-¿Poderían
presentar a súa compañía ó público galego?
Júlio Cardoso: A Seiva Trupe é unha compañía profesional con
vinteoito anos de idade. Cando naceu tiña unha máxima que era ir
ó encontro do novo público, que nós considerábamos que era aquel
que non ía ó teatro. De aí o nome, "trupe" ten ese significado de
movemento, de o teatro se trasladar "cara a". Hoxe xa non facemos
tanta itinerancia como entón, temos un teatro novo na zona de Campo
Alegre, onda a ponte da Rábida en Porto. Actualmente temos un certo
movemento de opinión na cidade e no Grande Porto [zona que comprende
oito cidades que están situadas arredor de Porto] que se deba a
implantación que temos na nosa rexión. Adoitamos montar tres ou
catro espectáculos e medio e realizamos unha media de duascentas
catro funcións anuais. Paralelamenta á creación teatral temos unha
actividade de extensión cultural moi basta en publicacións, debates,
conferencias, mesas redondas, recitais de canto, de poesía, de música,
lectura de pezas teatrais... Ademais temos un xornal, o "Seiva Jornal"
que é de información e formación de cultura teatral. Estamos sempre
na vangarda do que nos pareza que poida contribuír ó desenvolvemento
cultural do noso pobo. Participamos na fundación de numerosas institucións
culturais como a Academia Contemporânea do Espectáculo que é unha
escola profesional e oficial das do país no nivel do ensino secundario
do país. Todos os anos saen actores, técnicos de son, de luz e agora
estamos a realizar un curso de producción. Estamos tamén noutros
organismos como a Agência de Desenvolvimento do Norte Teatral (ADN)
coas outras compañías que están a participar nos Camiños Teatrais.
Acadamos unha certa credibilidade que nos permite termos unha personalidade
moi propia e estarmos agora cun certo distanciamento sobre o que
está a pasar no eido teatral.
António Reis:
Está case todo dito, creo que únicamente habería que engadir que
a Seiva Trupe está a promover desde a súa creación cursos intensivos
de iniciación á práctica teatral. Son cursos de catro meses de duración
que teñen como obxectivo sensibilizar ás persoas cara a esta arte.
Teñen saído varios actores destes cursos, moitos dos cales son aproveitados
para a nosa propias compañía, outros terminan por ir cara o ensino,
na Academia ou o Conservatorio e outros rematan por ficar como mellores
espectadores. Seiva Trupe tamén estivo ligada, a fundación do FITEI
(Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica) aínda que
hoxe xa é algo autónomo. A compañía foi un socio fundamental na
creación deste festival, que leva xa vintecatro anos en marcha,
durante os cales pasaron millares de técnicos e actores de catro
continentes con obras en portugués e nas linguas de España. O FITEI
foi un movemento que se xerou en 1977 do que Júlio Cardoso foi o
principal impulsor con Estrela Novais, comigo mesmo e co falecido
João Alnardo Maia. Hoxe o festival toca catro continentes. Xa pasaron
por alá máis de catrocentas compañías, xa alcanzamos máis dun milleiro
de pezas representadas, atinximos máis de setecentos mil espectadores
pasaron milleiros de actores e técnicos nos máis diversos espacios
da cidade de Porto e do Norte de Portugal, con excursións polo sur.
Do mundo de expresión Ibérica no que hai trinta e tres ou trinta
e catro países de expresión ibérica e case temos o pleno. O FITEI
foi pioneiro en moitas cuestións, e festivais feitos a posteriori
coma o de Cádiz seguen este exemplo.
-¿Como xurdiu a idea de organizar o FITEI?
António Reis:
Júlio Cardoso pode falar mellor diso, pero de calquera xeito, o
FITEI era unha cousa que xermolaba no seu espírito moito antes da
Revolución de Abril, ata tiña outro nome, era o Festival Luso-Galaico.
Aínda que Seiva apareceu antes do Vintecinco de Abril pola necesidade
que tíñamos como actores e de traspasar barreiras como a censura
e outras cuestións, en relación ó festival non foi tan fácil porque
estabamos a falar do circuíto transnacional. Despois o Vintecinco
de Abril facilitou máis as cousas, aínda que ese "máis" hai que
poñelo entre aspas, porque os primeiros anos da revolución o FITEI
foi extremamente incomodado polo papel que desempeñaba.
"O
TEATRO É UN SERVICIO PÚBLICO COMO A SAÚDE,
A EDUCACIÓN..."
-Vostedes xa estiveron
representando en Galicia.
António Reis:
Si, estivemos en variadísimas ocasións e en moitos lugares, desde
A Coruña, Vigo, Moaña, Pontevedra, o Festival de Cariño, Rivadavia,
Santiago. A última vez que estiven en Santiago foi realizando o espectáculo
"Conheze a Via Láctea" de Karl Witlinger.
-Coñecen entón a situación teatral en Galicia, ¿Poderían falar dela?
