|
Veciño
habitual desta sección desde a súa columna
de encarnizado debate con Anxos Sumai en "¿Anxos
ou diaños?", Roberto Ribao deixa que
o coñezamos mellor en todas as súas facetas.
Ribao naceu ourensán, aínda que non no
mesmo Ourense senón nunha aldea preto de alí,
"ó pé mesmo dun galiñeiro",
segundo el conta. Despois dunha serie de experiencias
que lle fixeron variar o seu rumbo e pasar de querer
dedicarse ó cine a devecer pola fotografía,
foi a dar a Santiago, onde fixo a carreira de xornalismo.
Neste camiño pasou pola Escola de Imaxe e Son
de Ourense e comezou a dar mostras do seu ollo fotográfico
en sucesivas exposicións desde 1989, no Outono
fotográfico de Ourense ata a máis recente
na sección Novos Creadores da Fotobienal de Vigo
do 2000. Do xornalismo el di que lle dedica "o
tempo das comidas", xa que "entre comidas
dedícome á fotografía". Ademais
da súa colaboración con Culturagalega.org
ten unhas páxinas fixas na revista Tempos Novos,
na que publica as fotografías intelixentemente
comentadas "Postais de Galizia".
Para
o 29 de abril deste ano, Roberto Ribao está a
prepara a inauguración dunha exposición
súa na Facultade de Ciencias da Comunicación
de Santiago. Co título "O berro mudo"
na exposición fai unha achega fotográfica
á primeira experiencia laboral dun feixe de xornalistas
novos " ós que se lles cae o mito da profesión"
cando comezan a traballar nela. A exposición
esta organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia e vai levarse despois polas principais cidades
galegas. Ademais, entre os proxectos futuros deste artista
está unha reconstrucción da memoria fotográfica
dos seus primeiros anos de vida "onde estou atopando
personaxes e situacións verdadeiramente sorprendentes".
Sempre a reflexión a través da imaxe como
unha constante para este home que decidiu dedicarse
á fotografía e deixar de correr tras das
rapazas cando "indo por unha corredoira detrás
dunha rapaza, esvarei e fun dar cos fociños nunha
bosta de vaca".
Aínda
que a relación de Roberto Ribao coa tecnoloxía
sempre está sometida a certas tiranteces que
o sitúan a medio camiño entre os apocalípticos
e os integrados, non renuncia a usar das capacidades
da rede, aínda que desde un punto de vista funcional.
"Nunca o uso como entretemento", admite, "procuro
información sobre Galicia e sobre as cousas que
me interesan nun momento dado". Roberto tamén
se declara usuario profuso do correo electrónico
"un medio interesantísimo- di el- de transmisión
de comunicación e de contacto con persoas interesantes".
|
|