Din
que esta vai a ser a a era do audiovisual... a ti que che parece?
Que
xa o é, porque ata o século XX, ata a invención
do cine, o mundo e a súa forma de achegarse á información
e ó coñecemento doutras xentes e doutros lugares era
completamente diferente. Antes era a través da literatura,
música, pintura fotografía.. xa no século XIX
pero logo coa aparición do cine e das súas ramificacións,
o que agora se chama audiovisual, foron modificaron completamente
a forma de achegarse á información de todo o mundo
occidental e é un dos pilares básicos da sociedade.
E eu creo que o mundo e o modo no que se reproduciron as conversas
teñen moito que ver dun ou doutro xeito coa imaxe gravada.
Referíame
a que cando a AGAPI lle presentou á Xunta as cen ideas para
mellorar o audiovisual, afirmouse que esta sería a lexislatura
do audiovisual
Se
falamos de Galicia en concreto, temos que a situación está
indo para arriba e sen parar. Se o comparamos co que había
hai dez anos temos un cambio brutal. Antes había pequenos
intentos, case francotiradores, agora empeza a haber algo semellante
a unha industria. Moi pequeniña e que nunca será unha
grande industria por cuestións obvias, porque estamos nun
país pequeno e sempre seremos pouca xente. Pero aínda
lle queda moito por medrar. Sobre todo no campo da televisión,
aínda lle falta moito aínda que agora mesmo todo o
"prime time" da TVG estea copado por produccións
propias galegas e non é por un esforzo político de
poñer cousas galegas, senón porque teñen éxito.
E isto, de momento, só aconteceu con programas e con series,
que xa é moito. Pero aínda queda moitísimo
camiño por percorrer, e sobre todo en cinema.
¿Cales
son os principais problemas para conseguir a normalización
do audiovisual en Galicia?
Eu
penso que hai un erro constante na forma de afrontar as cousas,
e parte deste mesmo problema xa é esta mesma pregunta. O
audiovisual galego ten problemas como pode ter o audiovisual doutros
lados e calquera outra industria. E non hai que velo como algo enfermo
que hai que atallar, senón que hai que velo como algo que
está empezando e que non está completo nin chegará
nunca a estar completo, porque non é un mundo estático.
Poderá haber unha sensación de estabilidade nalgún
momento concreto pero non é tal sensación de estabilidade.
Isto é algo que se move constantemente e que está
en constante cambio. Desde logo agora mesmo está mellorando.
"O
audiovisual galego hai que velo como algo que está empezando,
que nunca chegará a estar completo porque non é un
mundo estático"
Pero
a min paréceme un problema que a maior parte das produccións
que se financien aquí se estean a facer con cartos públicos
Pero
entón estamos a falar de toda europa. E mesmo de todo o mundo.
Por exemplo en EEUU o cinema non funciona a través de subvencións
e sen embargo é un dos países máis proteccionistas
de todo o mundo. E é moi difícil entrar nese mercado
non só por cuestións de gustos de público,
senón tamén por cuestións políticas.
Está prohibida a dobraxe, o que dificulta moitísimo
o acceso a un público maioritario. Pero, por outra parte,
a cultura das subvencións na medida en que crea moitos parásitos
(aínda que é unha palabra moi forte) de xente que,
unha vez conseguida a pasta, non arrisca realmente e fai cousas
anodinas e non lle preocupa tanto se o que fai é bo ou malo,
como o feito de facelo para poder entregalo a tempo e cobrar a pasta.
Por outro lado, creo que as subvencións son necesarias e
vano seguir sendo durante moitísimo tempo, considero que
fará falla outro tipo de figuras ou de estratexia política
para facer que isto siga adiante. E non é algo extraño
porque se dá en moitos sectores; ocorre agora no audiovisual
o que se deu antes na moda. E aínda que agora hai un mercado
moi potente en Galicia á medida de Galicia non creo que puidese
ser máis grande; e goza de moi boa saúde.
E
sen embargo a moda é un sector económico con resultados
palpables
Non
sempre foi así.
Pero
en moi pouco tempo conseguíu un crecemento con resultados
palpables que o audiovisual non está a rexistrar...
