BAILANDO
Ó SON DO DESTINO
Cando
me crucei con el na escaleira sabía que me ía dicir
xusto iso: "Ola, chámome Óscar". Hai pouco
lin en Tempos difíciles de Dickens unha adiviña ben
rara; sorprendentemente, á mañá seguinte, escoiteilla
a un locutor nun programa de radio. Ás veces soño
con números que a fin de semana, en combinacións impredicibles,
saen premiados nalgunha lotería; ás veces soño
que me toca a lotería. Ou penso en alguén de repente,
en alguén que hai anos que non vexo, e atópoo na rúa.
Ou escribo un conto e ó pouco un descoñecido nun tren
relátame a mesma historia
Hai veces que intúo
que o universo ten un ritmo, unha melodía que se repite eternamente
e da que, de cando en cando, podemos percibir unhas poucas notas
soltas. Quizais sexan casualidades, pero cando as casualidades son
cíclicas podemos acabar pensando que o destino está
escrito en algures e que esas coincidencias son preciosas filtracións
do futuro. Pero eu négome a ver así a miña
vida: predestinada. (Neste momento Carlota mírame por debaixo
do seu pelo negro e, con ese sorriso encantadoramente malvado, dime:
"Anxiños, o destino existe").
Eu
só creo no destino que podemos elixir manexando as circunstancias
que nos condicionan. Fronte á imposición xenética,
económica, social ou de calquera outro tipo quédannos
dúas opcións: deixarnos levar pola inercia do inevitable
ou tirarlle proveito á escasa marxe que nos queda para dármoslle
a volta ó que se supón, precisamente, inevitable.
Aínda que sempre nos quedará a dúbida de se,
elixámo-la opción que elixamos, non acabaremos no
mesmo sitio. E mesmo nos podemos preguntar se a nosa elección
influirá no destino persoal dos que nos rodean, como víctimas
dunha especie de efecto dominó. Ó mellor todo acontece
dentro dunha orde e calquera ferida profunda, calquera movemento
imprevisto, altera o ritmo da melodía universal ou perturba
a Forza, que diría un cabaleiro Jedi. Entón é
cando no noso acontecer diario se producen "coincidencias",
cando a intuición aparece como un apuntador, un vello apuntador
de teatro, indicándono-lo que debemos facer.
Ás
veces penso, que de ter tempo e vagar, podería observa-lo
ritmo da melodía universal e converteríame nunha auténtica
adiviñadora. Ás veces penso que somos xoguetes dun
neno cruel ou fantasmas dun poeta namorado da morte. Pero sei que
non estamos predestinados, que só é cuestión
de decidir. Non sei a onde vou. Tampouco sei a onde vai a humanidade.
Aínda que, como diría Mafalda: "Total
se
supone que no hay nadie esperándola en ninguna parte, ¿no?".
Anxos
Sumai
|
|
O
DESTINO E AS CENTOLAS
¿Estamos
predestinados cando nacemos ou somos resultado do azar? Difícil
disxuntiva cando aínda non somos quen de respostar a estoutra
pregunta do millón: ¿quen somos, de onde vimos,
a onde imos? Xa que logo, ¿se non sabemos quen carallo
somos, como imos saber acerca do noso devir existencial? Só
podemos abordar este tema desde a ficción. Como se veu
facendo historicamente. Vou inventar unha explicación posible.
Existe
un Ser Supremo, infalible, ubicuo e todopoderoso que un día
decidiu crear o mundo e enchelo de bolas que levitan nun espacio
etéreo e escuro. Algunhas bolas están enchufadas
e serven de iluminación ás outras. Despois de chiscar
os dedos o Ser Supremo, nunha destas bolas apareceron un cento
de cousas, algunhas delas certamente estrañas e exóticas,
como os seres humanos, as centolas e os eucaliptos (primeiros
vestixios do que despois coñeceríamos por maxia).
O Ser Supremo decidiu que o ser humano tivera unha maior competencia
que os demais seres, converténdose axiña no ser
máis supremo despois do Ser Supremo (primeira designación
a dedo da historia, feito que non gustou nada ós outros
seres, sobre todo ás centolas). Pero seica os humanos colleron
aires de grandeza e contraviron ó Ser Supremo. Entón
este, amolado, decidiu castigalos e sometelos de por vida a soportar
unha explicación sobre a súa existencia. Isto materializouse
nunha serie de normas recollidas, primeiro burdamente sobre pedra,
e despois sobre outros materiais máis lixeiros, transportables
e difundibles. Este feito milagreiro foi aproveitado por outros
seres humanos para inventar e difundir outras explicacións
existenciais, algunhas semellantes, outras distintas, da explicación
do Ser Supremo. Algunhas eran tan diferentes que ata inventaron
un Ser Supremo distinto. Outras chegaron a ser máis extravagantes,
ó contemplaren a posibilidade de que houbera máis
dun ser supremo (primeira coalición de goberno existencial
da historia). As distintas correntes literarias que ficcionaron
sobre a existencia comezaron a pelexar entre si. A disputa consistía
en saber cal das múltiples ficcións era a real e
verdadeira (primeira estupidez da historia). Incomprensiblemente,
aínda hoxe seguen os humanos pelexando polo mesmo. Só
que agora é unha estupidez globalizada.
Destino,
azar, "big bang", predestinación, determinismo
histórico, evolución, reencarnación, casualidade...
Son unha chea de productos que están á súa
disposición no hipermercado existencial máis achegado
ó seu domicilio, ó carón mesmo das centolas
(curiosa coincidencia que depara o destino). E vou permitirme
a licencia de aconsellarlle que escolla a miña ficción.
Porque canto máis se venda, máis rico me fago.
Roberto
Ribao
|