O
CDG celebra a súa maioría de idade cun pulso máis
internacional que nunca. Con dous desembarcos. Un a Madrid (con
Os vellos non deben de namorarse)
A iniciativa de colaborar co Centro Dramático Nacional e
participar nun proxecto común, comeza a fraguarse a partires
do de Valle Inclán do 98. A partir daquel momento viñemos
a traballar na facer un proxecto co que devolverlle a visita á
dramaturxia galego-castelán coa mesma enxeñería
ou a mesma arquitectura coa que se compuxo aquela a de Valle Inclán.
Como naquela ocasión o Centro Dramático Galego asumía
a un autor como Valle en lingua castelán, dalgunha maneira
parecía necesario que o CDN cando tivera ocasión de
poder asumilo nos devolvese a visita a través dun autor importante,
como é Castelao. E este ano pode. Así, dalgún
xeito, se lle dará resposta a todas as voces que no seu tempo
falaron de deixamento de funcións do Centro Dramático
Galego á hora de cambiar de lingua e que reclamaban que o
CDN asumise tamén a algún autor galego que homologase
o sistema castelán a autores nosos de mérito e de
talento. Foi a raíz daquel momento cando nos puxemos a iniciar
un diálogo que se concreta este ano. O que xa non contabamos
era que se decidise a colaborar un centro cultural de ámbito
municipal, como é o Centro Cultural da Villa de Madrid. Unha
institución importante en Madrid que considerou interesante
participar como co-productor dentro deste proxecto. Un feito que
é excepcional porque non é habitual que "a Villa
de Madrid" interveña nas produccións, dado que
é basicamente un espacio de acollida en materia teatral.
Esto da vertixe.
Vostede
fala de que é unha concreción dun diálogo,
pero ¿é un diálogo concreto? ou ¿é
unha via de futuro?
Está
sendo un contacto permanente. Por exemplo, recentemente o director
do CDN, Juan Carlos Pérez de la Fuente, veu a Galicia a facer
unha audición a actores e a actrices galegas para buscar
intérpretes que participen nunha producción importante
na que está a traballar como é Historia de una escalera
de Buero Vallejo. Pero non é a única vía de
traballo senón que tamén estamos traballando para
que a principios do 2003, o CDG participe nunha especie de homenaxe
a un autor galego como é Lauro Olmo.
Quérese
dicir que, cando se establecen os mecanismos de diálogo e
hai complicidades artísticas e hai relacións ábrense
portas, que é para min o máis importante. Unha vez
que te invitaron, ou que decidiches co teu xesto, co teu traballo
e co teu recoñecemento traspasar ese umbral... logo os diálogos
son moito máis doados. E como aquí ninguén
che regala nada isto é posible porque se vai conseguindo
o rigor, a enerxía e a madurez que vai adquirindo no teatro
profesional galego, nomeadamente visualizado no CDG. É evidente
que por moita vontade que se poña para establecer diálogos
de estratexias de política teatral, se non houbese equiparamento
isto non sería posible. Como diríamos aquí
"amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale".
E todo isto vai parello ó recoñecendo por parte doutras
profesións e doutros sistemas teatrais, a cualidade e o talento
desta profesión.
"DÁME
MÁGOA QUE TEÑA QUE SER EN MADRID E EN CASTELÁN,
ONDE SE POÑA EN ESCENA OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE TAL
E COMO CASTELAO A EMPEZOU A SOÑAR"
Outro
cara o norte de Portugal, cunha experiencia que se repite, os "Camiños
teatrais". Esta vez, houbo menos portas que abrir...
A porta
cara a Portugal pode visualizarse máis desde os "Camiños
teatrais" pero, digamos que o diálogo co Norte de Portugal,
comezouse a concretar a partires do 1996. E o que ten o mérito
de insistir nesa metáfora do umbral co Norte de Portugal,
foi o teatro do Centro Dramático de Viana do Castelo que
tivo a lucidez de anticipar ese horizonte de diálogo e de
pensar que efectivamente hai un camiño determinado polo marco
europeo actual. E na Europa das rexións, na que a nós
nos corresponde a rexión do Eixo Atlántico, esta compañía
percibiu que hai un camiño de diálogo moi importante
que se establece entre dous espacios (Galicia e o Norte de Portugal)
que están destinados a ser unha mesma xeografía.
¿Que
papel cumpre a similitude cultural entre ambas as dúas vertentes?
