|
"Din que son escritor, músico, traballador
da filosofía, socio fundador da editorial Madame
Mir, pai compañeiro; mais todo isto non son nin
máis nin menos que tentativas de camiñar
entre a derrota e a esperanza". Deste xeito comeza
o curriculum no que Manuel Seixas define a súa
traxectoria vital ó mesmo tempo que o converte
en case que un autorretrato. A realidade avala todas
e cada unha das actividades das que esta definición
da conta.
A
súa actividade como escritor referéndase
polas seis obras que ten publicadas, en 1996 publicou
o libro de relatos "Viñeron do espacio interior"
(Eds. Positivas) e ese mesmo ano gañou o premio
Xerais coa novela "A velocidade do frío"
(Eds. Xerais), despois coa novela "Bailarina"
(Eds. Xerais, 1999) aportou á literatura galega
unha das poucas obras de xénero de ciencia-ficción;
ten publicados dous poemarios "Vestixios do verme"
(Eds. Positivas, 1999) e o que supón a súa
obra máis recente "Diario de ausencias"
(Eds. Tema, Lisboa, 2001). Esta actividade literaria
tamén se mestura nalgúns intres coa súa
faceta musical, como é o caso do CD en solitario
"A velocidade do frío" (Xerais,1997)
que supón unha versión musical da súa
novela do mesmo nome. Tamén en solitario gravou
"Presentimento" no 2001, gravación
que realizou na editora musical Madame
Mir, da que é socio fundador e coa que
tenta revitalizar a escena da producción musical
do país. Os seus proxectos musicais veñen
de lonxe, xa co grupo Korosi Dansas gravara dous discos
"Cordura" (Man Records, 1995) e "Non!"
(Chorima Records, 1996), así como coa banda "Coro
dos Rozadores" cos que edita varias cancións
e cd's conxuntos.
Actualmente
Manuel Seixas compatibiliza o seu traballo como profesor
de Filosofía no Instituto de Vilanova de Arousa,
preto da súa Vilagarcía natal, con toda
a súa actividade creativa. Neste momento está
metido de cheo na presentación do seu último
disco "Presentimento", para o cal ten formada
unha banda "interxeneracional" na que xunta
a antigos compoñentes de Korosi Dansas con ex-
alumnos seus "algo marabilloso", asegura el.
A formación, que ten por nome "Manuel Seixas
Neuroband" comezará a dar concertos a partir
de xullo. Tamén anda a escribir na teima de acadar
unha obra definitiva, "sigo coa miña eterna
novela-salvaxe que algún día rematarei",
di Manuel, "non teño présa. O mundo
seguirá igual a escriba ou non".
Seixas atopa na rede información que usa no instituto,
para a súa docencia e tamén como apoio
a unha vídeo-músicoteca que montou no
centro e para a que baixa carátulas, mp3, etc.
tamén fai algunhas compras puntuais na rede,
"¡merco a través de Internet, con
tarxeta incluso!". Manuel non dubidou en facer
a súa páxina persoal: www.manuelseixas.com
para que quen o desexe poida saber del e da súa
obra, e aproveita para recomendar a visita e inducir
á creatividade a través desa plataforma
"para que me mandedes cousas" na sección
de Espacio de creación. Desde ese foro Manuel
invita todos a participar con el e agarda aí
por esas ideas, "espero por vós".
|
|