ANTONIO DURÁN
MORRIS

Un camaleón na escena


"EU DEITOME PENSANDO NO TEATRO E LEVÁNTOME PENSANDO NO TEATRO PORQUE É O QUE ME GUSTA"

Morris é un dos iconos do teatro galego. Incombustible, infatigable, omnipresente... pero Antonio Durán Moreiras non agota, senón todo o contrario. Sorprende a cada instante, con cada personaxe, con cada papel. Os martes vémolo na TVG como o cuñado máis gorrón da televisión, e de vez en cando sorpréndenos a todos da man do CDG con papeles cargados de forza, de intensidade e de dramatismo. Morris é incasillable, entre outras cousas, porque está feito desa madeira de actores camaleónicos que distinguen as diferentes linguaxes e que se adapta a cada terreno. A súa última batalla líbraa na dobraxe, volvendo ás súas orixes, prestando voz e imaxe para o último traballo de Antón Reixa "O lápis do carpinteiro".


Por Cristina Mouriño

 

Morris leva dezasete anos no mundo do teatro e, como todo, todo ten un principio ¿Que supuxo Artello para Morris?

Eu fun co-fundador de Artello polo ano 78-79, saía de facer teatro no instituto de A Guía. Foi o primeiro grupo no que tiven a oportunidade e no que comezou o proceso máis ou menos de profesionalizarme. Eu saía dun clube xuvenil de Teis, onde dirixía o que antes se chamaba Teatro Popular galego. Foi de aquí de onde saimos os que fundamos Artello e a partires de aí xa pasamos a considerarnos que nos dedicábamos ó teatro, que era o que nos gustaba.

¿Considera que Artello é o inicio de algo, para cidade de Vigo ou para a túa propia persoa?

Artello formou parte dun proxecto moi importante para a cidade de Vigo sen pretendelo nós. Foi unha compañía de referencia que tivo moito que ver con aquel boom que existiu tamén no panorama da música, porque chegamos a ter unha sala de teatro propia independente, totalmente ocupada, con K (risas). Era una sala da Auge que pedimos para facer un curso e coa que logo nos quedamos. Era a Sala Carral na que faciamos espectáculos, traiamos compañías de fóra, de Madrid, había un sistema de gradas... e así ata que nos botou a policía.

Máis que un compañía plataforma foi un centro de dinamización...

Artello comezou antes que a propia Sala Carral, porque logo a propia sala Carral morreu e Artello aínda continuou. Foron 17 anos... moito tempo para unha iniciativa de teatro afeccionado

E para ti....¿Teatro afeccionado ou profesional?

Creo que deben de existir os dous. Teñen que existir os dous e, de feito, existen. Eu creo que a única diferencia que existe entre eles non é económica senón que é a que afecta á dedicación, é dicir, ás horas que se lle adica a iso. Non pode ser igual para un médico que nas súas horas libres se libere facendo teatro que para alguén que vive do teatro ou que é actor, que pasará todas as súas angustias, as súas alegrías... Eu déitome pensando en teatro, levántome pensando en teatro, non porque vaia de artista, senón porque non sei facer outra cousa. É ó que me dedico, e por iso vivo doutro xeito que se fixese teatro afeccionado.

Avogabas polo teatro como unha forma de vida, pero... ¿unha profesión non é completamente distinta?

É unha forma de falar. Por exemplo, o teu traballo ocupa moitas horas polo día e horas pola noite, cando te deitas podes desconectar. Sen embargo, cando te adicas ó teatro tes que estar pendente do proxecto que tes entre mans, e logo tes que pensar que é o que vas a facer despois, porque... ti só te adicas a isto. Eu vivo disto e teño que destinar unhas horas de traballo e de escenario e de ensaio que se teñen que deixar ver no escenario. Pero isto non quere dicir que o mellor producto sae dun profesional e dun afeccionado sae algAínda que o normal sería o outro. Hai bos e malos profesionais e bos e malos afeccionados.

 


Caracterizado en "Calígula" na producción do CDG no ano 2000


¿Considera que está normalizada a práctica teatral?

Non, para nada, e así veñen todos os problemas. Improvísase día a día.

¿Culpables?.... ¿Actores, institucións, público...?

Todos. Home, as institucións teñen moito que ver, quizais sexan as que máis teñen que ver nesta crise do teatro. Pero os actores e os que creamos este tipo de espectáculos e facemos teatro tamén temos moitísima culpa.

Motivos...

