ESFORZO
PERSOAL, TRIUNFO COLECTIVO
É
luns pola noite. A mesa está posta e a sopa a punto de ser
servida. Na tele, acesa porque dá así como unha garimosa
sensación de "calor familiar", un fato de raparigos
cantan e bailan aprendendo a subir a un escenario, gañando
a fama con suor e bágoas. Eles, tan próximos que podían
ser veciños, amigos ou incluso parentes nosos, abrázanse,
alédanse, rin pero, sobre todo, choran: vese que é
certo que iso da fama custa. Teñen esa ilusión que
todos temos en algún momento de acada-la triunfo, de sermos
alguén. Pero o triunfo non sempre leva aparellada a fama
e, de feito, hai centos de millóns de triunfos persoais e
anónimos, case coma este noso de hoxe, de podermos tomar
unha sopa quentiña nunha noite de nortada.
Velaí
están, rozando a gloria e, polo de agora, tirándolle
proveito á fama. A todos nos viría ben -¿ou
non?- sabe-lo que é iso, alomenos durante uns instantes.
Á parte de que nos vexamos identificados, en certo modo,
cos concursantes de Operación Triunfo, a min o que máis
me gusta do programa é ver que o ensino serve para algo,
sobre todo cando quen quere aprender está motivado. Estes
aprendices de estrelas saben que o seu traballo será recompensado,
cousa que non acontece as máis das veces. Poida que o que
resulte molesto é que o seu esforzo sexa retransmitido pola
tele pero, incluso iso me parece bo para o espectador, porque quizais
aniñe nel unha pequena esperanza de que o éxito lle
pode acontecer a calquera. Estamos a ve-lo triunfo do talento e,
de paso, dándolles unha boa lección ás productoras.
Poida
que os cambios producidos na vida dunha moza gordecha coa autoestima
pegada ós flocos da fregona, dun cantante de orquestra que
ben sabe ó que é vivir de campo, ou dun albanel que
parece un chaval do meu barrio, fosen demasiado vertixinosos e precisen
psicólogos para asumiren o éxito e -¡ogallá
que non!- posibles fracasos futuros. ¿Pero quen non precisa
que miren un pouquiño por el para asumir tanto triunfo e
tanto fracaso persoal, diario e anónimo?
Anxos
Sumai
|
|
OPERACIÓN
VOYEUR
Si, xa sei que Operación Triunfo pode verse como un fenómeno positivo.
Rapaces novos, con cualidades artísticas, que aprenden e perfeccionan
as súas artes na procura do éxito. Vale, todo estupendo. Nada
que obxectar. Aínda que penso que tanto a formidable repercusión
social como as indulxentes opinións mediáticas están favorecidas
precisamente pola comparación co seu parente anterior, Grande
Irmán, o programa inútil e baleiro por excelencia.
Pero o que me interesa de todo isto está na outra beira
deste fenómeno, nos espectadores, e na enorme resonancia
que está a ter esta moda televisiva de agochar a claustrofobia
coas intimidades, a programación coas emocións e
os síntomas dunha sociedade doente cunha especie de neodarwinismo
á carta. E semella que pode máis a fame escópica
e voyeurística da xente que a conciencia real do que todo
isto significa. Hai uns días, Operación Triunfo
acreditou unha audiencia superior ós trece millóns
de espectadores (no canto de "audiencia" debería
dicirse "audiovidencia"). Eu non é que teña
nada contra as maiorías, pero asegúrolle que case
nunca as entendo. ¿A xente se interesa polo esforzo, pola
arte, pola música? Creo que non. Máis ben se interesan
pola intimidade, polas emocións inducidas, pola sensiblería
e pola competitividade, a dos demais, dende a folganza do sofá.
Se, no canto de Rosa, Chenoa ou Bustamante (observe que informado
estou), estiveran Anxo, Ambrosia ou Ludwig, a resposta da xente
sería semellante. As cualidades artísticas son o
de menos. O que denota isto é unha enorme pasividade intelectual
e social. Como tamén pasou co Grande Irmán ou como
está a acontecer cun novo programa que consiste en que
o espectador se deleite vendo como lles queda a cara ós
participantes cando intúen que o seu compañeiro/a
lle pode estar sendo infiel. Se está facendo necesaria
a lectura do libro do xornalista italiano Pino Aprile, Eloxio
do imbécil. O imparable ascenso da estupidez, onde afirma
que os intelixentes construíron o mundo e os que gozan
del son os imbéciles.
Dado
o xeito que está collendo todo isto, non sería de
estrañar que aparezan academias de especuladores inmobiliarios,
traficantes de armas, especuladores bolsistas ou calquera outro
tipo de artistas do "pelotazo". E seguro que tamén
terían unha inmensa repercusión. Teño a impresión
de estar dando ideas. Créame que o sinto.
Pola
súa importancia cuantitativa, a estulticia e a pasividade intelectual
deberían ser patoloxías cubertas pola Seguridade Social. Pero
non sei se esta tería fondos abondo para cubrir gastos.
Roberto
Ribao
|