A
PALABRA É IMAXINACIÓN
Para
Esther e César
María
viu unha cidade nevada e escribiu sobre ela. Eu non lin o que escribiu
pero contoumo, e seguín cada imaxe que me describía
como se vise cae-las folerpas diante dos meus ollos. Non precisou
dunha foto para que eu vise todo o que me estaba a contar. Luís
compuxo unha canción e describiuma. Evidentemente sería
imposible reproduci-la mesma canción que el compuxo, pero
sentina, puiden senti-la emoción da creación. Unha
canción nunca se pode fotografar. Un olor non se pode reflectir
nunha imaxe, pero pode describirse ata chegarmos a ulilo. Hai exemplos
gloriosos de todo isto ó longo da historia da literatura.
Palabras, imaxes, música
Só se trata de distintas
formas de expresión e unha non ten por que excluí-la
outra.
Ben
sei que hai cousas indescritibles, inapreixables con palabras. Non
é doado conta-la fermosura da Alhambra ou unha coreografía
de Cesc Gelabert, pero tampouco sería posible facelo a través
da imaxe. Sen embargo a palabra ten o poder de desata-la imaxinación,
algo que, ó meu ver, non ocorre coa imaxe. A imaxe establece
límites, condiciona a nosa fantasía, imponnos unha
realidade concreta, un rostro, unha paisaxe: aínda sentindo
cousas distintas todos imos ve-lo mesmo. A escrita permite a recreación,
a interpretación persoal: sentimos e imaxinamos, sen nada
que nos condicione. Ás veces dá mágoa ver como
os encargados de levar ó cine unha novela nos impoñen
un rostro e unha voz para os protagonistas, unha paisaxe para o
contorno da acción... Adeus ó pracer da reacción
e da recreación persoal, adeus á liberdade de imaxinar.
Penso
nos relatos curtos de Augusto Monterroso: sete palabras xustas e
medio mundo ve, e non o esquecerá nunca, un dinosaurio deitado
ó lado dunha cama. É como se as visión xeradas
a través da escrita ficasen gravadas dunha forma especial
no cerebro e fosen evolucionando de seu. Non sei se haberá
unha imaxe que perdure tanto na memoria como unha situación
ou un espacio recreado nun texto literario, precisamente porque
os lectores, ou receptores da mensaxe, somos parte do proceso creativo:
a imaxinación do que escribe ou fala concrétase na
nosa propia imaxinación.
Anxos
Sumai
|
|
UNHA
IMAXE, MIL SENSACIÓNS
O
debate desta semana (un clásico) parte dunha dialéctica
trampulleira. E para delimitalo correctamente necesitaría
non menos de mil palabras. Porque habería que precisar
previamente o ámbito de comparación dunha imaxe
cunha palabra: ¿información, significación,
explicación, contextualización, emoción,
suxestión, impacto...? E ó falarmos de palabra habería
que precisar se aludimos á escrita ou á falada.
E cando falamos de imaxe, habería que precisar que tipo
de imaxe (debuxo, pintura, fotografía, cinema, virtual...).
Como non teño tanto espacio vou escoller a fotografía
como esencia do concepto "imaxe" e a palabra escrita
como esencia do concepto "palabra".
Aínda
tendo múltiples exemplos de fotografía informativa
imposibles de mellorar con palabras (a nai inmigrante cos fillos,
de Dorothea Lange; a caída do miliciano, de Capa; a mirada
perdida do Ché, de Korda; a nena vietnamita núa
fuxindo do napalm, de Cong Ut; a moza coa flor diante dos fusiles,
de Riboud, a madonna alxeriana, de "Hocine"..., por
poñer os exemplos máis coñecidos), elixo
a emoción e a suxestión como elementos definitorios
da comparación, porque creo que son dúas magníficas
armas do medio fotográfico, seguindo o ronsel da provocación
que Susan Sontag fixo hai case trinta anos, ó expresar
que a fermosura da fotografía derivaba da súa relativa
incapacidade como medio para comunicar a verdade.
Unha
foto adoita ser máis suxestiva ca moitas palabras. Nembargantes,
unha única palabra é difícil que suxira máis
ca mil imaxes, aínda que estas sexan detestables. Con isto
quero dicir que no reduccionismo "unha imaxe" ou "unha
palabra", sae perdendo esta última porque, individualmente,
a palabra non posúe a capacidade emotiva da imaxe. Se falamos
de varias palabras, a capacidade de suxestión da escrita
medra moito. Pero non chegaría nunca á conmoción
que provoca unha boa fotografía. ¿Porque, como expresar
con palabras a fermosura dos pementos de Edward Weston? ¿Ou
ese inodoro altivo do mesmo autor?
Pero
palabra e imaxe non deben competir. Ámbalas dúas
son magníficos soportes para comunicar e mais emocionar.
Como no balbordo mediático que habitamos sobran palabras
e imaxes, trátase de escoller aquelas que nos fagan máis
libres. Por iso a dialéctica debería ser: pouco
e bo (palabras e imaxes) antes que moito e malo.
Roberto
Ribao
|