Júlio Cardoso: Eu asistín a mediados dos
anos sesenta ós "primeiros pasos", entre aspas, á preocupación de
grupos independentes de crear, de dar o pontapé de saída, de resucitar
o teatro galego. Foron tempos heróicos, daquela había unha grande
discusión entre o teatro en castelán e o teatro en galego, e eu asistín
a moitas desas discusións, que foron moi saudables. Hoxe iso xa está
máis batido, e o teatro galego xa é unha realidade. Coas súas dificultades
claro, pero o teatro, exceptuando tal vez as principais compañías
de Londres é sempre un teatro de resistencia, nunca temos aquilo que
queremos. A pesar de todas a dificultudades eu teño recibido gratas
sorpresas do teatro galego. O teatro é un servicio público como a
saúde, a educación... se o teatro dese lucro non habería problemas
que os empresarios xa habían de investir. Pero é un servicio público
e compete ós gobernos encadrar o teatro, e nese aspecto creo que Galicia
está nun bo camiño ou cando menos un camiño esperanzador.
"PENSO
QUE ÓS GRUPOS NON LLES COMPETE COPIAR O QUE FAI O CENTRO
DRAMÁTICO GALEGO"
-As compañías teatrais portuguesas amosan unha grande preocupación
pola formación de público e de novos actores, ¿cren que en Galicia
está cuberto ese campo?
Júlio Cardoso: Cando
estiven en Galicia había moitos grupos que tiñan a preocupación de
andar de terra en terra a representar, e iso é ir ó encontro de novos
públicos. Penso que ós grupos non lles compete copiar o que fai o
Centro Dramático Galego. Os grupos deben ter outro tipo de funcionalidade
que lles permita facer unha maior itinerancia. É evidente que a itinerancia
non dá a visibilidade que dá un espectáculo en Vigo, A Coruña ou Pontevedra.
É moito sacrificio conseguilo, a xente representa moitas veces en
condicións subhumanas. Falta material, moitas veces a xente leva os
nenos ó teatro, hai ruidos... É moi difícil, pero de calquera xeito
creo que todo movemento no teatro debe comezar por aí. Naturalmente
o goberno debería prestar atención a esa itinerancia e crear condicións
específicas para esa itinerancia. Hoxe en día xa non se comprende
que o actor sexa tamén carpinteiro, montador... Iso leva moitas veces
ás compañías a desistiren porque é un esforzo sobrehumano.
-¿Como
ven as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal en canto ó teatro?
Júlio Cardoso: Cunha certa esperanza pero
aínda moi tímida. Creo que debería ser máis concreta, máis real. Son
eses organismos independentes os que a pesar de todo van facendo ese
esforzo de aproximarmonos cada vez máis, pero creo que aínda dunha
forma moi pequena. António Reis: E estamos falando só do teatro, que
eu creo que isto debía ampliarse a outras formas culturais como a
danza, a música, a literatura. O que acontece é que isto é difícil
de sistematizar. Aínda que en relación á Galicia hai apoios do goberno,
co Goberno Portugués é difícil convecelos diso polo centralismo da
capital con relación ó resto do país. Eu creo que todos nós, os axentes
culturais, os xornalistas, teremos que lanzar nun curto espacio de
tempo un movemento amplo para que, por exemplo, tanto a televisión
de Porto como a Televisión Galega conecten cinco ou dez minutos ó
día para dar noticias. Nesta altura iso é fundamental. Creo que temos
que lanzar en Porto e Santiago un movemento nese sentido porque é
algo moi importante que o público do Norte de Portugal e o público
galego se acostumen a oír noticias en galego puro e en portugués.
Iso pode ser un paso xigante para a aproximación dos pobos. Estamos
a falar de dez millóns de persoas, o que no contexto europeo é algo
considerable.
-¿Como
ven esas relacións dentro de dez anos?
António Reis:
Desexamos que o que vimos de dicir poida ser máis aproximado, imaxinámolo
así.
Júlio Cardoso: Eu creo que ata aquí estivemos vindo a partir
pedra e agora queremos que comeze a haber avenidas amplas.
-¿Cren que existe unha intercomprensibilidade suficiente,
tanto a nivel lingüístico como a nivel teatral para que
as obras galegas teñan éxito en Portugal e á
inversa?
Júlio Cardoso: Cada obra ten a súa especificidade. Esta obra
vive moito dunha terminoloxía por exemplo de Porto. Se nós imos a
Lisboa temos que cambiar esa terminoloxía. Para facer iso aquí teríamos
que estar case un mes para adapta-la, ese dialecto de Santiago. Iso
é unha dificultade. Ademais a obra ten un certo ritmo, e non podemos
atrasar moito ese ritmo porque nos daría problemas a nós mesmos e
ó espectáculo.
António Reis: De calquera xeito cremos que en Galicia o problema
da lingua é moito menor que, por exemplo nas Canarias. Probablemente
alí as persoas non entenderon a maior parte do texto pero entenderon
o ritmo da obra o seu obxectivo.
"O
HOME TEN UNHA NECESIDADE ABSOLUTA PARA A SUPERVIVENCIA DUNHA COMUNICACIÓN
VIVA QUE É O TEATRO"
-Despois
de toda unha vida dedicada ó teatro ¿que o que agardan deste medio
para o futuro?