O crecemento
do audiovisual é moito máis lento, e eu creo que é
así necesariamente. Non é por quitarlle importancia
ó mundo da moda, pero cun pequeno grupo de xente, espabilada
e con talento a cousa medra unha barbaridade. No cine precísase
un mogollón de xente, xa non só xente traballadora,
senón xente con talento. Unha gran masa colectiva na que
hai moitísimos elementos e iso está crecendo a marchas
forzadas. Con eses cartos públicos fíxose a Escola
de Imaxe e Son na que estudiou moitísima xente e de aquí
saíu un mundo de técnicos que nunca houbera antes
en Galicia.
Pero
isto non é un pouco como a pescada que morde a cola porque,
como acabas de dicir, estamos a falar de que as subvencións
crean actitudes viciadas e sobre todo porque hai xente que do único
que se preocupa é de cobrar os cartos.... ¿isto non
crea un círculo que cómpre romper para tirar para
outro lado?
Non
creo que sexa un círculo que haxa que romper cunha auténtica
revolución. Creo claramente que a política de subvención
que se está a desenvolver agora non ésuficiente porque
xera eses problemas, pero non creo que se trate de romper con iso,
senón empezar a meter máis mecanismos de axuda en
distintos ámbitos: axudas fiscais... e logo crear outras
medidas que potencien as cousas que teñen maior éxito
de público. E isto foi algo que vai cambiando, xa que agora
xa existen subvencións que che dan se funciona moi ben a
película que che van dar máis cartos que antes. Co
que ti podes ir á subvención ou arriscar e se tes
éxito de público vas a ter maior número de
cartos. É un asunto moi complexo cómo facer que medre
unha industria e eu prefiro non arriscarme a dar fórmulas
porque se me escapa completamente.
E
ti cres que hai productos anodinos
Está
mellorando, sen dúbida
Véxote
moi optimista
Hai
pouco tempo pensei en dedicarme a outro negocio por non ver saída
neste. Non é todo rosas, nin moito menos. É un mercado
que vai a máis e que está mellorando. No caso de Galicia
é unha historia bastante curta. O cine en galicia ten tanta
historia como o cine en todo o mundo pero con cousas moi puntuais
e durante toda a primeira parte do século foi xente que emigrou,
xente que fixo cine fóra de Galicia. A idea de facer cine
de Galicia, desde Galicia para o mundo é algo relativamente
novo. No mundo das curtametraxes houbo un cambio no momento no que
apareceu a Escola e comezaron a aparecer os concursos e este tipo
de cousas. Ata o momento houbera algunha iniciativa e algunha dela
maravillosa como era o caso de "Mamasunción" que
gañou en festivais por todo o mundo, pero eran cousas moi
puntuais cun esforzo brutal para poder conseguir producila. De repente
a cousa medrou en cantidade e en calidade, apareceron curtas como,
por exemplo, "Coruña imposible", eu non vira nada
semellante en Galicia. E por primeira vez tiven a sensación
de 'xeración'. Cando eu empecei nisto non coñecía
a ninguén que quixese ser guionista, director... e de repente
cando empezou a Escola eran cincocentos mil e coñecémonos
todos. Os que nacemos con esas curtas aínda non fixemos ninguna
longametraxe para cinema pero... varios de nós xa temos proxectos
para facelo. Non digo que vaian ser tremendos exitazos cando empecemos
a dirixir, pero si que van ser películas que teñan
éxito. Igual que se creou esa sensación de xeración
pódese crear outra noutro momento, e cando cheguen eles serán
mellores ca nós, por lóxica.
"Coa
Escola de Imaxe e Son houbo un cambio e notei a sensación
de 'xeración"
Estás
relacionando todo este "boom" coa creación dun
organismo regulado que forme profesionais... ¿que cres que
pasará coa creación dunha carreira como audiovisual?
