Antonio Mourelos
 

Moi coñecido entre o público galego por interpretar ó vilán manipulador Gonzalo Lantaño, nome do seu magnífico personaxe, na serie televisiva Rías Baixas, este actor lugués domina moitos máis rexistros e atesoura unha importante experiencia como actor e director de dobraxe. Na película de recente estrea "O Alquimista impaciente" poderemos atoparnos a Antonio Mourelos dando vida a unha das personaxes da trama dirixida por Patricia Ferreira. Mourelos declara sentirse impaciente por esta estrea "porque vai ser a primeira vez que me vexa nunha pantalla de cine", e tamén está pendente o actor da estrea de "O Lapis do carpinteiro", de Antón Reixa, onde fixo a personaxe do alcalde Casal, desta cinta di Antonio ter a intuición de que vai ser unha película que de moito que falar e declara sentirse orgulloso de ter participado nela. Tamén en "Os luns ó sol", de Fernando León, poderemos atopalo dando vida a algunha personaxe. Entre os seus proxectos futuros, dos que prefire non falar moito por "aquilo de que da mal fario falar deles", está a intervención en dúas TV Movies de emisión nacional.

Nacido en Lugo, cando tiña dezaoito anos marchou a Madrid a estudiar a carreira de Imaxe e Son na facultade de Ciencias da Información. despois de licenciarse, e xa de volta en Lugo, comezou a traballar en emisoras de radio, onde seguramente a súa modulada voz lle foi de moita axuda ó mesmo tempo que a preparaba para a súa seguinte traxectoria no mundo da dobraxe audiovisual. En 1985 foi responsable da Filmoteca de Galicia, que estaba integrada no Arquivo da Imaxe da Consellería de Educación e Cultura. A penas estivo un ano neste posto, xa que a Filmoteca desapareceu e Antonio Mourelos xa estaba moi integrado no sector da dobraxe como actor e director. Nesta actividades estivo comprometido "en corpo e alma" ata o ano 2000, en que as casualidades da vida o colocaron diante dunha cámara para interpretar ó "malo" da serie da Televisión de Galicia, Rías Baixas. A partir de aí comezou una nova etapa chea de futuro para el, "abríuseme unha porta no mundo da interpretación diante das cámaras, mundo no que para ben ou para mal, aínda continúo". Nesa liña, Antonio Mourelos ven de gravar unha intervención de tres capítulos na serie Mareas Vivas, na que xa colaborara con anterioridade noutros seis capítulos. tamén traballou noutras produccións como Terra de Miranda, a película para televisión Entre Bateas e as curtametraxes Galáctea, de Cora Peña, e O Presidente, esta última pendente de estrearse.

Antonio Mourelos usa da rede para comunicarse co correo, tanto persoal como profesionalmente, e tamén se declara un grande usuario dos sistemas de noticias que falan de cine, televisión ou cómics. Mourelos, suscriptor de Culturagalega.org porque "a parte de que o seu deseño é moi bo, nela encontro noticias que na prensa escrita non veñen ou hai que atopalas cunha lupa", usa a web puntualmente para buscar algúns datos ou para estar ó tanto de todo o que teña que ver co mundo audiovisual ou cultural "ó que por desgracia a prensa escrita dedica cada vez menos espacio".

 

   
 
http://www.porlared.com/cinered/

  Para estar ó día de todo o que atinxe ó mundo audiovisual no estado. tamén recomendo suscribirse.

   
 

http://www.portozas-vision.com

  A páxina da productora de Antón reixa. Visualmente para min unha das páxina con mellor deseño dentro das adicadas ó mundo da producción audiovisual.
 
   
 

http://www.aadteg.com

  Esta é a páxina da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia. Informa puntualmente de acontecementos, cursos, actividades e demais que teñen que ver co mundo sobre todo de teatro, aquí en Galicia.
 
   
 
http://www.imdb.com
  Imprescindible se queres coñecer calquera dato de calquera película de calquera ano, sobretodo americana. Está en inglés pero é case que unha enciclopedia de cine.
 

 

 

 
 
http://buscacine.com
  Outra páxina máis de cine con noticias, enlaces, encuestas, opinións... un pouco de todo.
 
 

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000