              ano 2001 non viu a luz a publicación cos gañadores 
              da VI do certame, en xaneiro do 2002 o concello un novo número 
              desta publicación, polo que agardamos a súa continuidade 
              de cara ó 2003. Máis 
              información. 
               
              Outras publicacións realizadas con fins promocionais foron 
              "Muralla Romana de Lugo: Unha aventura no tempo", realizada 
              por Ariel Campoy e editada polo xornal "El Progreso" con 
              ocasión do primeiro aniversario da declaración deste 
              monumento como Patrimonio da Humanidade. Tamén foi a BD o 
              soporte escolleito polo Concello de Vigo para desenvolver unha campaña 
              contra o alcoolismo baixo o título "Bebes 
              ou te moves". A realización correu a cargo de Rafa 
              Fernández. Finalmelnte, tamén desde Vigo puidemos 
              ver a finais do 2001 a publicación "Asun , Roque y el 
              Cristo de la Victoria", un traballo de Anxo Fariña con 
              guión de Joaquín Rolland que pretende facernos amar 
              Vigo e o Cristo da Victoria.  
              Ademais, o xornal "Diario de Pontevedra" inclúe 
              cada domingo unha páxina da historia coleccionable realizada 
              por Fernando Iglesias e "La Opinión" vai xa pola 
              segunda historia por entregas de Javier Prieto. 
               
              Podes ler unha lista de traballos publicados en Galicia no 2001 
              nesta noticia do soportal 
               
            Xornadas 
             
              Viñetas desde o Atlántico: As xornadas máis 
              importantes de Galicia e quizais do estado consolidáronse 
              no 2001 coa súa cuarta edición atraindo á Coruña 
              a uns 60.000 visitantes e contando coa presencia de destacados debuxantes 
              europeos e americanos, abondosas mostras e stands das principais 
              librerías e editoriais de toda España. A súa 
              continuidade semella garantida para o vindeiro ano dado o apoio 
              que o Concello da Coruña está a prestar a este evento 
              de importancia internacional. Verémonos na Cidade Herculina 
              a mediados de Agosto, aínda que nesta ocasión non 
              será na Estación Marítima, senón entre 
              o Kiosko Afonso a sala de exposicións da Rúa Durán 
              Loriga e o edificio do Concello. Máis 
              información. 
               
              Xornadas de Banda Deseñada de Ourense: As máis 
              veterás Xornadas de Galicia fixeron en outubro a súa 
              XIII Edición confirmando unha vez máis a calidade 
              e a importancia da producción de BD galega e consolidándose 
              coma un referente indiscutible para os autores e afeccionados do 
              país. A presencia de autores do Alén Miño deu 
              a súa xusta dimensión internacional a unhas xornadas 
              que aspirar a continuar medrando pasiño a pasiño. 
              A vindeira cita será, de novo, cara a outubro, na Casa da 
              Xuventude de Ourense.Web 
              das XIII Xornadas. Máis 
              información. 
               
              Xornadas de Banda Deseñada de Cangas: Xa van cinco 
              edición dun encontro que vai medrando ano a ano. 
              Orixinais de autores americandos, algunha visita internacional, 
              películas, un certame e unha mostra novos valores que hai 
              que ter moi en conta á hora de pensar no futuro do sector 
              en Galicia. Para o 2002 anuncian un cambio de ubicación desde 
              o pabillón do IES Rodeira cara o recén rematado Auditorio. 
              O intre de achegarse ata alí será entre finais de 
              xullo e comezos de agosto. Máis 
              información. 
               
              Xornadas BD Banda: A sorpresa do ano. En novembro celebráronse 
              no Pazo de Mugártegui de Pontevedra as I Xornadas BD Banda-Concello 
              de Pontevedra, organizadas arredor da revista do mesmo nome. Exposicións 
              de orixinais da revista, mesas redondas con autores que participaron 
              nela e obradoiros de Bd foron as principais actividades. Para o 
              2002 prevese a súa continuidade, aínda que barállanse 
              distintas datas e localizacións para a súa celebración.Máis 
              información. 
               
              Certame de Cómic Art'eixo: En xaneiro do 2001 celebráronse 
              de novo nesta localidade, e coincidindo coa entrega de premios deste 
              mesmo nome, unhas xorndas de dous días que contaron con proxeccións 
              de películas e exposicións de novos autores galegos. 
              No 2002 repetiron, presentando ademais a publicación cos 
              traballos premiados nas últimas edicións do certame.Máis 
              información. 
               
              Semana da Banda Deseñada: A segunda edición 
              desta mostra itinerante de BD saiu á estrada en febreiro 
              do 2001 e só parou o 26 de decembro logo de visitar 23 concellos 
              do país. Ademais de amosar orixinais de autores galegos, 
              a Semana leva por toda Galicia unha bedeteca móbil con clásicos 
              da novena arte e inclúe a edición dunha publicación 
              sobre BD.Máis información. 
               