No
caso de audiovisual non teño nin idea de se iso terá
unha repercusión notable no mundo do audiovisual. O da coruña
foi un caso moi especial porque foi a primeira. Era unha escola
moi pouco ortodoxa, había unha vida moi especial e malia
que eu non estudiei nela ía todos os días. E había
un entusiasmo moi especial e non depende de que haxa un organismo
privado. E creo que en vigo está a pasar o mismo. E se iso
acontece, vaia ser xente nova e isto vai a medrar moitísimo.
¿E
o audiovisual vive de esperanza?
A eperanza
é, sen dúbida, un dos factores que alimenta o audiovisual
hoxe en día, pero tamén hai moitas outras cousas.
Se os que fan cine, o fan como un simple traballo que entras as
oito e saes ás sete, poderán chegar a facer cousas
interesantes, pero non é o normal nin o habitual. O normal
é que as cousas realmente boas saian dun ambiente moi con
maior entusaismo, e este é un traballo claramente vocacional.
E
Jorge Coira segue ilusionado..
Si,
pero a experiencia non é a mesma. Eu sigo empezando, aínda
que levo máis de dez anos traballando. Sen vocación
e ganas non te poderías adicar a isto. E sí é
distinto que ó principio. Acórdome da primeira vez
que fun de meritorio a unha curtametraxe de 35mm, e se me caía
a alma "¡ah!, ¡unha cámara de cine!".
Agora non, agora vexo unha cámara de cine e digo, "que
instrumento máis maravilloso". Paréceme un dos
mellores inventos da historia da humanidade. Perdín esa emoción
por todo.
Botar
a andar un producto como "Terras de Miranda" cando xa
se coñecía o éxito de mareas... ¿non
condiciona un pouco o traballo? ¿non asusta?
Ten
parte de hándicap. Persoalmente non me asustaba porque notaba
que en xeral había grande conciencia. Era unha serie parecida
a Mareas pero iso no implicaba que tivesemos que acadar o mesmo
éxito que Mareas. Eu acórdome que me dícían
veña " a polo 40%". E eu dicíalles estades
tolos. Non é que Mareas fose un éxito televisivo,
senón que foi un verdadeiro éxito social, foi un éxito
abrumador e parecía imposible chegar ahí. Gústame
saber estes datos, pero non é algo que me preocupe moitísimo.
Como en parte tamén é un pouco lotería.
¿Pero
lotería ou moda? Pensar que este éxito decae...
É
unha mestura das dúas cousas. En galicia hai un boom de series
e eu creo que isto mesmo agora vai a baixar. Eu creo que hai un
problema de sobreproducción. Están a producirse unha
cantidade tremenda de series máis do que o mercado pode asimilar.
O cal é case tan malo ou igual de malo que producir pouco
porque vai a crear un montón de técnicos que, de repente,
van quedar na rúa porque non haberá qué producir.
E eu creo que vai a baixar a producción de series de ficción
en Galicia. Pero tamén é certo que non creo que vaia
a desaparecer nin moitísimo menos. Non imaxino ninguna razón
para que sexa unha moda que chega, marcha e desaparece. Foi unha
moda que crea un boom e que logo baixará a producción
para estabilizarse nunhas cantas series ó ano e punto. Este
fenómeno que se da agora en Galicia foi a rastras de España
primeiro, e á súa vez a rastras de Europa. En toda
Europa ocorre o mesmo. Pero tamén se dá o fenómeno
contrario, unha gran cantidade de series brutal e que, de repente
baixou e estabilizouse a producción. Pero seguiron, a conta
de investir máis esforzo económico para elevar a calidade
e poder mantelas en parrilla. Fanse menos, fanse mellor e non se
me ocorre ninguna opción pola que se vaia para atrás.
Logo está outra cuestión que é o feito de que
hai dous mercados fundamentais, que é a cuestión dos
mercados. Existe o mercado norteamericano e o europeo. O nortearmericano
tiña o poderío total e absoluto en todos os aspetos.
E hoxe en día xa o perdeu en moitos deles, como por exemplo
en tv.
"En
Galicia hai un boom de series, unha sobreproducción que se
está a producir máis do que o mercado pode asimilar"
Ti
cres que unha boa película pode arrastar cara outros xéneros...
por exemplo que se a ficción pode chamar aquí a que
se demanden outro tipo de productos doutros xéneros.