Falla o circuito, fallan o tipo de espectáculos que montamos, que non chegan ós espectadores, que aquí nunca se consegue facer unha programación estable de teatro galego. Creo que un dos problemas máis difíciles do teatro é a falta de conexión co espectador. Os profesionais estamos pouco implicados no desenvolvemento do proceso, en Galicia non está normalizada a situación. E aquí non se pode levar unha política de exhibición de espectáculos como se isto fose Madrid, nin como se a rede de teatros estivese consolidada. Non se pode dicier temos estes espectáculos, chamamos ós programadores fixan un día aquí outro alí, dous alá e se acabou. E logo a por outra obra. Eu penso que aquí hai algo que non está ocurrindo, que está fallando porque non hai espectáculos de teatro que despunten.


"ALGO ESTÁ FALLANDO CANDO NON HAI ESPECTÁCULOS QUE DESPUNTAN"


 

 

Malia que Morris é de formación autodidacta... cre que a escola de Arte Dramática vai a cambiar o panorama teatral

Si que vai a solucionar problemas, porque vai a crear todo un mundo ó seu redor, vai a entrar xente nova. Solucionará unhas cousas e chegarán outros problemas. E iso vai a crear todo un mundiño de creación ó seu redor. Porque a propia necesidade de alguén que está a estudiar arte dramática de chegar ó público vai a xerar procesos creativos moi distintos.

E éste o aire fresco que precisa o teatro...

Si, pero polos procesos de creación que os individuos van levar adiante. Que un estudiante se xunte con outros estudiantes e cun profesor e que decidan crear un espectáculo que supoñerá ser outra historia distinta. Hai que pensar que o que si ocorre é que a maior parte das compañías que existían antes desapareceron. O que si existe agora son estructuras empresariais dunha persoa ou de dúas, que non son compañías de creación de espectáculos que era o que existía antes, hai anos. Seguen existindo seis, sete, oito, dez compañías pero que detrás está unha persoa que se chama empresa tal que decide que vai a facer tal espectáculo, recibe esta subvención e chama a tal ou cual actor.

 


Imaxe da película "O lapiz do carpinteiro" de próxima estrea

Primeiro Calígula, agora Osvaldo Alving parece que as figuras que fai Morris agora sepáranse moito da imaxe que se ten do cómico cuñado da televisión. ¿Non é un cambio moi forte?

Non, porque a grande diferencia está no público que ve tv e o que asiste a teatro. Se o actor chega a comunicar sensacións da personaxe ó patio de butacas, o espectador normalmente faise cómplice co actor. Enseguida se esquece que está a ver ó cuñado ou a quen sexa. Nunca tiven problemas nese sentido. Eu fixen televisión desde hai moitos anos e non me pasou en ningún momento. Mesmo agora facendo "Platos Combinados", con Calígula non tiven ningún problema, nin en "Ministros pola cara", nin agora con Espectros. Que me collan para este tipo de papeles tendo unha vea cómica, para min é unha gran sorte, é unha grande posibilidade de amosar dotes dramáticas. Creo que todos os actores cómicos teñen grandes posibilidades para o drama. E se demostrou sempre. Porque somos cómicos

E Morris que prefire ¿drama ou comedia?

Dame igual, o proceso de creación de personaxe non é igual. Por exemplo, o proceso de creación do personaxe de Espectros foi duro, porque é moi realista. E o duro é crear este mecanismo por primera vez... para a seguinte xa é máis doado. Agora.... xa o teño máis dominado. Pero isto tamén depende moito do director porque son moi distintos cando afrontas este tipo de traballos moi interiorizados, que requiren dunha certa implicación do espírito do actor. Porque en todos estes papeles ten que haber un punto de encontro entre a personaxe e o actor e o director. Na comedia hai un estilo máis a reproducir. Hai uns gags, unha claridade mental sobre o ritmos, sobre a forma da falar e sobre a personaxe. Eu, que falo desde a creación das miñas personaxes, penso que o teatro é libre. Podes dar mil versións dunha mesma personaxe, pero sempre con esa forza e esa credibilidade que tes nese momento. E non é só desde o actor, senón tamén desde o propio director, co que ten que haber un punto de encontro.

 

Ti que traballaches en todos os medios ¿qué actitude atopas á hora de crear unha personaxe en televisión, en teatro ou en cine?

