POSOLOXÍA
DAS REBAIXAS
Aínda
co sabor a mazapán na boca, coa resaca de tanta festa e saíndo
do remuíño das compras de reis, chegan as rebaixas
de xaneiro como unha rede que nos ampara da caída en picado
de tanto consumismo do nadal. As rúas volven encherse de
xente, os comercios están arrasados, os manequíns
resisten heroicamente nos escaparates, medio desposuídos
da súa roupa, os ataques dos compradores máis agresivos.
Isto, curiosamente, estase a converter en algo cíclico, nun
rito anual, como se precisasemos enche-lo ano de algarabía,
de consumo continuado. Cando acaben as rebaixas de xaneiro virá
o mes do fogar, o san Valentín, o día do pai, o día
da nai... E está ben, porque segundo parece, gastar acalma
os nervios e, o que investimos nas rebaixas, aforrámolo en
psicólogos e en ansiolíticos.
Creo
que todos sabemos quen manda en nós e por iso xa nin nos
asombra que sexan os propios comerciantes os que decidan en que
momento debemos entrar nas tendas como hostes dispostas a dármo-la
vida por unha ganga, case hipnotizados polas ansias de posuír,
de transvasa-los artigos en venda ós nosos armarios. E vaia
se lle quitamos partido permitíndonos mercar todo aquilo
que en temporada seguramente excedía o noso presuposto, sen
padecérmo-lo molesto sentimento de culpabilidade e, incluso,
sentíndonos orgullosos por termos adquirido, a baixo prezo,
a mesma peza de roupa pola que outros pagaron moito máis:
aínda que actuemos como ovelliñas alporizadas diante
das portas dos grandes almacéns, despois seremos ovelliñas
satisfeitas, coa autoestima ben alta.
Sentada
no sofá observo as miñas propias adquisicións.
Eu que paseaba tranquilamente pola rúa, allea, en principio,
a esta ansiedade xeneralizada, reparei nunhas botas de cor rosa
e sentín, de súpeto, que sempre necesitara unhas botas
de cor rosa. Agora sinto que preciso unhas medias que lle acaian
ben ás botas, unha saia que lle acaia ben ás medias,
un xersei que quede ben coa saia...
Anxos
Sumai
|
|
¡COMPRA,
IMBÉCIL MEDIO!
Non
vou entrar na distinción entre ofertas, rebaixas e saldos,
que seica non son a mesma cousa (aínda que en Portugal
cando din saldos falan de rebaixas). Quizais exista unha confusión
xeneralizada entre esas modalidades de atraer ós clientes,
e esa sexa unha das armas coas que xoga unha boa parte do comercio
para ir sacando algún xénero con teimuda tradición
de ficar no establecemento.
As
rebaixas son, a un tempo, un dos mellores inventos do sistema
capitalista e unha perversa evidencia das súas miserias.
É unha gran solución para o comercio porque, á
parte de servir para aliviar o xénero sobrante da tempada,
xera uns volumes de facturación que falan por si mesmos.
Tamén son atractivas para os consumidores, porque ofrecen
a moita xente a oportunidade de acceder a algunha prenda que antes
lles resultaba inalcanzable. O seu éxito popular é
a clara constatación de que a maioría da xente non
anda folgada de recursos porque, se non, non combatería
cos veciños por atopar productos a prezos rebaixados.
Entrei
esoutro día nun comercio de roupa e, no canto de ver o
xénero que ofrecía, fiquei abraiado pola riola de
xente que agardaba con prendas na man para pagar na caixa. Case
todos eran adolescentes. Recoñezo que me sentín
rexuvenecer uns cantos anos, pero non tanto como para agardar
máis dunha hora para pagar. Claro que á mocidade
lle veñen moi ben esas prácticas. Adestran para
o día de mañá ser uns exemplares prototípicos
da clase media. O cualificativo de media, máis que apelar
a uns ingresos medios decentes, resulta ser un pragmático
eufemismo que mora entre a pobreza e a opulencia, para que esta
última xustifique a súa condición sen que
a sociedade se alporice.
Son
consciente de que hai quen pensa o contrario. Que se se gasta
moito nas rebaixas é porque a xente dispón de cartos
abondo. Propóñolle un xogo. Mire ben de que status
son os que así pensan, e logo falamos.
Roberto
Ribao
|