Eu
creo que todo medra, máis ou menos a un tempo. Nun primeiro
momento todo o mundo se puso a facer series e centraron o seu esforzo
nisto. Quedaron funcionando moi ben e quedou relegado o terreo do
cine e dos documentais. Unha vez que isto chegue ó seu tope
realmente ese esforzo irase cara as longametraxes, curtametraxes,
documentais... e todo irá medrando dun xeito paulatino. Eu,
por exemplo, dígoche, documentais fanse moitísimos,
pero neste mundo en España fanse cousas interesantísimas
pero esta parado en formulas moi anticuadas. Fanse documentáis
moi parecidos, hai pouco espírito de risco e isto é
un problema non só de Galicia, senón tamén
de toda España, e é que estamos moi pechados ó
exterior. E é isto que vai a cambiar e que cada vez ocorre
máis pero é un proceso moi lento.
¿Os
documentais son unha forma de facer etnografía ou unha forma
de contar?
Son
unha forma diferente de contar, porque se queres facer etnografía
tamén a podes facer a través da ficción, pero
tamén parecida. Ten cousas en común coa ficción
e cousas radicalmente opostas. Eu teño a sensación
de que se pode chegar máis ó corazón da xente
a través da ficción que a través do documental,
porque na ficción non hai ningún pudor con respecto
ás personaxes, mentres no documental si porque esas personases
son persoas, e entón é cuestión de responsabilidade
que pode ser brutal e tes que deixar cousas fóra que non
farías no caso de que fose unha personase de ficción.
O documental cánsame moito porque é unha responsabilidade
tan dura que non podería estar facendo continuamente documental.
"Gústame
o documental pero cánsame moito porque ten unha responsabilidade
enorme "
Como
traballas con historias reais... ¿existe censura?
Si
que hai censura. Eu tiven problemas de censura no caso cásico
da palabra, era censura política, aínda que a verdade
é que foron moi pouquiños. Logo tiven unha constante
autocensura pola miña parte porque, por un lado tes que ser
honesto co público e tentar contar o que ti viches e o que
ti gravaches e, queiras ou non queiras, estás a dar unha
opinión sobre as persoas que ti estiveches a gravar, e polo
outro tes que tentar que esa opinión sexa coherente e honesta.
E por outro lado, se alguen che cae mal, eu non podo poñelo
así. Aínda que a ti che caia mal, hai moita outra
xente que quere a esta persoa e me parece moi inxusto e fastidiado.
Por exemplo, fixen unha de policías que non está estreada
e eu ía con actitude de mero profesional que sabía
facendo este tipo de documentais e dicía, vou facelo e punto,
pero sen nada máis, porque eu nunca sentira ningunha simpatía
especial polas forzas de seguridade. E, de repente, vin que non
o podía facer como mero profesional e dun xeito afastado,
porque coñecín a uns cantos tíos, uns tíos
estupendos... e se hai unha manipulación da información
en canto a que eu escollín a sete persoas que a min particularmente
me gustaban. Eu deixei claro a quen quería gravar a a quen
quería retratar. É dicir, non dixen este tío
é un fascista...imos a por el. Queda claro que os había...
pero eu non os saquei na serie porque non era o que quería
retratar.
Pero
ti mesmo dis que tes que contar o que viches
Tes
que ser honesto co que viches, coa xente e tamén contigo
mesmo. Ti non tes a razón absoluta como para xulgalo e presentalo
diante do público e dicir que ten a razón absoluta.
Non sei se me explico. Eu podo pensar, que non son un anxo, hai
xente que me parece xente maravillosa e hai quen me parece mala
xente. Eu sintome cómo pensando, pois... tamén o é,
pero non me sinto cómodo como xuízo absoluto con poder
para expoñelo públicamente como unha mala persoa,
porque seguro que hai a quen lle parece unha boa persoa e lle da
un xuizo completamente diferente. Entón eu prefíro
intentiar obvialo, agás dalgún caso flagrante.
¿E
só unha cuestión de respecto?
