E
DOUCHE O MEU CORAZÓN...
Hoxe
tocoume facer limpeza. Non é algo que poida facer tódolos
días, con todo procuro limpa-la miña casa alomenos
unha vez á semana. Non me gusta fregar, pero gústame
uli-la roupa cando sae da lavadora e limparlle o po ás cousas.
Detéñome en cada obxecto un pouquiño, porque
todos teñen a súa historia e o contacto con eles tráeme
anacos pasados da miña vida. Non sei vós, pero eu
conservo os regalos que me fixeron as persoas que amei e que me
amaron porque, ó velos, é como cando colles unha bóla
de cristal, dáslle a volta e a neve cae con plácida
nostalxia sobre a alma. Malia a lembranza ser dolorosa, cando o
tempo e o amor pasan, fican eses detalles aí para lembrarche
que foi certo: que amaches e que te amaron.
Gústame
que me fagan regalos, é evidente. ¿E a quen non? É
como se con iso intentasemos converte-lo amor nun obxecto, darlle
forma física para poder apalpalo e asegurarnos de que é
de verdade e, sobre todo, para ter algo que entregar. Porque, por
moito que o desexemos, non podemos arranca-lo corazón e poñerllo
na man á persoa que máis amamos. O que menos importa
é a forma ou o valor do obxecto en que transformémo-lo
noso amor. O que queremos é dalo e, sobre todo, que sexa
aceptado. E que conste que non ignoro que o amor demóstrase
amando.
Cando
vexo as caixas vermellas en forma de corazón en tódolos
escaparates, véxoas cheas de promesas, de sensualidade. De
declaracións de amor e de manifestacións de desexo
(eu vexo o desexo de cor vermella). Poida que só teñan
sentido durante un momento, pero daquela son máis importantes
que calquera cousa do mundo. Lémbranme os amorodos, apetitosos,
salferidos de auga despois dun chaparrón de primavera. Sei
que se converterán en nada en pouco tempo, pero a súa
presencia faime inmensamente feliz.
Anxos
Sumai
|
|
DETRÁS
DE TODO S.VALENTÍN HAI UNHA GRAN MULLER!
-
¿Carmiña?
- ¿Qué?
- Teño que dicirche unha cousa.
- Pepe, que son as catro da mañá.
- ¿Ti cres niso do San Valentín?
- ¡Era o que che me faltaba! Agora ponse romántico.
- Precisamente diso quería falar. ¿Ti cres que facer
agasallos polo San Valentín axuda a ser máis romántico?
- ¡Manda leria! Media vida de langrán e agora acórdanche
os detalles.
- ¿De onde lle veñen ó santo esas propiedades
nos asuntos amorosos?
- Seguro que porque non tiña mellor cousa que facer.
- Os santos debían ser uns ociosos...
- E seguro que durmían a perna solta. Anda, durme e deixa
durmir ós demais.
- ¿Carmiña?
- ¿Que coño pasa agora?
- ¿Porque dis que os santos debían ser moi ociosos?
- Pois porque non tiñan máis que facer que deixar
a súa pegada para a posteridade.
- Se tiñan moito tempo libre, tamén o tiñan
para pensar...
- E para durmir.
- E se tiñan moito tempo para pensar, se supón que
facían ben as cousas.
- ¿Que tomache hoxe na cea? ¿Absenta?
- San Valentín debeu de ser un grande agasalleiro...
- Só pola noite que me estás dando era mellor que
se esquecera dunha.
- Pois eu creo que se San Valentín facía agasallos
era porque son bos para o amor.
- Serán bos...
- Mañá mesmo vouche dar unha sorpresa que verás
como deixas de ser tan escéptica.
- ¿Deixaches á túa muller?
Roberto
Ribao
|