A debate:
OS PREMIOS LITERARIOS
Son unha das principais polémicas da cultura, por desgracia. ¿Son xustos nos seus fins os premios literarios?¿Serven para algo? Anxos e Roberto pensan sobre esta cuestión.

Defensa do escritor premiado

Mil horas sentada diante da mesa de traballo, enfrascada en contar dende si mesma as paixóns humanas, facendo, en fin, literatura. O de narrar venlle da infancia, de escoitar a carón da lareira os contos dos vellos, satisfeitos con que os seus relatos tivesen auditorio suficiente e o suficientemente abraiado para alentárlle-la imaxinación. A ela, sen embargo, non lle abonda con que os seus amigos a escoiten, precisa que a súa creación trascenda os límites da amizade e da oralidade. Pero, por desgracia, neste país os editores non están para asumir risco, sobre todo cando aínda es alguén descoñecido. Por iso, menos mal que se inventaron os premios literarios.

Non falo eu aquí deses premios que Delibes chamaba "premios de adorno", dos que afagan a un e pouco máis. Falo dos premios máis esenciais, deses que serven para darche un pequeno empurrón, como á bicicleta dun meniño, e a partir de aí a rodar só. Estes premios que che permiten ser coñecido, que che dan uns cartiños en compensación polo teu traballo, que fan que as editoriais reparen en ti e poidas publicar, parécenme absolutamente necesarios, sobre todo nun ámbito cultural coma o noso onde case é preciso premia-lo máis básico: ser galego e falar en galego. Eu, se puidese elixir, son máis partidaria de que en vez de que che premien un traballo feito che dean facilidades para poder facelo -axudas á creación, bolsas...-, porque así serían máis os creadores que recibirían ese pulo inicial e serían máis os lectores que poderían acceder á súa obra.

Porque os lectores son ó cabo, e por riba de calquera recoñecemento, o que importa. Se te len triunfas, senón ningún premio tería sentido.


Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

Homo premium

Confeso que nunca sentín especial simpatía polos premios. Non vou dicir que é mellor que non existan, porque comprendo que teñen unha función social: incentivo, promoción, gratitude... Podería facer unha taxonomía clásica dos premios. Artísticos, literarios, científicos, deportivos, laborais... Mensuais, anuais, por traballos puntuais, para premiar toda unha carreira... Competitivos, mencións honoríficas... Etc. Pero voume permitir escoller un criterio de clasificación máis extravagante, que axudará a transmitir a miña opinión sobre o tema.

Existen premios que son eminentemente "comerciais", onde mediante ostentosas galas se promocionan determinados productos, e mesmo un xeito de entender o mundo. Os grandes premios cinematográficos e musicais serían un bo exemplo disto: Oscar, César, Goya, Grammy... Mesmo se retroalimentan entre eles, cando din que uns son a antesala dos outros. Están tamén os "amañados", como moitos de carácter literario, onde sabemos quen vai ser o premiado antes da deliberación do xurado, como ocorreu varias veces co premio Planeta, por exemplo. Outros son claramente "inxustos", como as medallas Castelao, que adoitan concederse a persoas que pouco teñen que ver co compromiso e coa ética moral, política e social do intelectual rianxeiro. Outros funcionan como "pagamento por servicios prestados", como cando algún medio de comunicación premia a determinada empresa que, curiosamente, inunda de publicidade as súas páxinas ou as súas ondas. Tamén hai premios "de carácter popular", onde vota a maioría, polo que se supón que son os premios máis xustos, menos sospeitosos de amaño e máis vencellados co sentir social. Serían os do tipo TP de televisión, Gran Hermano, Operación Triunfo... Claro que comezamos a ter dúbidas da súa pertinencia cando observamos que adoitan premiarse programas nefastos, personaxes estúpidos e cancións ou estilos artísticos grotescos.

Teño a impresión de que moitos premios son vistos antes como espectáculo que como gratitude a unha obra ben feita. Deixaron de ser unha consecuencia e se converteron nun fin en si mesmos. Con esta dinámica e coa crecente saturación de premios, a nosa especie semella derivar cara a unha nova xeira, singularizada no "homo premium". Claro que antes eramos "sapiens".


Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000