"DE
PATITAS EN LA NADA"
Nun
intento de ser máis convincente á hora de defende-la
miña desorde e de darlle algo así como unha categoría
matemática e filosófica, saín da casa na procura
de información sobre a Teoría do Caos. Volvín
cun feixe de fotocopias, documentos de internet e algún libro
sobre sistemas dinámicos, dimensións fractais e, xa
posta, tamén arrapañei cousas sobre a formación
do universo, o tempo, a morte... E, ¡claro!, acabou todo sobre
a miña mesa de traballo, amoreado sobre libros a medio ler,
diccionarios e figuriñas dos ovos Kinder. Como son unha chica
de letras e a tal teoría non di nada sobre traxectorias vitais
individuais, decidín abandona-lo intento. Ademais, comezaba
a desordenárseme o cerebro.
Eu
pregúntome por que, se todo tende ó caos na natureza,
hai xente empeñada en manter unha escrupulosa orde no seu
contorno e, paréceme a min, que ten algo que ver coa anguria
que nos produce saber que todo o que facemos tende a desfacerse,
que construímos unha realidade á medida que pode derrubarse
só con prender un pitillo no momento menos oportuno. É
unha loita contra o inevitable. Os que aceptamos convivir coa nosa
desorde sabemos da inutilidade de bota-las horas ordenando libros
nos andeis, porque, inexplicablemente volven desordenarse -¿alguén
viu que acontecese ó revés, que os libros se ordenasen
de seu? Sen embargo, sabemos onde está cada cousa en cada
momento. Igual que o recendo dun perfume nos pode traer á
memoria unha lembranza perdida no fondo do cerebro, cando necesitamos
algo en concreto atopámolo de contado. Case sempre. É
máis: non precisamos da orde arredor nosa para mantérmo-la
cabeza no seu sitio.
A harmonía
do meu mundo está na miña mesa inzada de papeis. É
como se fóra dela, da súa desorde perfectamente controlada,
estivese un pouco de "patitas en la nada", como di o meu
amigo Pedro.
Anxos
Sumai
|
|
MUDA
LIMPA E COUSAS ORDENADAS
Habería
que definir primeiro que entendemos por "xente ordenada".
Porque podemos falar de ordenamento mental. Entón dicimos
que unha persoa ten a cabeza "ben amoblada" cando ten
os conceptos e as ideas moi claras, e falamos de dispersión
cando ocorre o contrario. Tamén podemos falar de ordenamento
no xeito de traballar. Hai persoas que son quen de traballar con
varias cousas a un tempo sen perder o control de ningunha e, nembargantes,
hai outras que só se senten seguras cando se centran nunha
única ocupación ou actividade (creo que Umberto
Eco os definía como sincrónicos e diacrónicos).
E tamén podemos falar do ordenamento das cousas. Vou centrarme
nesta perspectiva e deixar as outras para psicólogos e
psiquiatras.
Ser
ordenado ou desordenado coas cousas pode depender de condicionantes
biolóxicos e/ou educativos. ¿Cal é o mellor
dos dous comportamentos? Non estou certo. Eu coñezo a xente
encantadora que é escrupulosamente ordenada. Pero tamén
teño moitos amigos/as patoloxicamente desordenados que
non deixan de ser estupendos. Ser ordenado ou desordenado non
é, per se, nin malo nin bo. O problema está na hiperactuación,
na esaxeración das actitudes extremas, levando uns o tema
da orde ata unha disciplina case militar coas cousas e outros
que son incapaces de someterse á máis mínima
regra de ordenación. Penso que ámbolos dous casos
son síntomas dalgún tipo de desequilibrio.
Eu
entendo por xente ordenada, aquela que adoita organizar as súas
cousas cun determinado criterio, non só para poder atopalas
con facilidade, senón tamén porque lle resulta agradable
e lle da confianza o feito de que estén organizadas. Por
iso penso que existe un factor de carácter estético
que interactúa co funcional. Ordenar as cousas a cotío
é como mudar de roupa a diario. Necesario sanitariamente
e aconsellable para a estética.
Para
evitar caer nos excesos dos que falei, hai que saber manter acoutadas
en límites razoables tanto as inquedanzas estéticas
como as necesidades funcionais. Decátome que estou defendendo
unha postura centrada e politicamente correcta. Semella que, como
os políticos, vou na procura do centro. Ou como as moscas,
que sempre voan arredor do centro das habitacións. ¿Non
se fixou nunca nelas? Probe a ordenar as súas cousas e
verá como pode apreciar con máis claridade algunhas
cousas que antes non vía.
Roberto
Ribao
|