A debate:
ESCRITO NAS ESTRELAS
A relación entre destino e astros é unha das crenzas máis antigas da historia. Só os medos e desexos son máis antigos. O zodíaco bota luz sobre o futuro coa axuda impagable da imaxinación e da esperanza.

CUESTIÓN DE INTERPRETACIÓN

Hoxe en día falar en voz alta da tenrura, da sensibilidade, da esperanza, é case un acto de valentía, unha actitude subversiva. Con todo, paréceme a min, o mundo non habería ser mellor sen a ilusión da lotería de nadal, sen os nenos creren nas fadas, sen a maxia da intelixencia e tampouco creo que fosemos menos ignorantes de non existiren os horóscopos.

Os horóscopos están escritos con tales ambigüidades e tópicos a propósito. A creatividade está na interpretación e non na predicción, case sempre feita por un bolseiro ó que tanto lle ten a posición de Marte respecto de Mercurio. Nos que se publican nos diarios nunca lerás: "Hoxe vas morrer". Non, porque todos sabemos que hai cousas que non se poden predicir, simplemente porque son tan espantosas que non as cremos posibles. Sen embargo, son precisamente os científicos os que anuncian tales fatalidades baseándose en cálculos estatísticos, ¿ou é que non teñen a ousadía de predicirche cando e de que vas morrer? Quen consulta o horóscopo o que busca é unha regandixa pola que albisca-lo éxito profesional e persoal. Se les que vas ter un bo día, seguro que o tes. Se che din que vas atopar un ser especial co que serás feliz o resto da túa vida, vivira-las horas observando toda a xente coa que te cruzas polo camiño. E, se cadra, das con alguén marabilloso, simplemente porque lle prestaches atención ós demais.

¿O país iría mellor se todos tivesémo-la capacidade de desbotar, no noso diario devir, aquilo que non é científico? Non o creo. E atrévome a predicirche, amigo Ribao, que daquela non habería sitio para a túa retranca ourensá.


Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

HORRORÓSCOPO

Voulle facer unha proposta. Colla un xornal e lea os textos de tódolos signos do horóscopo. A ver se lle ocorre como a min, que teño a sensación de que calquera deles pode ser válido. E xa non digamos os que aventuran todo o que vai acontecer durante un mes enteiro. Cúmprense tódalas prediccións, pero as de tódolos signos nunha soa persoa. Outra proposta. Lea as prediccións dun mesmo día para o seu signo en varios horóscopos distintos. A de cousas que lle poden pasar nun só día ¡E aínda hai quen lle da valor de ciencia!

Malia non ser un experto no tema (o demo me libre), recoñezo que nisto hai categorías. Hainos que están mellor escritos, outros son máis enxeñosos, etc. Pero iso non é ciencia, é literatura. Se un se quere entreter con contos breves, estupendo. Aínda que para iso está mellor Augusto Monterroso. Pero que non me veñan a min con que a conxunción astral no momento no que nacemos vai marcar día a día a nosa vida. "¡Música!", que dicía a avoa dun amigo meu cando vía os informativos da TV. Imos aviados se temos que depender da axuda dos escribáns da astroloxía. Hai uns días lin o meu horóscopo nun xornal. Dicía: "En calquera dos inconvenientes que puideran xurdir, as persoas que te apoiarán incondicionalmente serán familiares e amigos". ¡Coño, pois non vai vir un cazador bosquimán a axudarme!. Xa postos a intentar acertar sempre, eu defendería algo así: "Vaise erguer cedo, medio durmido, vai ir correndo ó traballo e chegará uns minutos tarde. Traballará como un desgraciado todo o día e chegará canso á casa. Alí, para soportar esa vida frenética, atopará vostede un apoio fundamental, seguramente un electrodoméstico." Ciencia pura.

Son consciente de que neste debate semanal me estou gañando a fama de escéptico. Pero esta semana estou sensible e non vou dicir que, como as relixións, deberían de desaparecer tódolos horóscopos. Coa cantidade de xente que vive diso. Ademais, voulle facer caso a Mario Bunge candi di que "o escéptico ten razón cando dubida de calquera cousa en particular e erra cando dubida de todo na mesma medida". Por iso fágome eco do mal que o está pasando algunha xente. Esoutro día, unha bomba desas da "xustiza infinita" caeu enriba do edificio onde se facía un xornal en Afganistán. Entre os mortos estaba o encargado de facer o horóscopo. Pobres afgáns, que xa non teñen onde se aferrar para ver que vai ser deles.


Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000