Abóndase
moito neste tópico e é un lugar común, pero
logo hai que vencer moitas resistencias. Estamos lonxe diso que
se di que pertencemos a dúas ponlas do mesmo tronco. Iso
é bonito, pero é retórico. A realidade é
que hai que vencer moitas resistencias e moitas distancias. Neste
camiño e na consecución destes proxectos levamos traballando
desde o ano 1996 para que isto vaia comparecendo e se vaia reflectindo
pouco a pouco.Non é fácil. Primeiro houbo que trazar
as estratexias e a partires de aí houbo que elaborar a táctica.
De feito, foi a partires do 98 cando se comezou a colaborar dunha
maneira activa no proxecto artístico.
No marco de numerosas iniciativas teatrais de ambas as dúas
beiras dos Miño xurdiu a idea dos "Camiños teatrais",
un encontro de invitación expresa, para producir un espectáculo
entre varias institucións. Unha iniciativa que continúa
hoxe cun proxecto de encarga co que se lle pediu a un dramaturgo
importante, teórico do teatro, Jean Pierre Sarrazac, un texto
que traslade o imaxinario común galego-portugués.
Sarrazac é un director da Escola de Altos Estudios Teatrais
da Sorbona de París e que está traballando nun texto,
coa documentación e coa asesoría da filla de Joao
Afonso, o Zeca. Unha figura que, ademais, ten unha estreita relación
con Galicia. Por último, para completar este panorama, temos
que o director titular da Compañía Residente do Teatro
de Braga, Rui Madeira, está dirixindo no CDG o que será
a próxima producción que son os Espectros de Ibsen.
Como
se ve, entón, non é circunstancial, nin o de Portugal,
nin o de Madrid. No primeiro dos casos se cadra por razóns
de proximidade, hai unha definición estratéxica moito
máis sólida, de moitos máis vínculos.
E da man dunha destas alianzas, concretamente co CDN, o CDG botará
a andar un proxecto importante como é o de Castelao
Como
galego, que non como director, dáme certa mágoa dicir
que será a primeira vez na historia do texto de Castelao
no que a posta en escena se aproxime a como Castelao a empezou a
soñar. E isto dito sen ter aínda a certeza de saber
como resultará no plano artístico. E terá que
ser en Madrid, e por tanto en castelán. Penso que Os vellos
non deben de namorarse é un ballet, e creo que Castelao sempre
a concibiu así porque foi escrita logo que vise os ballets
rusos. Agora ben, acontece que Os Vellos, que leva motísimas
representacións, sempre foi montada como farsa cando realmente
é unha traxicomedia, xa que a tradición que non temos
obriga a que calquera defensa escénica desa peza veña
determinada por actores novos que teñen que facer de vellos
e, polo tanto, a partires de aí parodian. E están
facendo farsa e este non é o sentido da obra. Cando ti teñas
no mercado actoral a posibilidade de contar con actores que xa son
maiores, que non teñan que darlle un grado de verosimilitude
á súa presencia porque andan polos 70 anos, poderán
asumir a defensa desta obra. Do mesmo xeito, cando ti imaxinas ese
gran ballet, e ademais queres estilizalo como Castelao o soñou,
empregando o folclore galego e non tes unha tradición coreográfica
non podes levalo a cabo. Sen embargo aquí, no sistema teatral
español, si podes contar con isto: cun mercado actoral no
que se recoñezan actores maiores magníficos para poder
defender as túas personaxes de Os Vellos e tes un elenco
coreográfico suficiente como para soñar unha posta
en escena como un gran ballet. A priori, tes xa nas mans a suficiente
potencialidade para dicir que é noutro sistema, e non no
galego, no que podemos pensar que nos aproximamos con máis
claridade a cómo Castelao soñou Os vellos.
"SE
OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN FOSEN TAN COHERENTES NO USO DO
GALEGO COMO É O TEATRO, ESTE PAÍS SERÍA OUTRO"
O
CDG xorde para contribuír á normalización da
práctica escénica, facéndoo na nosa lingua.
18 anos despois ¿conseguiuse esa normalización?
Cando
se fala do CDG ou dunha unidade de producción teatral pública,
máis alá dos acertos e dos fracasos desa unidade está
o recoñecemento desa institución, neste caso a Xunta,
de que o teatro pasa a converterse nun elemento importante, e estratéxico
no ámbito da cultura autonómica. Cando fago un repaso
sobre a composición e a atención que o resto das autonomías
do Estado Español lle dedican ó seu teatro, observo
que, en todo o conxunto das autonomías do Estado, só
existen catro centros dramáticos (o Centro Dramático
Nacional, o Centro Dramático de Andalucía, o Centro
Dramático de Cataluña e o CDG).