A cuestión
do respecto ás persoas é un dos piares fundamentais
do documental. E sobre isto pivota prácticamente todo. Hai
moitas formas de achegarse. Hai moita xente á que lle parece
que fun moi pouco pudoroso nos documentais e se cadra o fun. E aí
está a cuestión dos límites no documental.
Todo depende de se o que queres é facer algo que vaia máis
alá do didactismo e que chegue ó corazón das
persoas ou non. A min interésame moito máis pero...
é máis perigoso ó mesmo tempo. Eu gravei un
parto e púxeno en pantalla. E é unha das cousas máis
íntimas que poden ocorrer na vida. E tiven moitos dilemas
e moitos problemas morais sobre se poñer ese parto ou non.
A cuestión era que estaba contando como era a vida dunha
xente durante un verán e gravamos todo o que ocorre, porque
das cousas máis concretas saen ideas máis xerais.
E, de repente, un dos músicos dunha das orquestras vai a
ter un neno. Se estás contando a súa vida esto é
unha cousa fundamental, non é como tomarse un café.
Non contalo parecíame ser deshonesto co que tiñamos
pensando facer. Pero, por outro lado tratábase dun feito
dunha intimidade brutal. Estaba esta o dilema de querer contalo
todo (polo que te esqueces de pudores) e, por outro lado se te esqueces
de pudores... podes correr o risco de facer dano. Eu, neste caso
cheguei un acordo con este home en que eu non tiña interese
algún en facer nada que fose minimamente morboso que a cuestión
era iso, contar o nacemento. Foi do máis arriscado que fixen
, pero tamén do máis satisfactorio que fixen en toda
a miña vida. A min, por exemplo, foi unha das cousas máis
bonitas que me pasaron na miña vida. E isto é o que
ten de bo un documental, que é a corda flouxa. Se fas un
documental didáctico ou non entras para nada nestes temas,
te quedas tranquilísimo pero non estás facendo nada
que emocione, é algo máis desapasionado.
De
facer curtametraxes, e documentais ¿que houbo en para que
repente saia "Entrebateas"?
Que
me chamaron. Desde sempre tiven claro que o que quero facer na vida
son longametraxes, me gustaría seguir facendo publicidade,
de vez en cando, me gustaría seguir facendo algunha curtametraxe,
pero para min o obxectivo era facer longametraxes. Non era só
un camiño a percorrer para facer unha longametraxe para que
cando fixese a primeira xa estaba, senón que aí seguirá
o entrenamento para facer a seguinte. Eu as curtametraxes nunca
as vin como o proceso de aprendizaxe para cando faga unha longa,
eu sempre dicía vou facer a mellor curtametraxe que me fose
posible. Non como experimento, senón como mellor traballo.
Eu o que quero é facer longas porque creo que a posibilidade
de profundizar nas historias é moitísimo maior que
nunha curta, aínda que hai curtas que en 15min che cambian
o mundo, pero que ocorra é moito máis difícil,
tampoco con moitísima frecuencia.
E
os futuros proxectos
Hainos,
estou empezando unha longa para facer en Galicia con xente de aquí,
a principios do ano que ven, cun guión de Carlos Portela,
pero está moi verde. É unha comedia urbanita.
¿Qué
lle impresionan máis a Jorge Coira, as historias ou a linguaxe
cinematográfica?
As
dúas cousas, pero claramente máis as historias. Non
son un esteta, por exemplo, cando vin a curta de Paco Rañal,
"Coruña imposible" a súa curta gustoume
moito pero... nesto somos Paco máis eu moi diferentes. El
é un esteta gústalle moitísimo a imaxe, a min
gústame moito pero por debaixo da historia, a min interésame
moito máis a historia. Ás veces traballando pretendo
facer algo impactante, pero cando a vexo despois, sinto que me equivoquei,
gústame moito máis cando eu quero contar as emocións
e que ninguén se teña que preocupar pola cámara.
Non me gustan os planos aberrantes e moi chamativos. Sen embargo,
"Delicatessen" que é unha película cun poderío
estético brutal gustoume moito, pero gústame como
espectador, aínda que como director aburriríame.
|