A debate:
O MELLOR AMIGO DO HOME
Xa non se segue a máxima xornalística de que non é noticia cando un can morde a un home, agora o que xa non é noticia, por habitual, é que o home queira manexar ó resto dos seres vivos coma monecos ó seu servicio

ANXOS PERIGOSOS

Véxoos xogando cos meus sobriños. Os dous cativos, de tres e cinco anos, séntanselles no lombo e brincan neles como se fosen cabaliños dun carrusel; túrranlles das orellas, danlles de comer coas mans, póñenlles gravata e sombreiro, preocúpanse se os ven tristes, non queren que queden fóra nas noites de inverno, ínzanos de fariña, apréndenlles a xogar ó fútbol, acaríñanlle-la cabeza cando dormen. Nunca se me pasaría pola cabeza que un dos cans -Sol é un inmenso pastor alemán e Lucas é un cruce de husky e non se sabe qué- puidesen arrincarlle o pescozo a ningún meniño. Eu sempre os vin así, cariñosos, rebuldeiros, protectores, ás veces cabreados pero sempre agradecidos de que os afastasemos dos seus medos máis grandes: a soidade e o abandono. Quizais, máis ou menos, os nosos propios medos.

Poida que sexa unha inconsciente, dígoo por toda a alarma social que a prensa alentou sobre o tema, pero eu sigo acariñando os cans que se me achegan. Paréceme excesivo que se convertan nun problema xeneralizado os ataques puntuais dos cans, que sempre os houbo, e non só de cans de gran tamaño. Pero claro, un ataque dun caniche non é noticia porque daría a risa, nin un ataque dun gato: ¡ e vaia se pode ser perigoso un gato! Agora intentamos atalos coas leis, como ós adolescentes, como se promulgando leis calasémola nosa responsabilidade. Facémolos vivir nun mundo que a nós mesmos nos volve tolos de insatisfacción, prendémolos dunha correa que non lles permite gasta-la súa inmensa enerxía, adestrámolos para que defendan a morte as nosas propiedades, os nosos medos máis miserables, explotámolos en pelexas sanguinarias contra outros cans, maltratámolos, abandonámolos…

Que si, Carlota, que tes razón. Que a culpa non é do pastor alemán do teu veciño, que o pobre can tivo a desgracia de caer nas mans dun cretino. Que os que estamos cada vez máis violentos e agresivos somos nós. Que se para nós un dos pesadelos máis terribles é que un can nos arrinque a cabeza, eles posiblemente soñen con que, a persoa que máis queren, os abandone nunha estrada ou os aforque nun carballo despois de remata-la tempada de caza.

Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

CAN-GUELO

Resulta curioso que os humanos nos permitamos a liberdade de cualificar de violentos a determinados animais, despois de ver o feixe de fazañas bélicas e barbaridades que ateigamos. E sabendo que, entre nós, hai animais máis animais ca os animais. Véxase Ariel Sharon, por exemplo. Tamén cómpre sermos conscientes de que a nosa sociedade ten problemas máis importantes, que xeran unha violencia soterrada e cotián máis prexudicial e nociva: a desigualdade social, a explotación laboral, o acoso sexual, o caciquismo, os paraísos fiscais, as corrupcións (política, empresarial, xudicial)...

Superadas estas precisións, quero suscitar as miñas dúbidas acerca deste poliédrico tema. Eu non convivo con animais porque non lle atopo especial chiste, pero comprendo que haxa a quen lle guste, ou mesmo a quen lle sexa case imprescindible compartir a súa vida cun animal de compaña. Hai pouco sorprendeume unha noticia na que se informaba dunha sentencia favorable a unha familia, creo que australiana, que foi denunciada polos veciños por ter tres enormes porcos na casa. A ninguén se lle pode privar da posibilidade de compartir vida cun animal aínda que, ante a mínima dúbida sobre o seu comportamento cos demais (máis ou menos animais), é mellor non telo. E a administración debe controlar seriamente isto para evitar feitos desagradables como os que acontecen ás veces. E como sospeito que os humanos temos algo que ver con determinados comportamentos dos animais domésticos, este control tamén debe facerse extensivo ós donos, respondendo estes das falcatruadas daqueles.

Non sei nada de cans e dos seus posibles comportamentos agresivos, e imaxino que non ha resultar doado establecer uns parámetros sobre os cales determinar cando son perigosos e cando non. Pero cómpre maior información para todos. Porque si é certo que, tras determinadas noticias nos medios, hai unha certa psicose arredor deste tema. Podendo escoller, e malia resultar entre "hortera" e "kitsch", prefiro os "cans afirmativos", eses que viaxan na bandexa posterior dos automóbiles e abanean a cabeza asentindo a todo canto lle poidan dicir dende fóra, mesmo se son burlas ou insultos.

Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000