|
Por
Xermán Hermida
Rui Madeira é o director da Compañía Teatral
de Braga, un grupo fronteirizo nunha cidade fronteiriza. Un grupo
que mestura a relectura dos clásicos teatrais coas expresións
de vangarda. Un grupo privado cun obxectivo cultural público.
Rui Madeira é tamén un home que transmite vontade
de facer cousas a través dos seus ollos dun castaño
purísimo, dos seus xestos de director de traballa. Está
agora en Compostela, coa súa compañía, no ciclo
"Camiños Teatrais", un primeiro paso de cara a
creación dun espacio teatral que comprenda Galicia e o Norte
de Portugal.
O circuito teatral
portugués e pouco coñecido en Galicia, ¿Podería explicarnos que
é a Compañía de Teatro de Braga?
A
Compañía de Teatro de Braga é unha estructura teatral que ten xa
vinte anos, é case vella. Pero ó mesmo tempo non é vella
porque temos un horror enorme á funcionalización, mantemos no posible
unha dinámica suicida, de tentar alterar sistematicamente as dinámicas
artísticas, ben no núcleo central, ben nas persoas que convidamos
todos os anos a traballar connosco. Somos tal vez das compañías
de fóra de Lisboa que máis traballan con creadores convidados. A
Compañía funciona nun grande teatro que está sofrer unha grande
transformación. É un teatro do século pasado, que funcionaba como
sala de acollida, como todos os teatros de Portugal. A producción
artística se facía en Lisboa e despois xiraba polas provincias.
Coa revolución alteráronse estes factores e se ocuparon algúns espacios
artísticos, e pasados vintecinco anos hai unha estratexia de movemento
cultural que ten como un dos obxectivos reestructurar e restaurar
estes espacios pasando de ser espacios de acollida a espacios de
creación.
Da compañía poderíamos dicir que é no contexto europeo é
unha compañía alternativa, na medida en que non pertence ó estado,
é privada, pero ten un obxectivo cultural público. Nesa perspectiva
estamos nunha especie de novo orden da actividade artística e cultural
que coa reorganización do espacio e coa alteración de estratexias
de movemento cultural pensamos que en breve prazo en Braga a Compañía
Teatral e o Teatro Circo pasarán a transformarse nun Centro Dramático,
por ollar o caso galego, aínda que non se chamará así, senón que
se chamará tal vez Centro Nacional das Artes do Espectáculo. Manterá
o núcleo de producción artística na área do teatro pero terá tamén
valencias nas áreas de música, do baile de creación do cinema. O
teatro, que está a ser reestructurado, vai ter tres salas, unha
de mil localidades, outra de douscentos lugares e unha sala-estudio
de ensaio con cen lugares. Ademais terá un espacio museolóxico,
unha librería, un café-concerto, unha zona comercial... Pretende
ser un espacio multiusos que responda á cidade deste milenio.
"Na Compañía
de Teatro mantemos tentamos alterar sistematicamente as dinámicas
artísticas"
¿Como ve as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal a nivel
teatral?
Eu penso que son só afectivas, aínda están moito no nivel dos
afectos entre as persoas. Tal vez é un momento moi importante porque
funda relacións. Eu creo que o teatro é diferentes a outras artes
porque nós traballamos con quen nos gusta, e iso para mín é fundamental.
Véxoo todo dun xeito moi embrionario. Un documento como o manifesto
"Comunidade de Teatro Galicia-Norte de Portugal" fundamenta unha
sentida necesidade estratéxica. Desde o meu ponto de vista debe
ser na afirmación da diferencia, e pola diferencia polas tensións
artísticas é polo que nos debemos de entender. Este é o momento
de afecto, e despois ha de vir o momento máis duro da creación artística.
