A situación da BD vista desde o 2002

Experiencias como a importación de series francesas en formato álbum remataron na sección de saldos das librerías

 

Agora mesmo está en constitución na Cidade Herculina unha asociación de afeccionados á banda deseñada que pretende traballar a nivel galego.

 


A revista Elipse semella nunha vía morta sen solución por problemas cos seus contidos

 

 


"Viñetas desde o Atlántico" chegou a recibir 50.000 visitas desde todo o mundo na súa última edición

 


Vai cara o seu número once a revista mensual "Golfiño", de carácter infantil e xuvenil e dedicada exclusivamente á banda deseñada galega con notable éxito

 


Cara a finais do ano 2000, Edicións Xerais presentou "Cita na Habana" de Fran Jaraba.

 


¿Que podemos atopar sobre banda deseñada en Galicia a día de hoxe?



Xaneiro 2001.-

A esperanza de hai dez anos
Nunha entrevista concedida ó monográfico de Banda Deseñada de "Cadernos A Nosa Terra" en 1990 Miguelanxo Prado sinalaba a súa confianza en que de alí a dez anos existise unha banda deseñada galega.

Despois de máis de vinte anos de historia confinada a publicacións de afeccionados, breves aparicións na prensa, ocasionais edicións institucionais e fracasados intentos de publicación profesional, a banda deseñada atopábase nun intre de explosión, cunhas recén inauguradas xornadas de Ourense e novos creadores de grande calidade a puxar. As perspectivas eran entón optimistas. ¿Qué aconteceu desde aquela?

A realidade do 2001
Apenas dez anos despois, atopamos un panorama que non mudou moito desde entón. A pesar dos intentos editoriais neste mercado levados a cabo a comezos dos noventa, seguen sen existir coleccións fixas.

Experiencias como a emprendida con Xerais coa importación (onda editoriais catalás e bascas) de series francesas en formato álbum ou a da editorial catalá Castells publicando no noso idioma remataron na sección de saldos das librerías con escaso éxito comercial.

A eclosión de fanzines e formación de grupos de afeccionados (que tivo a súa máxima expresión en "Frente Comixario" entre 1989 e 1993) decaeron en certa medida, aínda que resisten colectivos coma Phanzynex en Ourense ou Fun Cómic na Coruña. Agora mesmo está en constitución na Cidade Herculina unha asociación de afeccionados á banda deseñada que pretende traballar a nivel galego e sacar unha revista.


Un dos intentos máis esperanzadores para o panorama galego, a revista Elipse, que promoveu a Consellería de Educación en 1998 baixo a dirección de Miguelanxo Prado e da que só chegou a saír un número, semella nunha vía morta sen solución por problemas cos seus contidos.

Algo se fixo
Sen embargo, non todo son fracasos para a banda deseñada galega na última década. A pesar do abandono dos xéneros por algúns dos autores que se consideraban xa clásicos nos anos oitenta, cada día son máis os debuxantes galegos que reciben recoñecemento ou acadan publicar, sempre alén das nosas fronteiras.

Nomes como o do guionista Carlos Portela ou os de debuxantes apenas coñecido hai dez anos, comezan a oírse en Europa, e outros, coma o de Miguelanxo Prado son considerados en Estados Unidos. Pioneiros do xénero coma Xaquín Marín continúan a súa actividade, aínda que máis centrados no humor gráfico, e outros coma Xan López Domínguez continúan en xéneros paralelos como a ilustración.

A menor escala, son varios os debuxantes coma Norberto Fernández ou Das Pastoras que colaboran en publicacións a nivel estatal coma "El Jueves" ou "El Víbora" e moitos os novos talentos que viven da ilustración, a publicidade ou a animación.

A afección vive
A afección continúa viva, e aínda que a menor escala que noutros tempos, seguen a sair fanzines á rúa cos traballos dos que queren facer un oco neste ámbito. As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, xa pola súa duodécima edición, continúan a celebrarse cada ano, cun éxito cada vez maior de participación.
Desde 1998, A Coruña acolle un dos encontros máis importantes do Estado, "Viñetas desde o Atlántico", que chegou a recibir 50.000 visitas desde todo o mundo na súa última edición. Existen ademais mostras locais de éxito crecente, como as xornadas de Arteixo que xa van pola VI edición. Outro encontro que se vai consolidando é a Semana de Banda Deseñada de Cangas.

Se as Xornadas de Ourense se centran nos autores galegos con exposicións, premios e fanzines de todo o mundo nunha das exposicións máis importantes de Europa, "Viñetas desde o Atlántico" acolle presentacións internacionais, trae á Coruña autores de todo o mundo e expón os seus orixinais, entre os que se atopan todos os anos autores galegos.

Portas abertas ó futuro
Vai cara o seu número once a revista mensual "Golfiño", de carácter infantil e xuvenil e dedicada exclusivamente á banda deseñada galega con notable éxito. Nela concéntranse algúns dos mellores debuxantes galegos: Fran Bueno, Miguel Anxo Robledo, Xaquín Marín, Alberto Varela Ferreiro, Pepe Carreiro... con historias autoconclusivas ou con series.
Fausto Isorna, director artístico da revista e histórico desta forma de expresión, é tamén debuxante da única serie que se ven editando, aínda que de xeito irregular, en Galicia: "Un misterio para Simón". Con guión do escritor Aníbal Malvar e publicada por Xerais, a serie viu o seu último número en 1999. Tamén en 1999 iniciouse a publicación en Madrid de "Nieve Negra", unha miniserie de dous números realizada polos coruñeses Adrián López, Kike Benlloch e Jano. A serie rematou no ano 2000 sen visos de continuidade e con grande éxito de crítica e de público.



Ademais, cara a finais do ano 2000, Edicións Xerais presentaba en edición en español e en galego, o álbum dun veterano do xénero, "Cita na Habana" de Fran Jaraba. Por se fose pouco, o número dez de "Golfiño" anuncia a próxima edición en álbum dunha aventura completa, "A retirada de Sir John Moore" de Pepe Carreiro. A continuidade de Golfiño e estes novos intentos de edición de álbumes son actualmente os proxectos que permiten ter a esperanza de que as editoriais se interesen polo xénero e se poida desenvolver unha banda deseñada na nosa lingua de xeito normalizado.

 

 
 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000