|
Esta
chairega de Castro de Rei tivo que exiliarse a Porto,
durante a dictadura franquista, polo seu activismo clandestino
na Unión do Pobo Galego. De volta en Galicia
en 1977 fíxose cargo do proxecto do semanario
nacionalista A Nosa Terra, que dirixiu durante tres
anos. Xornalista doutorada pola Universidade Autónoma
de Barcelona, onde exerceu a docencia, creou diferentes
proxectos de revistas: Escrita, Festa da palabra silenciada,
A trabe de ouro. A ela débeselle en gran parte
a apertura da Facultade de Ciencias da Información
de Santiago, da que foi decana durante os primeiros
anos de arranque do centro. Pero aínda que a
súa faceta como xornalista e investigadora da
comunicación e a información sexa polo
que é máis coñecida, a súa
actividade literaria deu tamén numerosas obras
de poesía e narración. Como poeta, publicou
dous importantes libros nos primeiros anos da década
dos setenta: "Parolar cun eu, cun intre, con inseuto"
(1970) e "O corvo érguese cedo" (1973),
ós que lle seguiu "Linguas mortas. Serial
radiofónico" (1989), con fotografías
de Ana Turbau.
Ten
unha constante actividade investigadora na que saca
adiante moitos estudios dos que ten publicados algúns:
"Prensa e galeguismo" (1982); "Foto-Xoc
e xornalismo en crise" (1988); "O diario post-televisivo"
(1992); "Documentalismo fotográfico contemporáneo"
(1995). Dentro desta liña de investigación
ven de rematar a redacción do "Informe do
Audiovisual Galego:1999-2000" e a publicación,
en coautoría cos bretóns, Guyot e Michon,
do libro "Production télévisée
et identité culturelle", PUR, Rennes, 2000.
Os seus amplos coñecementos do documentalismo
audiovisual fan dela un referente indispensable nesta
materia e de acordo con esto arestora dedicase ó
estudio do pensamento documental no século XX,
ó mesmo tempo que esta encetando a fase de desenvolvemento
dun documental sobre o secuestro do "Santa María"
no 1961.
Margarita Ledo Andión confesa que non é
moi amiga da navegación en Internet ou das buscas
ó chou xa que recoñece a súa falta
de paciencia nas esperas, e define o seu uso da rede
nun sentido puramente funcional de busca de información
de axendas, festivais ou bibliografía.
|
|