              Semana do Cómic do IES As Telleiras: En abril do 2001 
              botaba a andar neste instituto de Narón esta actividade que 
              pretendía achegar a novena arte ós alumnos. Ademais 
              a instalación dunha sala de lectura para BDs e de adquirir 
              unha boa cantidade de albuns para a biblioteca do centro, a semana 
              incluíu a visita de varios debuxantes galegos ó instituto, 
              que amosaron ós rapaces como se fai unha banda deseñada. 
              No 2002 repetiron experiencia realizando ademais un certame de BD 
              entre os alumnos do centro.Máis 
              información. 
               
                
              Webs  
               
              Durante o 2001 creáronse unha boa cantidade de webs dedicadas 
              á BD ou que reflicten a novena arte en parte dos seus contidos. 
               
              Banda Deseñada en culturagalega.org: 
              Esta web foi dando conta ó longo de todo o ano da actualidade 
              do sector da BD en Galicia e foi incorporando nas súas seis 
              actualizacións unha boa cantidade de fondos de escritorio 
              ademais de ampliar as fichas de autores e de fanzines, as ligazóns 
              a webs do país e  
              Polaqia: 
              Web deste colectivo, inclúe unha sección de noticias 
              e reseñas de prensa. 
              Novenoarte: 
              Os traballos de Diego Blanco e Tito Mel na rede 
              XIII 
              Xornadas de Ourense: Esta web, aporta o programa das Xornadas 
              e permite descargar o catálogo da exposición de fanzines 
              en formato pdf. 
              Bravú.net: 
              Este portal, xurdido no 2001, vén incorporando regularmente 
              noticias sobre BD, e entre os seus proxectos 
              está poñer na rede traballos neste formato. 
              Kike 
              Benlloch: Web persoal deste guionista e autoeditor de BD. 
              Nela poden verse algúns dos seus traballos, 
              así como reseñas 
              e artigos sobre o tema. 
               
              A presencia 
             
              As diferentes iniciativas que foron nacendo este ano acadaron que 
              os medios galegos recollesen a presencia da BD máis do que 
              se tiña visto desde o tempos de Frente Comixario, incluíndo 
              entrevistas a diferentes autores e reportaxes sobre as distintas 
              xornadas. Esta atención chegou mesmo a revistas especializadas 
              españolas coma "Little Nemo" ou a "Guía 
              del Cómic" de Undercomic que referencian algúns 
              do lanzamentos patrios. En Terra.es vimos hai uns meses como lle 
              dedicaban unha reportaxe 
              á BD galega incluíndo unha entrevista a David Rubín. 
               
              Por se fose pouco, a actualización da Gran Enciclopedia Galega 
              realizada este ano incorporou por primeira vez a entrada "Cómic", 
              realizada por Carlos Portela. Baixo este epígrafe podemos 
              atopar un interesante artigo no que se resume a historia da novena 
              arte no noso país. 
              Agardamos que esta presencia non faga máis que medrar de 
              aquí en adiante. 
               
              Traballos fóra 
             
              A presencia da BD galega fóra do país veu marcada 
              nos últimos doce meses pola publicación en Francia, 
              da man de Humanoides Asociées do primeiro volume de "Les 
              Heresiarches", unha tetraloxía debuxada por Das Pastoras 
              sobre un guión de Carlos Portela.  
              Outros autores que acadaron saír fóra foron Miguel 
              Anxo Robledo e Fran Jaraba, que viron publicadas senllas historias 
              na web de BD Whamcomics.com, de Miami. Mentres, autores coma Norberto 
              Fernández ou José Gimeno continuaron a súa 
              colaboración con publicacións coma "Kiss Comix" 
              ou a italiana "Skorpio" respectivamente. Norberto tamén 
              participou na antoloxía "Magical Mistery Moore", 
              un volume editado pola española Sulaco Edicións na 
              que autores de todo o estado daban forma gráficas ás 
              cancións do coñecido guionista Alan Moore. 
               
               
              Proxectos  
             
              Para o 2002 está prevista a consolidación dos diferentes 
              proxectos que están a xurdir na BD Galega. Así, a 
              revista "BD Banda" continuará cun maior número 
              de coordinadores e aspiracións a convertirse nun referente 
              a nivel estatal. Desde Polaquia agárdase publicar algún 
              traballo en editoriais españolas e continuar a súa 
              tarefa de autoedición. Pola súa banda, Miguelanxo 
              Prado continuará desenvolvendo os seus novos proxectos, algún 
              dos cales podería verse publicado antes do 2003. Sen data, 
              pero inicalmente previstos para esta primavera, están os 
              álbumes "Cita na Habana 2" de Fran Jaraba e "A 
              retirada de Sir John Moore" de Pepe Carreiro, que deberían 
              ver a luz da man de Xerais. 
              Tamén están en desenvolvemento unha banda deseñada 
              sobre o mundo sindical e outra de seguridade vial que verán 
              a luz antes do outono. 
              Seguimos pendentes de proxectos anunciados para este ano coma a 
              creación de senllas asociacións de afeccionados na 
              Coruña e en Vigo ou a continuidade de fanzines coma "Alopecia 
              Mental".  
              E a ver que novas sorpresas nos achega o ano.... 
               
           |