A debate:
A SUOR DA NOSA FRONTE
Se o traballo é un castigo divino ou se sirve para algo máis que para comer tódolos días é algo que sempre dubidaremos. Polo pronto, cando un se ergue cedo sen ganas sempre pensa un pouco nestas cousas

A GRAVIDADE DO TRABALLO

Lembro as mulleres coas unllas esnaquizadas de desbarbar milleiros de mexillóns, miro as mans e entendo que me custe escribir que o traballo dignifica. Non quero nin imaxina-los labores aldraxantes cos que sobrevive moita xente porque, daquela, estendería as ás e voaría morta de vergoña. Pero non fuxo abatida, porque, á fin e ó cabo, ¿quen son eu para valora-la dignidade de ninguén polo seu traballo? ¿É máis digna a xornada laboral dun astronauta que a dun neno que tinxe teas de sol a sol?
Todos compartímo-la mesma condena bíblica: gañármo-lo pan coa suor da nosa fronte. Con todo, é posible acada-la dignidade incluso cando estás condenado a permanecer horas fabricando coches que despois farán posible que unha persoa poida vivir vixiando un aparcadoiro subterráneo. Por que a dignidade é poder satisface-las necesidades básicas, relacionarte con outras persoas, desenvolve-la capacidade creativa… O traballo permítenos todo iso. É máis: estou convencida de que, de non precisarmos duns ingresos para vivir, seguiriamos traballando por pura necesidade de superación, por satisfacción persoal, pola conciencia colectiva da evolución da especie. Participamos nunha carreira de relevos onde a meta é sermos Deus e térmo-la capacidade de crearnos a nós mesmos.
Por riba de ser irremediable, como unha lei física, o traballo ás veces é unha parcela de realidade que nos amarra á vida. Algo así como a lei da gravidade e a mazá.

Anxos Sumai e-mail de anxos sumai

A EXPULSIÓN DO PARAÍSO ERA PARA ISO

Cando mozo, tiven unha enorme curiosidade por saber quen inventara o traballo. Pregunteille ós profesores, consultei enciclopedias, lin libros sobre o tema... Non cheguei a saber que individuo -ou individuos- fora o artífice da falcatruada. A xente de fe ten unha explicación nas sagradas escrituras: "o traballo é unha maldición divina". Malia estar de acordo co calificativo, non fun quen de aceptalo. Debía ser consecuente cos meus principios. Eu, que quedei inmunizado para as relixións despois que, de cativo, me caira unha "crus" na "cabesa".

Hoxe, despois de levar anos traballando, xa sei por que non coñecemos ó inventor do traballo. Xa dende a máis tenra infancia agochamos as nosas malas accións. Cando un neno fai algo que sabe que non está ben, fai o avión e desaparece. Os que deben cartos esfúmanse cunha mestría prodixiosa. Os delincuentes de brillantina e gravata agochan os cartos negros en paraísos fiscais. A Bin Laden non se lle ocorre dar unha volta por aí adiante, vista a conxuntura... Con estas premisas, ¿cómo carallo imos atopar ó inventor do traballo? Ben sabía el (ou ela) que non estaba facendo nada bo.

Non sei se haberá fórmulas alternativas para poder vivir en sociedade de xeito organizado e próspero. Pero acho que o sistema de vivir para traballar non me parece o máis satisfactorio. Porque o que acontece hoxe é o mesmo que lucidamente escribiu Bernard Shaw hai moitos anos: "o home gasta a súa vida en gañala". Nesta mesma onda vai un libro que me atrevo a llelo recomendar: "O dereito á preguiza", de Paul Lafargue, que disque era xenro de Karl Marx. ¡Vaia familia! ¡Estes, con tal de non traballar non saben o que han facer!.

Roberto Ribaoe-mail de roberto ribao

 

 
 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000