A creación artística sempre é algo violento, e eu anceio este embate,
penso que todos temos algo que gañar con iso. Esta relación que
agora se inicia debe axudar ó mellor coñecemento entre as zonas
de fronteira, bater entre as fronteiras e procurar as identidades,
pero o intercambio de experiencias ten tamén como obxectivo a estructuración
do teatro nesta rexión transfronteiriza. Encontro diferencias moi
importantes. Hai aspectos nos que Galicia está máis avanzada e outros
nos que está menos. O intercambio é importante para coñecermos a
realidade dos dous lados da fronteira. A partir de aí poden saír
camiños que nos conducirán a obxectivos e a creacións que poderán
dalgún xeito axudar a cimentar esta idea de Eixe Atlántico na que
estamos envolvidos.
"As relacións
teatrais entre Galicia e Portugal aínda están moito no nivel dos
afectos entre as persoas"
¿Como ve esas relacións dentro de dez anos?
Non teño nin idea. É unha pregunta moi complexa, non sei que vai
se de Europa nos próximos dez anos. Eu son Europeo, sobre todo cando
estou noutro continente, pero non me gusta esta europa. Creo esta
é unha europa do caos, e nese sentido é positivo, porque despois
do caos virá algo. Penso que a europa do futuro, artísticamente
ha de nacer nalgures no centro dos Balcanes. Vexo que os dez ou
últimos quince anos da vella Europa non foron productivos desde
o punto de vista artístico. Por non sei que pasará dentro de dez
anos.
¿Como xorde esta idea de intercambios teatrais? ¿Ven desde a
compañías, ou das institucións?
A partir das compañías, ou ó mellor a partir das persoas máis que
das estructuras. Creo que iso tivo que ver cos contactos persoais
entre os directores das compañías, que foron producindo unha reflexión,
que se foron dando de conta das dificultades e das diferencias e
aceptaron este camiño que, desde o meu punto de vista non é simple
pero é un grande aliciente. Creo que é un camiño sobre todo de afirmación
das diferencias. Non é un camiño de sedimentación institucional.
Non foron os poderes quen o decidiu foron os artistas quen quiso.
Partiu duna necesidade artística e non política. Se nós podemos
axudar á política, estupendo.
Falando desas diferencias, ¿Cre que existe unha intercomprensibilidade
suficiente, tanto a nivel lingüístico como a nivel de referentes
teatrais para que o teatro galego sexa ben recibido en Portugal
e o teatro portugués sexa ben recibido en Galicia?
Esa é unha grande sorpresa que agardo descubrir esta fin de
semana. Creo que se serve para percibirmos esas dificultades é un
paso moi significativo. Durante anos, pola política dictatorial
nestes dous países, falouse sempre de pobos irmáns. Canto máis afastados
estabamos, máis facíamos un discurso da irmandade. Se nos decatamos
de que ó final a nosa irmandade non chega para entendérmonos, creo
que iso é moi importante. Nós ousamos vir a Compostela con dous
textos que non son portugueses. Iso é un xeito de afirmar a propia
estructura artística de Braga e dicir nós facemos isto, e non a
cuestión, un pouco moral de dicir, "Imos a España, temos que facer
un texto galego, un texto portugués". Iso non explica ben a realidade
artística. Percibírmonos do estado no que estamos é importante,
as cousas deben ser organizadas de xeito que poidamos entendermos.
Hai un grande interese polo coñecemento. Eu non son un amante irreflexivo
de Galicia. Creo que as persoas, a culturas e o pobos débense afirmar
nas diferencias. Os países son soberanos e é nesa soberanía que
nos debemos entender. Creo que estes anos déronnos unha idea falsa
sobre o outro. Hai novos camiños, ideas e cabezas a crear, e eu
creo importante que partamos da nosa contemporaneidade para entendérmonos,
máis que da idea das nosas raíces. As nosas raíces son pasadas,
históricas, interpretadas. E hoxe hai persoas a traballar, como
eu mesmo, que rapidamente buscan moita máis identidade nas cousas
concretas do día a día que na procura do pasado que xa está plasmado
e que é difícil de mover.
"Hai persoas a traballar que buscan máis identidade
nas cousas do día a día que na procura do pasado"
¿Hai máis actividades programadas dentro dos intercambios?
