A debate:
UNHA DE PIRATAS
Hai unha imaxe romántica da piratería asociada ós indómitos saqueadores do mar caribe, na actualidade a piratería está moi lonxe diso e as súas consecuencias afectan ó tecido industrial do que moitos artistas viven

QUEN ROUBA A UN LADRÓN...


Soa un tema dun grupo de acid jazz. A música, agradable e ó volume xusto, favorece a conversa que a noite leva por camiños satisfactorios. Achégasenos un mozo chinés, non para vendernos rosas, senón para guindar sobre a mesa unha morea de discos que saca, sen pudor ningún, dunha mochila na que debe haber alomenos douscentos. Nós, que somos catro, imos seleccionándoos e mercamos seis cedés piratas, entre eles precisamente un do grupo que estamos a escoitar. Igual tiñamos que sentir remorsos, como se defraudasemos a Facenda, porque defraudar á SGAE parece unha cuestión de Estado. Ó mellor tamén nos tiñamos que sentir culpables pola cantidade de xente que está a despedi-la industria do disco. Pero, ¡que lle imos facer!, temos máis preto a este bolsero chinés que ó presidente da Virgin, ós executivos da Sony, ós avogados da SGAE ou ás estrelas da música. Estamos máis preto dos piratas que dos atracadores.

Confeso que máis da metade dos discos que teño na casa son copias ilegais adquiridas a manteros, bolseros, baixadas de Internet ou sacadas das discotecas privadas dos amigos. Moitos deles non os tería mercado na vida, simplemente por seren tan caros e, sobre todo, descoñecidos para min. Gracias ó pirateo coñezo moita música e moitos intérpretes e, como me gustan, vou ós seus concertos e mesmo merco os seus discos, porque cando me interesa algo eu prefiro posuír -como todo o mundo- copias orixinais. Dámos no de sempre: a música é moi cara, comparade o prezo dun CD de novidade co de calquera película en VHS que acabe de saír e pensade no que custa editar un disco e no que custa producir un filme. Ademais, seriamos imbéciles se non lle tirasemos proveito ás facilidades que nos ofrece a tecnoloxía.

Estou a ler, mentres escoito a copia pirata do Brodway-53nd de US3, un poema de Du Fu que principia así: "O estado foi destruído, as montañas e os ríos sobreviven". A música sobrevivirá a piratas e atracadores, incluso á auto-análise urxente que deben facerse as discográficas. Elas non inventaron a música: convertérona nun negocio.

Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

A SÍNDROME ERROL FLYNN
ou a necidade de se crer pirata

A principal razón dos que xustifican a piratería de soportes con contido musical é o seu prezo excesivo. Esoutro día ofrecéronme un CD a 3 euros, no canto dos 20 que custaba na tenda. ¿A canto habería que rebaixar ese prezo legal para que desapareza a piratería? ¿A 3 euros? ¿Pensa vostede que se pode producir un CD por ese prezo? ¿De onde se sacaría para pagarlle a tódalas persoas que viven arredor desa industria?

Os estados da UE signifícanse por se dotar dun sistema fiscal redistributivo onde, vía impostos, se detraen fondos segundo a capacidade económica individual e familiar, para financiar as políticas PÚBLICAS (infraestructuras, prestacións sociais, ensino, sanidade, cultura...). As redes da piratería funcionan ás costas deste sistema. Porque os beneficios que produce non son declarados nin no circuíto impositivo comercial (IVE) nin na declaración da renda (IRPF). Iso convértese nunha burla dun dos principais alicerces éticos do noso sistema socioeconómico.

Resulta curioso que moitos dos que adquiren cedés clandestinos o fan por solidariedade cun vendedor ambulante que se gana a vida como pode. Sírvome do seu antónimo, a insolidariedade, para definir o comportamento de quen, mercando un CD pirata, ceba os bandullos das redes mafiosas favorecendo unha competencia desleal coas empresas legais (non só transnacionais), usurpando boa parte dos ingresos de músicos e artistas, suprimindo postos de traballo e minguando a capacidade redistributiva da administración e do estado, ó reducir os ingresos das arcas públicas. Tampouco son poucos os que o fan para se enfrontar cun sistema que non lles gusta, prexudicando ás corporacións transnacionais. Baixo o veo do enfrontamento co sistema, o que fan é favorecer a aqueles que se aproveitan del. Porque este tipo de accións fan boa unha das máximas do neocapitalismo salvaxe: a desregulamentación. O comportamento prepotente, abusivo e dominador das transnacionais non se combate propiciando as redes ilegais, que rematan por se converter noutras transnacionais, pero clandestinas. Aquí non serven as técnicas forestais, que combaten o lume con máis lume. Ademais, sería interesante saber que tipo de persoas son as que están detrás das mafias da piratería. Ó mellor tórnase indixesta a solidariedade da que falan algúns.

As actitudes que veño de cuestionar responden ó que eu chamo "insolidariedade diferida", que tamén agroma con esa importante bolsa de xente de esquerdas que non vota nas eleccións e posibilita que sigan gobernando os de sempre (mesmo co risco de favorecer á extrema dereita, como en Francia). Está moi ben erguerse pola mañá e decidir ser moderno, anti-sistema ou mesmo ácrata. Pero antes diso cómpre tomar un café e reflexionar sobre as súas consecuencias. As aventuras de Burt Lancaster e Errol Flynn, de sabres, parches nos ollos e abordaxes, mellor deixalas para o cinema.

Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000