|
Poeta
e traballadora incansable a prol da difusión
da cultura no noso país, Ana Romaní naceu
en Noia en 1962, aínda que vive en Compostela
desde os once anos. De calquera xeito foi a vila mariñeira
a que viu os primeiros resultados das súas inquedanzas
vitais: a participación no grupo de teatro Tiruleque
ou na revista "Carabela de Xeada" e a creación
da asociación cultural Catavento son algúns
exemplos. A comezos dos oitenta comezou a coñecerse
a súa actividade poética con recitais,
colaboracións en revistas ou certames coma o
Xente Nova na Poesía Galega ou O Facho. Non foi
ata 1987 cando saíu á luz o seu primeiro
poemario, "Palabra de Mar·, ó que
seguiriían "Das últimas mareas"
(1994) e "Arden" 1998. No 97 publica o conto
"Marmelada de amoras".
Ana
foi unha das creadoras da revista feminista "Festa
da Palabra Silenciada" e da asociación "Mullleres
Galegas na Comunicación". En 1989 comeza
a traballar na radio realizando o programa de humor
"A viborona" en Radio Nacional de España
en Galicia, e no 90 comeza a dirixir na Radio Galega
o Diario Cultural. Por este programa desfilaron na última
década os principais protagonistas das letras
e das artes do país, converténdose nun
referente ineludible da información cultural
galega. O seu traballo neste espacio valeulle o I Premio
Irmandade do Libro (1992), o Premio Xerais á
cooperación no eido cultural (1999) e o Premio
San Martiño á Normalización Lingüística
e Cultural (2000).
Durante
anos fixo parte da Sección de Comunicación
do Consello da Cultura Galega, participando actualmente
na Sección de Música deste organismo.
Participou tamén en diversos proxectos artísticos
coma os discos "O Son da Pedra" de Milladoiro,
"Rosalía na voz dos poetas" ou "Daquelas
que cantan", do Patronato Rosalía de Castro.
En 1997 creou con Antón Lopo o Laboratorio de
Indagacións Poéticas, no que realizaron
os espectáculos "Ó outro extremo
do paraíso", "Lob@s" e o Festival
de Espectáculos Poéticos "A Boca
Aberta" na celebración do Día Mundial
da Poesía do PEN Clube Galicia.
No 2000 comeza a participar no proxecto "Son delas",
un espectáculos coas principais representantes
do folk galego no que Ana recita poetas do país.
Este espectáculo aínda se puido ver nos
escenarios durante o mes de marzo. Na mesma liña
de espectáculos poético-musicais colaborou
con Rodrigo Romaní nos recitais "Arden"
no 2000 e "Lisboa" no 2001.
Os seus últimos proxectos foron o espectáculo
"Catro Poetas Suicidas, Intervención Poética
Contra a Levidade" no que recuperaba a obra de
catro poetas mortas prematuramente. Recenetmente desenvolveu
con Lupe Gómez e Anxos Romeo a posta poética
en escea "Estalactitas" e, coincidindo co
décimo aniversario da morte de Avilés
de Taramancos estaá a realizar diferentes artigos
sobre este escritor.
O seu emprego de Internet é fundamentalmente
profesional, tanto consultando medios dixitais coma
procurando informacións concretas.
|
|