Durante este ano vai facerse unha coproducción no que todas as compañías
van participar para realizar un texto que se lle encargou a Vidal
Bolaño [É unha obra sobre o secuestro do trasatlántico "Santa María"
por un comando do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación
(DRIL), formado por galegos e portugueses, para pedir a fin das
dictaduras Franquista e Salazarista)]. Estamos a falar de facer
outra producción para o ano na que a Compañía de Teatro de Braga
estará máis involucrada co Centro Dramático. Esa idea, a de unha
obra sobre José Afonso, é unha idea que comeza a tomar forza. Van
representar "A Gaivota" de Chejov e "1Inferno" de Steven Berkoff,
¿por que seleccionaron estas obras? Son os espectáculos que neste
intre temos en escea. No comezo do próximo mes imos realizar a estrea
mundial de "Pintura Americana", de dous dramaturgos que traballan
coa nosa compañía. Pensamos que estes dous espectáculos son unha
mostra moi concreta da natureza do noso traballo. Nós traballamos
en dúas áreas que se enfrontan. Por unha banda o que é o legado
da dramaturxia universal, que facemos a través dos textos clásicos,
e por outra banda as novas dramaturxias contemporáneas. Todo isto
filtrado a través dunha relectura que facemos dos textos. Esas son
as liñas nas que traballa a compañía. Nun comezo só íamos representar
"A Gaivota" e fixemos un esforzo para traer tamén "1Inferno" para
que o público teña a posibilidade de percibir o noso traballo.
"Os
dous espectáculos que presentamos son unha mostra moi concreta da
natureza do noso traballo"
Vostedes desenvolven en Braga unha iniciativa que son as "Alternativas
Urbanas". ¿Que son exactamente?
É un proxecto que comezou hai catro anos e que empezou chamándose
"Escola Teatro", despois pasou a denominarse "Públicos para o secúlo
XXI" e agora "Alternativas Urbanas". Este proxecto consiste en que
a compañía, ó tempo que desenvolve o seu traballo artístico, preocúpase
da cuestión dos públicos. Os dous proxectos anteriores obxectivaban
un traballo conxunto coa escola. Desde a área preprimaria á preuniversitaria,
mediante obradoiros pretendía sensibilizar os novos públicos do
pracer de ler, do pracer de explorar os textos coa idea de pasar
a eses públicos os códigos de lectura dos espectáculos. Pretendíase
que pasando ós públicos eses códigos, eses xóvenes públicos se tornasen
mellores públicos. Nos próximos dous anos imos manter algunhas desas
áreas nas escolas e imos avanzar cara o que chamamos a área urbana.
A cidade crece e crea tensións sociolóxicas, e este proxecto contempla
posibilidade de experimentación para a xuventude con obradoiros
como artes plásticas sobre o efémero, como pintura e escultura efémeras.
Tamén se tratan as artes da rúa, partindo das artes circenses. Tamén
se desenvolven obradoiros de expresión musical e de creación de
instrumentos a partir de obxectos atopados no lixo, video creación...
Todo co asesoramento do departamendo de socioloxía da Universidade
do Minho, e tendo sempre que ver coa idea de formación de público.
¿Cre vostede na posibilidade de que Braga chegue a ser Capital
Europea da Cultura?
Vou dicir unha cousa terrible, que é que tal vez Braga estea nestes
intres en mellores condicións de ser Cidade da Cultura que Porto.
Non teño ninguna dúvida de que Braga chegue a selo no 2006 se non
no 2004. Vexo que esa é a grande idea da proposta política que se
fixo, que é obrigar á cidade a pensarse a medio prazo. É preferible
ter unha cidade a pensar que pode ser Capital Europea da Cultura
aínda que despois non o sexa. Ademais creo que Braga, pola súa historia,
pola súa dimensión como terceira cidade de Portugal, por relacións
económicas e de vida cotiá ten todas as razóns para asumirse potencial
competencia para a cidade Europea da Cultura. Estaría moi ben que
fose con Salamanca, que tamén está interesada e coa que hai relación
moi fortes.
|