A debate:
A ORDE DOS FACTORES
Esas pequenas ecuacións verbais que son os refráns ás veces (coma neste caso) contradícense.Claro que sempre pode arranxarse a confusión engadíndolle novas formulacións:"cada un fala da festa segundo lle vai nela"

MORRER DE RISA

A tartaruga debeu escachar coa risa cando lle gañou a carreira á lebre. E estou certa de que, precisamente por ser tartaruga e vivir con paciencia, riu sobre todo dunha aposta tan desigual e estúpida: sabía do seu triunfo de antemán. Sabía da estupidez do éxito baseado en ser máis rápido, te-lo corpo máis fermoso, a casa máis confortable, en acada-lo pracer, o poder e a gloria, todos eses obxectivos que che impón a sociedade á que pertences. E, sobre todo, sabía do necio, do efémero e do doloroso -¿compensa o prezo que se paga en soidade e mesmo en fracaso?- de arrear primeiro e botarse despois a durmir. A miña tartaruguiña sabía que o éxito non ten nada que ver con iso senón con sabe-lo que es, coñece-los teus límites e descubri-lo queres ser.

Nese sentido interpreto eu o refrán "quen ri último ri mellor". Tamén podería entendelo como a actitude do voitre que agarda o momento oportuno para sacia-la súa fame e, incluso, dende quen argalla a vinganza durante anos enteiros. Pero eu quero interpreta-lo dende o punto de vista daqueles que teñen por obxectivo aprender a ser pacientes, a esperar, a acada-la meta sen lle facer mal a ninguén, con intelixencia, coa actitude de quen pode dubidar incluso de si mesmo e decide parar e pensar, espreita-lo territorio e as circunstancias coa calma do pescador. Nesta filosofía de vida non compensa o remordemento de esmagar ós do lado para medrar, como unha planta que precisa acada-la luz para seguir vivindo. Non somos quen de arrear primeiro sen sufrirmos despois.

Os dous refráns falan de distintas formas de acada-lo éxito e o éxito máis importante é descubri-lo que queremos que sexa a nosa vida e vivila. Se algún día o conseguimos, poderemos morrer de risa, como a tartaruga da fábula. E os demais, se queren, que se dean co mazo na cabeza. E, por certo, non serán os primeiros. Nin os últimos.

Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

COMPAÑEIROS DO VENTO, PIONEIROS DA RISA
"Quen da primeiro, da dúas veces". "Quen ri o último, ri mellor". Son dous siloxismos antagónicos. Por iso, escoller un deles no canto do outro presupón tomar partido por toda unha filosofía da vida, por un xeito de entender o mundo e as relacións humanas. Penso que o segundo tería máis aceptación popular nunha sociedade subsidiada e pasiva como a nosa. Por iso me atrevo a defender o primeiro. Por amolar.

Podería pensarse que as cousas son como rematan ou a todo porco lle chega o seu San Martiño. Permítame que pense que se trata dunha visión pusilánime, cómoda e medrosa. Algo así como crer no destino, tanto da que sexa baixo veo relixioso, esotérico, científico ou pagán. Se por algo nos distinguimos os humanos do resto dos bichos é pola nosa capacidade para definir, programar e construír a nosa vida e o noso futuro. Por iso é moi importante ter capacidade de iniciativa. Non digo que haxa que ser agresivos, non é preciso. Abonda con ser conscientes das nosas capacidades e ter decisión para levalas a bo fin.

É mellor dar primeiro porque xogamos co efecto sorpresa, porque podemos converternos en pioneiros, porque chamamos a atención dos demais e porque resulta máis rendible. O efecto sorpresa se ve moi ben no ámbito deportivo, e podería resumirse con outra premisa: "a mellor defensa é un bo ataque". Ser os primeiros en deseñar un novo producto (Chupa-Chups), un novo xeito de xestión empresarial (Inditex), un cinema distinto e singular (Buñuel), unha arte transformadora (Picasso), unha música distinta (The Beatles), contar historias doutra maneira (Valle Inclán)..., nos pode converter en pioneiros da historia. E, normalmente, cando isto acontece, devén un efecto de chamada de atención que nos da a coñecer. E, seguindo unha cadea lóxica, acertar con algo novidoso ven acompañado dunha compensación económica importante, sempre que saibamos xestionar o éxito da sorpresa.

Quen agarde compracente polo destino corre o risco de coñecer a risa demasiado tarde, ou mesmo cando lle chega o seu fin. Morrer de risa, que negocio. Prefiro o primeiro refrán, porque na maior parte dos casos anula ó segundo. Acertando os primeiros temos máis posibilidades de ser tamén os últimos en rir. ¡Je, je, je!.

Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000