|
Non
foi a selección española de fútbol
a primeira en triunfar en Corea, xa que o pasado ano
2001 o artista chantadino Juan José López
Martínez, máis coñecido como Lomarti,
foi o único galego no Spanish Scupltor Symposium
2001. Un simposio que se celebrou na cidade coreana
de Kwangiu (da provincia de Kyonggi) e na que Lomarti
desenvolveu unha das súas creacións inspirada
na cultura coreana. Á escultura resultante chamoulle
"O gardián da casa de Oriente", e malia
contar cun proxecto de desenvolvemento previo, gozou
de numerosas modificacións feitas "in situ".
Lomarti quixo reflectir coa súa escultura "a
relación do individuo coa natureza e a disciplina
coa que se comportaban en todos os seus aspectos".
Posteriormente Lomarti, que alterna na súa expresión
como artista a escultura e a pintura, fixo unha mostra
de de obras de ámbalas dúas modalidades
na Casa de Galicia en Madrid no pasado Nadal. Lomarti,
que tamén cultiva outros xéneros como
o deseño gráfico e a fotografía,
así como calquera tipo de expresión que
caiba na experiencia plástica, está nestes
momentos a preparar unha mostra moi completa dos seus
traballos para expor posiblemente no Museo Provincial
de Lugo en vindeiras datas.
Foi
en 1983 cando Lomarti comezou a expor ó público
as súas creacións nunha mostra colectiva
que baixo o nome "Nova Xeración", estivo
aloxada no Círculo da Artes de Lugo. Despois
diso comezou a súa traxectoria expoñendo
en Francia e en outras moitas cidades españolas.
En 1989 o seu traballo é exposto en Bos Aires
e é seleccionado para o premio Pablo Gargallo
en Zaragoza. Xa en 1993 recibe o premio da Bienal de
Lalín e as súas pezas preséntanse
en Arco, en Madrid, e en Lisboa, no Instituto Cervantes.
Dende o ano 96 realiza distintas performances por varios
puntos de España e publicou coa editorial TrisTram
o libro de poemas ilustrados titulado Coroas de Mercurio
Para as súas obras escultóricas Lomarti
alterna as instalacións con talla directa en
madeira, mármore ou granito. Da súa escultura
dise que é inventiva, intensa, totémica,
recoñéceselle tamén unha ollada
crítica e chea de ironía e humor, adxectivos
estes que tamén se aplican á súa
obra pictórica.
Tódalas
noites Lomarti achégase ó seu ordenador
e comeza a navegar polo océano virtual das webs
plásticas de todo o planeta. O artista, que gusta
de estar ó día en todo tipo de informacións
"artísticas e tamén sociais",
asegura que aproveita eses momentos de navegación
para facer "lecturas esporádicas de textos
variopintos, e ver moita fotografía de autor".
Pero tamén no seu traballo é importante
o uso de Internet, xa que a través do correo
electrónico o chantadino mantén as súas
relacións profesionais con galerías de
todo o mundo.Lomarti tamén ten colaborado coa
web de microrelatos Infimos.net,
liderada polo xornalista Santiago Jaureguizar, onde
o escultor ten relatos ínfimos como "Rápido",
"Historia dunha xunta en Galicia", "Filósofos"
e "A pantasma da rúa Diamante", relatos
todos eles que se poden ler nesa páxina.
|
|