I
WANT A HERO, ESCRIBIU LORD BYRON
Cando
as utopías esmorecen como un soño ó espertar,
cando se esvaecen as crenzas máis enraizadas, cando a ciencia
esnaquiza mitos e lendas e derruba os dogmas de fe, os heroes deberían
estar mortos. Pero non: mirando o solpor, véxoos esvarar
pola liña vermella do horizonte como aquel pirata que, no
seu navío, me fixo desexar por vez primeira a liberdade,
ou coma o Capitán Trueno que acougou as miñas arelas
infantís de aventura, ou quizais coma Supermán que,
coma un anxo, viña salvarnos dos nosos erros máis
catastróficos ou, incluso, como Xoán Gaivota desafiando
os propios límites físicos. Vexo, no solpor e dende
o miradoiro da miña casa de princesa, como eses novos heroes
esvaran polo ceo convertidos en puntos e en liñas ata materializarse
na pantalla da televisión. Pero ¡ollo!: estes personaxes
que millóns de persoas queren imitar, sexan os bos ou os
malos da peli, non son heroes senón personaxes que publicitan
a nosa 'encantadora' sociedade.
Querido
lector: hoxe son un anxo negro e sinto dicirche que os heroes, o
mesmo que os reis magos, non existen. Só son espellismos,
mentiras que nos protexen da espantosa verdade da vida, ansiolíticos
que acougan o terror de sabernos únicos e sos. Espantosamente
sos. Cando teñámo-lo valor de enfrontarnos a nós,
de coñece-la nosa forza e a nosa fraxilidade, a nosa beleza
e as nosas miserias, a nosa afouteza e a nosa debilidade converterémonos
en heroes. Pero é máis doado procurar modelos a seguir,
ser como alguén que xa é ou que outras persoas nos
inventaron para imitar, liberándonos así da responsabilidade
de ser nós mesmos. E, no canto de elaborarnos a nós
-que dá moita vertixe e hai que conseguir un posto de traballo,
casar, mercar unha casa, ter fillos, un plan de xubilación
e morrer- é máis doado elixi-lo modelo que máis
nos conveña. Así, á carta, entre as opcións
que nos ofrece a tele, o cine, o fútbol, a política,
os videoxogos, as ONG's, a literatura, as guerras ou a tecnoloxía.
Non
existen, pero recoñezo que os buscamos porque os necesitamos.
O mesmo que procuramos un flotador por se acaso non sabemos nadar,
calquera día podemos erguernos buscando, como Lord Bryron,
un héroe que nos salve de nós mesmos.
Anxos
Sumai
|
|
SANTOS
PAGÁNS
A
existencia dos heroes e dos mitos responde a unha estratexia da
que nos servimos os humanos para ignorar as nosas limitacións
intelectuais, procurando referencias "superiores" que
nos liberen do trauma da nosa insignificancia. O mesmo ocorre
coas relixións, que serían a versión maximalista
do tema. A historia está inzada de extravagantes deuses
mitolóxicos, heroes da navegación, emperadores por
designio divino, salvadores universais (polo mesmo designio),
guerreiros que gañan batallas despois de mortos, enxeñosos
artistas do Renacemento, lúcidos pensadores da Ilustración,
estrategos militares, colonizadores teimudos, intrépidos
aviadores... O ser humano, que veu demostrando unha inmensa capacidade
de progreso tecnolóxico, tamén o veu facendo por
se mergullar na estulticia. Porque unha cousa é ter referencias
ou recrearse ludicamente con elas (cada quen pode entreterse coa
estupidez que queira), e outra moi distinta é a exacerbación
daquelas. Vale que gocemos de xeito festivo coa reverencia a seres
etéreos e superpoderosos, pero non parece moi sensato encomendar
as nosas vidas, sociedades e destinos a dogmas e prexuízos
irracionais.
Coa
chegada da sociedade de masas, os heroes trasladáronse
ó mundo do espectáculo, nomeadamente ós eidos
do cinema, do deporte e da música. Malia terse experimentado
cambios sensibles, a súa función segue sendo a mesma.
Que máis da deuses do olimpo, santos, actrices ou cantantes,
todos son variados e extravagantes veos cos que agochamos a nosa
incapacidade intelectual. Hai quen defende que, froito dunha evolución
social, melloramos moito con esta translación mitoloxía-relixión-espectáculo.
Eu penso que non hai tal evolución. Son as mesmas serpes
con distintos pelellos.
A
mocidade sempre foi o principal caldo de cultivo dos mitos. E
unha sociedade onde os mozos teñen como referencia a cantantes
de dubidosa calidade e proceder ético, a deportistas evasores
de impostos, a banqueiros corruptos, a políticos xenófobos,
fascistas e mesmo asasinos, non semella gozar de moi boa saúde.
Ver eses milleiros de mozos desencaixados, frenéticos,
case posuídos, berrar ante o paso dos participantes de
Operación Triunfo ou de Gran Hermano ratifícame
na idea do progreso con sentido cíclico (eu diría
circular, como o dos burros coa noria). Non avanzamos nada no
que debería ser o noso guieiro de futuro: a relativización
da nosa existencia e das nosas relacións e a mesura na
interpretación do mundo. Probablemente o ser humano sexa
o ser máis intelixente e o máis estúpido
da Terra. E hai que ver o que costa manter esta primacía
simbiótica.
Roberto
Ribao
|