Fran Alonso
 

Fran Alonso é un dos capitáns do barco de Xerais. O encargado do timonel do impulso e da renovación das liñas de Edición Xeral, que son as que compoñen as coleccións literarias, universitarias, infantís e xuvenís, turismo e de obras singulares. Un cargo co que pretendeu facer fronte ós novos aires que se impulsaban no departamento de edición, baixo a supervisión de Xosé Manuel García Crego. E este vigués de 39 anos asumeu o reto que se lle encargou na editorial na que entrara a traballar hai agora dez anos.

Alonso é, coma moitos deste oficio, xornalista e escritor, aínda que non quedan claros os lindes entre o que é oficio e o que é vocación. Filólogo de formación (licenciouse en Filoloxía Galego-Portugesa pola Universidade de Santiago) pronto lle entraría o verme do xornalismo. E foi cando formou parte do equipo que botou adiante “Diario 16 de Galicia”. Pero os seus camiños literario e xornalístico entrecruzáronse e foron un percorrer constante. Por unha banda a súa tarefa xornalística deu libros como “Territorio ocupado” que foi unha crónica sobre o conflicto do pobo saharauí feita desde os campamentos de refuxiados de Tinduf; e na súa faceta como escritor publicou numerosas obras tanto de narrativa (“Trailer”, premio Blanco Amor de novela, “Cemiterio de elefantes”) como poesía (“Persianas, pedramol e outros nervios”, “Tortillas para os obreiros”). Pero é esta tarefa, a de escritor, que non deixa esquecida, e de aí que acabe de rematar un relato para o libro colectivo “Materia prima” e un libro de literatura infantil, “ A casa da duna” pensado para os máis cativos. Pero a cabeza de Fran Alonso non para de maquinar e no outono volverá á carga con varios proxectos entre os que está un libro infantil, recuperar a veta do xornalismo cun par de libros de actualidade e unha guía turística na que traballa co fotógrafo Manuel G. Vicente.

E en todo este complexo mundo de comunicación Fran Alonso tamén ten sitio e cabida a internet. Pero tanto para o seu traballo como para o seu lecer. “Comunicación, busca de información, exploración pola web, utilización de recursos...” son os principais usos que lle dá Alonso a este invento que lle parece “un dos avances máis significativos e definitorios da historia”.

 

 

   
 
http://www.saharagalicia.org/

  Páxina da Asociación Galega de Axuda ao Sáhara que elabora a sección coruñesa. Libros, documentos, vocabulario de hassanía, noticias constantemente actualizadas, enlaces, actividades, caravanas de axuda, fotografías, etc.

   
 

http://www.imaginaria.com.ar/

  Revista arxentina de literatura infantil, con vocación universal. Ten grande interese para os afeccionados/as a este tipo de literatura. A revista, feita desde Bos Aires, inclúe información sobre autores e autoras, ilustradores e ilustradoras, entrevistas, libros, premios, eventos, e todo o que poida estar relacionado coa literatura infantil e xuvenil. Moi recomendable.
 
   
 

http://www.storm-magazine.com/

  O lugar da cultura. Trátase dun portal portugués de carácter cultural. As súas seccións inclúen artes, cultura, sociedade, ficcões, e mesmo un consultorio sentimental. Ten un magnífico deseño, estupendos contidos, reseñas de libros, etc. Está feita desde Lisboa para todo o mundo...
 
   
 
http://www.vieiros.com
  Moitas veces citado, segue a ser un portal imprescindible para internautas galegos. A través da súa sección Galicia hoxe pódese seguir a actualidade galega. Ademais, contén numerosos recursos e canais tan interesantes como Canal Lusofonía ou Canal Mundo. Son os auténticos dinamizadores do espacio web galego.
 

 

 

 
 
http://www.rebelion.org
  Xornal Electrónico de Información Alternativa. É un portal alternativo que ofrece información alternativa para repensar a esquerda desde a crítica, a diferencia e a solidariedade co movemento antiglobalización. Conta con columnistas como Marta Harnecker, Eduardo Galeano, Chomsky, etc. Imprescindible para fuxir da información homologada dos medios estándar.
 
   
 
http://www.acontrafio.com
  A Contrafío é unha iniciativa de información alternativa sobre e desde Galicia que se xenera en Ourense. É un portal recomendable para quen está contra a visión monolítica dos que nos gobernan. Moi recomendable e moi meritorio.
 

 

 

 
 
http://www.sapo.pt/
  Sapo é o principal buscador portugués. Resulta excelente para procurar recursos na área da lusofonía. Tamén teñen correo electrónico gratuíto.
 
 
   
 
http://spanish.peopledaily.com.cn/
  Diario del Pueblo (chinés) Este portal é, sobre todo, unha curiosidade: un xornal chinés que ten moito interese para contrastar as informacións dos medios occidentais. O seu lema di: o diario máis lido e máis «autorizado» de China (as comiñas son miñas). Ten un problema: vai tan lento que é desesperante. Pódese ler en varios idiomas
 
 

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000