A debate:
CARPE DIEM
24 horas dedicadas a pensar en como resolver un problema deberían concluír cunha achega de ideas tan numerosas e boas que o problema se solucionase. Se non ocorre así, o día non estivo ben aproveitado.

O DÍA DESPOIS

¿Que acontece despois de calquera Día Mundial? Dedicámoslle un día enteiro ás mulleres afganas, ós meniños, ós indíxenas, ós diabéticos, e ó seguinte espertamos, lavámo-la cara, almorzamos e saímos á rúa gobiados polas nosas pequenas traxedias persoais. ¿E en que quedou o día anterior? Temos moito que reivindicar e hai millóns de persoas politicamente invisibles polas que da-la cara; hai centos de razóns polas que estar furioso, hai moito lixo agochado trala globalización, a biotecnoloxía ou a liberalización dos mercados,. En fin, algo podrece debaixo das táboas do novo escenario no que vivimos e o que facemos é ventilalo un día ó ano, para seguírmo-la nosa rutina nun mundo feliz e inmaculado coma un vestido de primeira comuñón. Total: xa lle dedicamos ¡un día enteiro! ás causas máis dispares e máis terribles, un día que nos distraeu de nós e de toda responsabilidade cos demais.

E nós, tan intelixentes e posuidores dun poderoso instinto de conservación e superación dedicámoslle un día ó ano á lembranza dos que morren e non deberían morrer así, á penuria e á dor, á agonía do planeta, ás minorías e ás maiorías esmagadas. Somos tan espelidos que institucionalizamos estas simples manobras para distrae-la nosa conciencia individual e a nosa culpabilidade colectiva. Gustaríame que cambiasemos de actitude e, en lugar de dedicarlle un día ó ano ó que sexa, pensasemos en condicional e imaxinasemos como irían as cousas se o día menos pensado alguén decidise parar, ver e investir en humanidade tanta intelixencia distraída en proxectos ás veces inxustificables.

Sinto a actitude pesimista das últimas semanas, sinto ser un anxo derrotado e sen moito sentido do humor, unha rosmona apocalíptica. Só nos merecemos un final catastrófico, un día de nome rimbombante e pretensioso como estas grandes celebracións: o día do xuízo final. E namentres, que cada quen viva no seu día a día unha vida sen día seguinte.

Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

"DÍA DE...", DATE POR FODIDO

Cando falo de "día de" non me refiro a unha data clave para un atraco nin ó desembarco de Normandía, senón que aludo á práctica pola que decidimos dedicarlle cada día do ano a unha cousa. Evidentemente, hai "días de" de diferente condición e para tódolos gustos. Obviando algunha efeméride máis exótica ou extravagante, a maior parte destas dedicatorias son para recoñecer e lembrar aspectos da nosa vida realmente importantes. E, a pouco que reflexionemos, observaremos que a maior parte dos temas escollidos para a dedicatoria non funcionan ben.

Hai un día mundial do medio ambiente, porque existe unha conducta depredadora e degradante do ecosistema por parte dos gobernos, das empresas e tamén por parte dos cidadáns. Hai un día da muller traballadora porque, encima de que traballan máis e mellor ca os homes, sofren o castigo da desigualdade económica, dos malos tratos, e dun machismo, ás veces rancio e brutal, ás veces cínico e sutil. Existe tamén o día internacional da paz, porque cada século que transcorre na evolución humana supera en violencia ó anterior. E este que vimos de estrear xa comezou moi lindo.

Celébrase tamén o día mundial da infancia, porque @s nen@s sofren nas súas carnes, non só a fame e a morte nos casos máis extremos do terceiro mundo, senón que tamén son víctimas da avaricia e da miseria moral dos adultos, nomeadamente traballando coma escravos medievais para as grandes corporacións. Hai un día das letras galegas porque, malia levar vinte anos de autonomía, o idioma galego non deixou de ocupar o status de lingua secundaria, porque as autoridades políticas e administrativas que nos gobernaron ata agora non cren nunha Galicia na que o galego sexa o idioma, non só oficial, senón usual. E se existe un día da liberdade de prensa, imaxine vostede porque será.

Gustaríame espertar unha mañá e poder coller un glosario de efemérides onde se puidera ler: día do racismo, día da guerra, día da explotación laboral, día da pederastia, día da especulación bolsista, día do cacique, día da especulación urbanística, día das comisións ilegais, día da hipocrisía, día da materia de relixión... Prométolle que participaría en tódolos actos.

Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000