A debate:
O CINE ENTRE O MILLO
Na escuridade dos cines miles de persoas dan conta cada tarde de montes de millo, ó carón outras queixanse de que o ruído das enchentas impide gozar do cine mesmo. Dous conceptos de espectador para a mesma película..

COME E CALA

Cando era pequena, adolescente e creo que aínda cando estudiaba na Universidade, no cine podíase facer case de todo. Alguén me dixo, polo que lembraba, que só había unha cousa que estaba prohibida: guindar obxectos contra a pantalla. O que si sei, porque eu o fixen moitas veces, é que permitían fumar e comer pipas, incluso podías leva-lo bocadillo e a lata de cervexa. Como nos autobuses, porque antes tamén se podía facer de todo nos autobuses urbanos. Despois comezaron a poñer advertencias de: Prohibido comer pipas, Prohibido tirar envases ó chan, etc. Ata que prohibiron fumar e todo o demais. Agora creo que só che deixan comer palomitas, chocolatinas e beber refrescos sen alcohol.

No cine estamos como quen está sentado no sofá da casa vendo unha película. Aínda que haxa ducias de persoas, unha vez que sentas na butaca e apagan a luz é como se estiveses só; como moito, débeselle un mínimo de compañía a quen te acompañou. Cando comeza a película un pracer estrañamente egoísta percorre toda a sala: a butaca convértese no teu espacio privado. Non te cortas de rir a gargalladas, de chorar como unha madalena nin de gritar. ¿Por que non vas comer palomitas se che apetece? É curioso, hai moitísima xente á que lle importa un pemento escoita-lo teu pranto (pranto alleo, a fin de contas, e que en teoría debería ser máis incómodo que os ruidiños propios de mastigar algunha cousa) ou as túas gargalladas e, sen embargo, escoitan como mastigas unha chocolatina e póñente verde.

Eu, cando estou no salón da miña casa con outras persoas vendo unha película, son desas pesadas que non paran de facer comentarios e, incluso, teño a mala idea de aventura-lo final. Porque me divirte moito adiantarte ós diálogos, poñerme no lugar do guionista e facer eu a película. E debe haber miles de listiños coma min. Por iso creo que habería que agradecer que se nos permita comer palomitas, porque mentres comemos non falamos.


Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

 

NO CINE COMO NA VIDA

Xa sei que o sector favorable (SF) a que se poidan comer palomitas no cine argumenta nomeadamente a razón da liberdade de facer e actuar. Liberdade, sacrosanta palabra na súa orixe, pero quizais a máis prostituída do diccionario, hoxe. De seguirmos esta máxima, cada quen podería facer calquera cousa en calquera lugar e independentemente das circunstancias que acontezan. Seguro que a maioría dos membros do SF coincidirán en que non están ben certos comportamentos como, por exemplo, berrar nun hospital, mexar nun autobús, esputar nas beirarrúas, falar nun concerto de ópera, etc. Son accións que amolan ós demais compañeiros sociais, o mesmo que ocorre coa molestia sonora creada coa manipulación e co mascado das palomitas.

Eu gusto da liberdade individual, e moito. E canta máis teñamos, mellor. Pero esa liberdade individual ten uns límites cando afecta á liberdade social. Segundo a miña opinión, o cinema é unha cousa abondo importante como para que se respecten unhas condicións mínimas. O problema non só reside no respecto polos outros que comparten esa situación, senón tamén no valor que se lle da ó propio medio cinematográfico. Por iso case tódolos que valoramos o cinema non gustamos de que se coman palomitas nas salas.

Os membros do SF tamén cren que se deben permitir outras cousas no cine. A lista pode ser interminable: beber, fumar, comer pipas, galletas ou bocatas, escoitar música cuns cascos... O problema está no ruído que se xera nestas accións, que resultan incómodas e desvían a atención dos compañeiros de butaca. Xa que logo, non é positivo calquera comportamento ou acción que distraia ó resto dos usuarios, nun medio que precisamente require dun alto grao de concentración. Case todo o mundo recoñece que é mellor ver unha película no cinema que na casa. Permitindo estas accións homologamos o cine cos aspectos negativos do visionado no fogar. ¿De que serven, pois, tódolos esforzos das empresas por mellorar o confort dos asentos, a calidade do son e da imaxe, as condicións ambientais..., se permitimos accións que fan devecer a súa eficacia?

Me temo que na orixe de todo isto actúa unha falla de respecto polo propio cinema. ¿Por qué, se non, por que non está permitido socialmente comer palomitas na ópera, no teatro ou nun enterro, por poñer algúns exemplos?


Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000