Claro que hai diferencias. Nas comedias de televisión, como "Pratos Combinados" hai oficio, poder de comunicación, porque a inmediatez da televisión non ten maior historia que esta e xa é bastante complicada. Non existe unha análise da personaxe potente, mesmo ves as tomas no monitor, empregas os gags, se o mesmo que se fai para televisión se fai cun formato de cine, cunha soa cámara, o traballo é diferente. Gravarías e explicaríanche, mira imos facer esto ou o outro, agora vai esta parte, vaise a ver ... explicaríanche ata o plano, mesmo unha situación do que faría. Se é un proceso cinematográfico todo o sistema habería que desmenuzalo case como pezas de reloxería porque van por flashes, por sensacións, e sempre a través dunha cámara tendo en conta que plano vai, tendo en conta miles de historias. E isto cando se trata dun producto con linguaxe cinematográfica porque non é o mesmo que se te poñen cinco cámaras e pinchan nun plató fas un show e xa está E de aí sae unha seatcom. E se fas teatro tés que facer outro tipo de análise da personaxe e tes que poñer outra enerxía porque estás actuando para alguén que está a vinte ou a trinta metros, porque noutro caso estás actuando para alguén ou ben pola tele, ou no cine nun primeiro plano, nun plano xeral... a linguaxe non é a misma, nin a forma na que te están a ver. Pero todo vale se podes facelo. Todo é enriquecedor, porque as tres linguaxes son distintas e, en parte, é o soño de calquera actor. E para iso primeiro teñen que ofrecerche eses proxectos e segundo tes que ter un pouco de oficio neles e ter esa sorte. Un bo autor ten que se defender nos tres medios.

¿Morris que prefire?


Gústanme as tres linguaxes, pero sabendo sempre que un actor nunca afrontaría igual un papel, nin unha mesma frase nun mesmo escenario. Sempre sería moi distinto.


"UN BO ACTOR TEN QUE DEFENDERSE TANTO EN TELEVISIÓN, COMO EN CINE COMO EN TEATRO"


 

 

Acabas de rematar un proxecto cinematográfico coa dobraxe ó galego de "O lápis do carpinteiro" ¿que nos podes contar?

Foi unha experiencia bonita na que teño un pequeño papel. Fago dun preso, José, que está na cadea con Daniel da Barca; un preso que coincide na cela con el e teño curiosidade en saber como resulta. Como se gravou en castelán e houbo que dobralo, e por iso fixen dobraxe. E polo que vin nas imaxes ten moi boa pinta, oxalá que o orixinal fose en galego e non houbese que dobralo. Non me gusta a dobraxe, teño que recoñecelo.

Pero as túas orixes...

Eu empecei no teatro, e como todo o mundo tamén fixen e dirixín doblaxe, como todo o mundo. Pero é un mundo moi complicado. Aquí hai grandes dobladores e hai tamén grandes directores pero creo que hai que ter os pés moi na terra para dirixir doblaxe e intentar reproducir o máis fielmente un orixinal e non ter que darlle un selo persoal que é o que se fai en dobraxe.

Consideras que a dobraxe non debería de existir como tal

Se non existise non ocorrería nada. O que acontece é que eu tamén estou viciado. Desde pequeño aquí en españa nos meteron dobrados, non estamos acostumados a ler. En Portugal ven igual as películas. Todo o que se poida ver en versión orixinal é moito mellor. O que acontece é que nós non temos práctica de ler, pero a colleríamos.

 


Con María Bouzas en "Pratos combinados"


Morris é unha das caras máis coñecidas da TVG, na que empezou desde as súas orixes... precisamente que o que está a ser canteira para moitos actores

É certo que hoxe en día un campo de formación moi importante para os profesionais son as series e eu como actor desconfío bastante destas palabras.

Pero as series non son fenómenos modales.... e cando se terminen

Si claro, eu pasei por todas esas modas. Antes de facer series de televisión fixen culebróns, por concursos, por realityshows.... é unha moda. As series están chegando moito á xente. E cando se termine o fenómeno terá que seguir o seu mundo. O cine é un mundo, a televisión é o seu mundo, chegará un momento en que todo isto se simplificará. Así, haberá cinco ou seis bos directores de prestixio que fagan películas e a televisión deberá apoiará ó cine porque sempre é así. O cine precisa de moitos máis apoios porque se teñen que invertir moitísimos millóns nunha película e non ten a mesma capacidade publicitaria que unha televisión.


"O teatro é libre podes dar mil versións dunha mesma personaxe"



E os futuros proxectos para Morris.


Agora vou a gravar máis de Pratos, logo esperarei a que se estreen estas dúas películas que acabo de facer e .. fixen algún casting que outro, son moi optimista con respeto ó futuro. Espero que me saian cousas distintas, tanto aquí como fóra. Espero montar cousas eu. O que máis me interesa agora é vivir e seguir con esta especie de profesión autodidacta. Ós meus anos parece que se me bota o tempo enriba e preciso historias distintas.

¿Que lle gustaría que chegase?


Gustaríame ser máis dono dos meus proxectos, que estivesen nas miñas mans, porque polo de agora estou esperando a que me chamen ou non. Cando me refiro a ser dono dos meus proxectos refírome a proxectos ou que me convenzan moito ou escollidos por min e que se poidan levar a cabo. Con respecto a teatro, non con resepcto ó cine, non me sinto atraído pola dirección. Seguirei de autor porque é o que me gusta.

 

 


 
 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000