A debate:
LENDAS URBANAS
Coma bolas de neve monte abaixo as lendas urbanas crecen e modifícanse a medida que pasan de boca a orella. Imparables, estas verdades populares asimétricas coa realidade, aséntanse nos escuros rincóns da mente

DE BOCA EN BOCA

Unha noite coma esta, coa chuvia boureando nos cristais e o vento a asubiar entre as chemineas, era perfecta para sentarse arredor do lume, onda os adultos da aldea, escoitando contos, case sempre terroríficos, case sempre inventados aínda que quen os contaba insistise en que lle pasaran a unha veciña, a un parente ou a el mesmo. Aqueles contos que se repetían en moitos lugares, só que con personaxes e paisaxes distintos e lixeiras variacións na narración, forman parte agora da literatura popular de transmisión oral, recompílanse e estúdianse minuciosamente, escudriñando o que sentía, o que pensaba, como vivía a xente dunha determinada sociedade nun determinado momento; que consellos, que tabús, que ensinanzas, se querían transmitir a través deles. Estes foron os relatos cos que moitos medramos.

Pasamos da aldea á cidade, pero non perdémo-la capacidade de inventar historias totalmente cribles pero, o mesmo que as anteriores, poucas veces certas. Nas lendas urbanas aparecen situacións novas, como os accidentes de coche, o contaxio da sida ou de calquera outra enfermidade terrible, abduccións de alieníxenas, pgoserias viaxes a lugares remotos, dentes de rato nas hamburguesas, carne humana nos restaurantes chineses, famosos atopados en situacións comprometidas, e ¡como non!, contos sobre os talibán. Pero hai algunhas, como o caso das bandas de ladróns de órganos, que non están lonxe dos sacaúntos da miña infancia aldeá; ou os mortos que veñen avisarnos dalgunha desgracia, aínda que agora non se nos aparecen de noite nunha corredoira, senón nunha curva dunha autoestrada.

Se na miña pequena aldea o conto que nos contaba unha noite un grupo reducido de persoas, era transmitido á primeira ocasión por cada un dos oíntes a outro grupo de persoas, e así en progresión xeométrica, ¿que non pasará hoxe cando alguén estende un rumor a través de Internet? Lánzanse rumores recollidos por centos de persoas nos lugares máis remotos, e volven ecoar e así ata o infinito. Pero desta vez, de forma escrita. Xa non van só de boca en boca, senón de ordenador en ordenador.

Hai cousas que de non existiren habería que inventalas, e de non seren certas merecerían selo. Por iso nestes últimos meses milleiros de persoas creron na existencia do gato bonsai. Igual que cando eu era pequena había quen sabía de alguén que vira un lagarto con alas.


Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

¡NA, NA, NA, RUMORE, RUMORE...!

De sempre me abraiou a capacidade comunicativa da xente de a pé. Boa parte da miña familia viviu e traballou en Suíza. Lembro que, cando morría alguén na aldea, chamaban por teléfono dende Suíza para informarnos ós que estabamos aquí, a poucos quilómetros do lugar do suceso. Pero a eficacia se demostra tanto para as cousas que son certas como para aquelas que non o son. E, ás veces, funciona mellor cos díxome-díxome que coas verdades. Creo que foi Mark Twain quen escribiu que mentres unha verdade se calza os zapatos unha mentira xa deu a volta ó mundo. Me temo que profundar neste tema nos levaría a constatar algunha verdade nada edificante para a nosa integridade intelectual.

O rumor, o conto ou a lenda poden ter distintas funcións: facer unha brincadeira, meter medo, asentar crenzas relixiosas e pagás, coutar "desviacionismos perigosos", desprestixiar a alguén, mesmo entreter sen máis..., que non é pouco. Os rumores modernos, ou lendas urbanas, adáptanse ós novos tempos e ás novas formas de comunicación. Xa non son inseparables da halitose. Pero probablemente as súas funcións terapéuticas sigan sendo as mesmas. Antes gastábase unha coña na aldea e choteabanse os veciños; hoxe publícanche unhas fotos "comprometidas" en Internet, pero cachondéase media humanidade. Antes metíanche medo dicindo que masturbarse era sinónimo de parálise cerebral; hoxe, dicindo que os nacionalistas son terroristas. Antes, ós nenos dicíannos que nos portaramos ben se non queriamos que viñera o sacaúntos; hoxe, neste mundo idílico, xa non hai malos que visiten ós nenos e só queda xente boa (como os reis magos ou santa claus), así que ameázase con que non veñen. Antes, desprestixiar a alguén tiña o seu mérito, porque a cousa ía en cadea, paseniño; hoxe, os programas de televisión encárganse de facelo cunha eficacia infinita e con difícil capacidade de restauración moral.

Corren malos tempos para os rumores, alomenos entendidos no seu sentido clásico de grande aceptación social malia contar con ecosistemas de transmisión primitivos. Hoxe, os medios de comunicación de masas vulgarizaron e desprestixiaron este fenómeno. Os contos, lendas e rumores de hoxe en día son as múltiples mentiras que vemos, lemos e escoitamos a cotío: que os partidos de dereitas son de centro, que os partidos socialdemócratas son de esquerdas, que os USA son os defensores da liberdade, que as pensións non contributivas son obra de Fraga. Este último quizais sexa o rumor galego por excelencia, o novo sacaúntos.


Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000