PEÓNS
E ROTONDAS
Hai
unha razón que xustifica a existencia das rotondas: salvan
vidas, e moitas. Por iso, e aínda recoñecendo que
ás veces se abusa da súa construcción facendo
delas un elemento decorativo máis que outra cousa ou saltándose
a normativa á hora de deseñalas, as posturas en contra
das rotondas parécenme absurdas, unha insistencia teimuda
no egoísmo duns hábitos adquiridos á hora de
conducir, a defensa dunha postura reaccionaria por parte de quen
ten que adaptarse a una nova estructura viaria. E dígoo dende
o meu punto de vista: son un peón. Non conduzo e as rotondas
para min, coma para tódolos peóns, son un encordio,
unha molestia que supón un desprazamento ata un paso de cebra
situado a cincuenta metros de calquera saída e, ás
veces, incluso unha trampa mortal. Se hai algún prexudicado
con este novo accesorio no ordenamento do territorio sómo-los
peóns e mailos vendedores de clinex dos semáforos.
Pero
incluso así, dende a miña visión de non conductora,
vexo nelas algo positivo: a reducción da velocidade evita
que os atropelos sexan mortais e incluso, nun lugar como Galicia
onde hai tantos centros urbanos configurados á ámbolos
lados das estradas, a presencia dunha rotonda fai que o conductor
reduza a velocidade e se afaga a idea de que está entrando
nun territorio habitado. E, por riba, a máis de diminuí-los
accidentes, redúcese a emisión de CO2 e baixa o nivel
de ruídos. Parecen razóns interesantes que compensan
as molestias que poidan producir. Trátase de toma-las cousas
con calma e respecta-lo dereito de todos a desprazarnos. Se funcionan
noutros lugares, ¿por que non han funcionar aquí?
É
cuestión de afacerse a elas: só hai que aprende-lo
sentido do xiro, incorporarse á circulación e ser
educado. É unha pequena cousa que axuda a mellora-la nosa
convivencia. Como lle gusta dicir a un amigo meu: "na sinxeleza
está a fermosura". E neste caso algo tan sinxelo coma
un círculo pode evitar que morras.
Anxos
Sumai
|
|
POÑAN
A CARA ONDE TIÑAN O CU
Non
simpatizo en absoluto coas rotondas das estradas. Seica axudan
á fluidez do tráfico aforrando en semáforos
e evitando riscos nos cambios de sentido, pero a min, en non poucas
ocasións, desconcértanme. Sobre todo as que teñen
saídas múltiples. Cando vou de conductor decidido
adoito confundirme de saída, é como sexa cara a
unha autoestrada, cagámola. Cando me comporto de xeito
máis prudente acostumo a dar varias voltas á rotonda
ata estar certo de cal é a saída correcta. E chega
un momento que non sei de onde viña nin cara onde vou.
Seica
o das rotondas é un invento francés que se está
a estender polo mundo como a néboa. Aquí hai uns
cantos anos non existían e agora hainas a centos. Non tardarán
en facelas nos círculos centrais dos campos de fútbol,
ou nos campos de millo, ou nas chousas, para organizar ás
vacas. A min non hai quen me quite da cabeza que todo isto non
é casual. Eu sonlle moi desconfiado e me temo que hai alguén
moi interesado en que isto se propague. Coa escusa de distribuír
o tráfico nos someten a unha desorientación física
que, engadida ó desnortamento ideolóxico, remata
nunha absoluta desorientación vital. Como noutros tempos
foi o circo e o fútbol, agora é a televisión
e as rotondas. Antes era co lecer, agora tamén se fai con
elementos da funcionalidade cotián. Tortura familiar, achegada,
sibilina e silandeira.
Hai
quen se droga, hai quen sen emborracha, e tamén hai quen
monta nunha noria para esquecer a realidade e desorientarse a
pé feito. Pero o fan por vontade propia. Nembargantes,
a desorientación das rotondas é obrigada e permanente.
Claro que algúns se gaban de que esta caste de persoas
que nos significamos como occidentais non precisemos saber onde
está a Meca. Pero cumpriría sabermos, cando menos,
onde está o norte. "Poñan a cara onde tiñan
o cu", din os militares portugueses na instrucción.
Roberto
Ribao
|