O CDG
foi saudado no momento da súa creación como unha circunstancia
que recoñecía o propio grao da nosa profesión.
Pero é excesivo que se lle arrogue a posibilidade de contribuír
a normalizar o noso idioma. No feito escénico (entendido
como unha relación entre a escena e o espectador) en moitos
casos a lingua é un elemento máis. Dicía un
mestre da escena que realmente o teatro se escoita polos ollos e
se ve polos oídos. Eu poño un exemplo que me aconteceu
nunha montaxe en Barcelona, dirixida por Bergman, do Centro Dramático
Sueco, O rei Lear de Shakespeare. A min aquelo emocionoume dunha
maneira tan extraordinaria que para min o idioma non foi o máis
importante á hora de sentirme partícipe desa función.
O que se trata nese sentido é de preguntar que se os outros
elementos que conforman a nosa cultura: o cine, a radio, a tv....
os medios de comunicación fosen tan coherentemente lingüísticos
no uso do galego como é o teatro, a pesares da excepción
Valle Inclán, este país desde o punto de vista lingüístico
sería outro. Pero, claro, a nós, ás xentes
do teatro esíxesenos outro plus máis que é
a coherencia do compromiso que eu lle esixiría a outros sectores.
Pero
na normalización inflúen máis factores
Hoxe,
na cuestión da normalización teatral hai máis
elementos que a determinan. Por un lado está o seu propio
proxecto inédito de carácter formativo, como é
o dunha escola onde a xente se poida formar na práctica teatral
no seu propio pais e no seu propio idioma. Nós, no noso país
non temos unha propia escola pública que é moi necesaria.
E despois, evidentemente, o feito teatral en galego e en Galicia
non é aínda un feito cotiá. E falo en xeral
nas cuestións que afectan ó lexítimo dereito
dun cidadán que aspira a ter unha oferta teatral semellante
á cinematográfica e que decide investir libremente
parte do seu tempo de lecer, calquera día do ano, nunha función
de teatro. E isto non está regularizado nin en galego nin
en Galicia.
E a súa solución avoga por...
Estou
convencido de que a fórmula para conseguir unha situación
máis normalizada en Galicia sería constituír
nas sete cidades de Galicia as súas correspondentes compañías
residentes. E sigo pensando que é unha idea magnífica.
Ó mellor, ademais desas sete compañías residentes,
o que quedaría son tres ou catro compañías
puntuais e habería que seguir contemplando, dunha maneira
moi particular a existencia das dúas salas con compañía
propia que están aquí en Santiago de Compostela: a
Sala Nasa e o Teatro Galán. E así se consegue normalizar
o teatro.
E
aquí xa falamos de axudas, de cartos en resumidas contas,
¿como se ha de financiar ese novo modelo que vostede propón?
En
primeiro lugar deberíase mirar a Europa, porque en toda Europa
o teatro é público aínda que ten dúas
posibles maneiras de ser xestionado: desde a xestión pública
(con teatros nacionais e con centros dramáticos) ou desde
a iniciativa privada. Entón se asumimos un modelo que permita
a concentración das compañías (en Galicia neste
momento existen 54 compañías privadas) entrariamos
nun modelo teatral máis estructurado. Sen baixar ó
pormenor do detalle de cómo se deberían distribuír
as axudas públicas, habería tres sistemas de contemplalas
desde a iniciativa pública. Por un lado os convenios a longo
prazo, que son as cuestións relativas ás compañías
residentes; en segundo lugar, o financiamento da autonomía
a esas compañías; e logo xorde a necesidade de cuestionarse
varios financiamentos máis para manter a estructura de cada
compañía. Por unha banda financiamento público
local (do concello), logo provincial (da deputación) o do
estado (do Ministerio) e logo a iniciativa privada (Caixas e entidades
financeiras).
¿Que
se pode facer neste panorama?
O que
hai que facer é unha profunda reflexión que sente
as bases que lle dea a necesidade de consideración social
do teatro. E iso ten fases que parten, por un lado, do recoñecemento
rigoroso (que ha de ser académico), de que este señor
que está falando ó teu lado non é un ninguni,
senón que é un licenciado, un diplomado dunha escola
que en calquera caso decidíu dirixir a súa competencia
nunha materia e que ten o mesmo rigor, a mesma prestancia e a mesma
influencia social que pode ter calquera licenciado.
|