Manuel Forcadela
 

Home de letras dos pés á cabeza, Manuel Forcadela non rexeita apocalípticamente a participación da literatura na era da tecnoloxía e de feito consegue situarse en lugar destacado no noso entorno coa súa páxina web persoal, O Ximnasio de Academo, un lugar para adestrar os gustos literarios cun exercicio intelectual saudable e cheo de posibilidades. Nesa páxina Manuel ten envorcados multitude de textos en galego de tódolos estilos e xéneros posibles. Algúns dese textos son seus, e non é de estrañar xa que ten unha gran cantidade de obra publicada desde o ano 1982 con "Fenda acústica no río", o poemario co que gañou o premio Celso Emilio Ferreiro, ata este mesmo ano co libro de poemas "Lámpada e medusa", co cal ven de ser o máis recente gañador do Premio Esquío de Poesía. No medio moitos libros de poesía, ensaio e narrativa cos que gañou varios galardóns, ademais de numerosos artigos de crítica literaria publicados en revistas especializadas como os Monográficos de A Nosa Terra, A Trabe de Ouro, entre outras.

O vencellamento de Forcadela co mundo das letras non só é unha cuestión persoal, senón tamén profesional pola súa actividade como profesor na Universidade de Vigo, onde é Catedrático de Lingua Galega e Literatura. Alí está agora a traballar, xunto cos seus alumnos da Facultade de Filoloxía nun proxecto sobre a narrativa de Álvaro Cunqueiro, que sen dúbida aportará máis coñecemento da obra do imaxinativo escritor mindoniense.

No que atinxe a Internet Forcadela recoñece que este medio é, para el, "desde hai xa moitos anos, unha ferramenta de traballo insubstituíble". O escritor e profesor asegura obter por este medio moita información, artigos ou ferramentas informáticas que usa, entre outras cousas, para preparar as súas clases. Manuel tamén é un gran afeccionado á musica e ten claro que unha das vantaxes deste medio á que lle quita moito partido é a posibilidade de baixar música desde a rede, "como teño tarifa plana -di Forcadela- o normal é que sempre estea algún ordenador (teño dous, un portátil e outro de sobremesa) conectado a facer algunha cousa, normalmente baixando música".

 

 
   
 

http://www.audiogalaxy.com/

  O que eu definiría como a discoteca mundial, o lugar desde o que baixar toda a música que che apeteza.

   
 
http://www.allmusic.com/
A mellor guía musical que coñezo, toda a información sobre calquera tipo de música. Imprescindible.

   
 
http://www.linguistlist.org/
  Para os que somos lingüístas ou filólogos, un bo portal de acceso sobre o que procurar informacións para a investigación e a docencia.
 
   
 
http://www.classical.net/
  Para os amantes da música clásica.
 
   
 
http://www.ipl.org/ref/litcrit/
  Crítica literaria e recompilación de artigos sobre
escritores e biografías.
 
 

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000