Júlio Cardoso:
Eu teño unha grande esperanza no futuro do teatro. Cada vez máis,
pola tecnoloxía e o individualismo que provoca, o home, dunha forma
directa ou indirecta, consciente ou inconsciente, ten necesidade dunha
comunicación viva e concreta que é esta. E de aí que a única comunicación
que se pode dar cunha grande carga filosófica e artística é o teatro.
Nada substitúe á persoa a se comunicar con outra persoa. E esa é a
miña grande esperanza. Máis do que nunca, cada vez que a tecnoloxía
avanza, o home ten unha necesidade absoluta para a supervivencia dunha
comunicación viva que é o teatro.
António Reis: Esa
efemeridade do acontecemento teatral nunca se perderá. Aínda que tivemos
condicións de traballo moi diferentes e moi difíciles, a historia
nestes últimos cincuenta anos foi riquísima. Houbo un extraordinario
desenvolvemento respecto a séculos anteriores, desde o Maio do 68
sentimos unha radical transformación da sociedade, pero o papel do
teatro segue a ser insubstituíble. Nós continuamos coa máxima de que
todo vai mellorar, de que o papel do teatro será insubstituíble. O
futuro será na miña opinión máis risoño. Do que temos a certeza tamén
anticipada é que somos millonarios de soños e cando morramos deses
millóns de soños moi poucos se van concretar porque o teatro é unha
actividade lenta e avánzase un pasiño de cada vez. Tamén por iso é
moi raro que unha actividade teatral teña unha caída brusca, porque
non hai familiariadade entre o acontecemento e o éxito como na televisión.
Hai actores de quinta categoría que son estrelas da televisión pero
que todo o mundo sabe que en dous ou tres anos desaparecen. O autor
que fai do palco a súa profesión, sen esquecer que de cando en vez,
por cuestións de afirmación tamén entran en televisión e cinema non
ten ese medo respecto do futuro.
-¿Por qué escolleron esta obra para o encontro?
António Reis: O éxito de Seiva Trupe, se
pode falar de éxito no teatro, ten sido a diversidade dos nosos espectáculos.
Nós estamos nunha grande metrópole na que temos unha audiencia que
é raro que se vexa en Portugal, temos unha credibilidade moi forte
no Grande Porto e temos unha grande capacidade de espectáculos. Agora
vimos de ter unha grande acollida do nos último espectáculo, "Pericles"
de Shakespeare. Pero non deixamos de facer espectáculos máis lixeiros.
No noso repertorio teñen cabida desde os grandes autores clásicos
a autores portugueses e mesmo obras orixinais máis lixeiras para podermos
con esa diversidade abarcar os varios públicos que despois son conquistados
por espectáculos máis lixeiros e despois son gañados para obras nas
que a densidade e a temática son máis profundas. Nese sentido escollemos
este espectáculo porque era un tema interesante en dous sentidos.
En primeiro lugar porque o seu tema é interesante en si mesmo, e en
segundo porque nos daba unha oportunidade rara a Júlio Cardoso e a
min de xuntarnos por primeira vez na nosa vida de actores nun espectáculo
no que só os dous somos intérpretes. Esta obra representouse en Portugal
hai cinco anos con regularidade e en calquera momento pode proporcionar
un belísimo exercicio teatral tanto para quen o fai como para quen
o ve. Este espectáculo tamén vive dun virtuosismo de interpretación,
tamén vive da mímica e da relación co público e que na miña opinión
non podería ser feito por dous actores de trinta anos porque o público
non o crería.
"TEÑO
A ESPERANZA DE QUE A CAPITALIDADE CULTURAL PERMITA QUE NO ANO 2002
OU NO 2003 SEXA MÁIS INTERESANTE VIVIR NA CIDADE DO PORTO"
-¿Por último, cren que a Capitalidade Cultural de Porto favorecerá
o recoñecemento da cultura portuguesa no nivel internacional?
António Reis:
Agardo que si. A capitalidade de Porto só foi posible polo traballo
desenvolvido nos últimos trinta anos por moitos homes e mulleres que
non quixeron emigrar e desenvolveron un traballo lento e continuado
que permitiu en determinado momento histórico esta candidatura. Eu
querería salientar o traballo desenvolvido por estructuras coma o
FITEI, coma o Fantasporto, que é o maior festival de cinema de Portugal,
ou o museo de arte contemporánea da cidade. Ademais houbo un crecemento
das estructuras físicas da cidade. Agora porto ten o Teatro Nacional,
o Teatro Municipal, un novo teatro en Campo Alegre, ten o Coliseu...
e agora pode representarse na cidade calquera tipo de espectáculo.
O Porto tiña que vencer esas barreiras físicas e crear unha certa
habituación cultural. Eu teño a esperanza de que a capitalidade alén
da espectacularidade efémera, permita que o no 2002 ou o 2003 sexa
máis interesante vivir na cidade do Porto, e algo terá que ficar desa
actividade cultural que se vai realizar durante todo o ano.
|