XA
NON TE QUERO, QUERIDA NICOTINA
Sarah
Vaughan, no descanso dunha actuación no Brooklyn Paramount
Theater, senta a fumar un cigarro; Memphis Slim pasea por Chicago
cunha pipa na boca e Clint Weaver prende un puro mentres deposita
o trombón sobre unha mesa
Pregúntome, porque
estou deixando de fumar, se a súa obra foi así de
xenial e próxima precisamente porque fumaron, sobre todo
eles, que tiñan nos seus pulmóns o seu instrumento
de traballo.
Cando fumas parece que as ideas vaian xurdindo ó ritmo do
fume que nace dun cigarro, vagarosas pero seguras e claras. Sen
embargo, o pensamento dun fumador desenvólvese ó ritmo
que marcan as arterias convertidas en pura cortiza: un inevitable
suicidio, lento pero seguro.
Non é a ameaza dunha morte realmente espantosa o que nos
preocupa ós fumadores. É precisamente a certeza de
que todos imos morrer, o que nos proporciona argumentos para seguirmos
fumando: igual me atropela un camión, pódeme caer
na cabeza un polbo conxelado, pero se eu boto o día comendo
donuts e respirando caolín
Pesa máis o medo
a engordar que a morrer dun cancro de exófago, o medo a non
saber como controla-la inseguridade que a sufrir un infarto. É
a cegueira que producen as adiccións: a morte non é
o mal maior, senón a vida. E aínda queda a grande
escusa, o autoconvencemento de que se é fumador por natureza,
como se naceramos cun cigarro na boca á maneira de apéndice
imprescindible para podermos vivir.
Que máis ten se os nosos ídolos fuman. Eu quero pensar
sen muletas, que as rosas ulan a rosas, que o aguacate saiba a aguacate,
que a miña roupa recenda a min e non a tabaco
¿Cres
que son unha resentida? Só quero deixar de fumar, convénceme
de que non o faga.
Anxos Sumai
|
|
¡FUMADE,
FUMADE..., MALDITOS!
¿Non me diga vostede que anda a ver se deixa de fumar?
Co sufrido que debe ser iso. Pero alma de Deus, a estas alturas
da vida e facéndolle caso ós médicos e ós
políticos. Claro que eu respecto máis ós
primeiros. Non vou eu contradicir os estudios que seica proban
a conivencia do tabaco con algunhas das nosas peores doenzas.
Pero desgústanme máis as accións dos segundos.
Nos
últimos quince anos vimos sendo sometidos a mensaxes e
lexislacións represivas sobre o uso do tabaco. A Organización
Mundial da Saúde e os distintos gobernos levan gastado
miles de millóns en campañas antitabaco para que
os privilexiados do mundo desenvolvido nos decatemos do parvos
que somos por ter vicios tan nocivos. Mentres, máis dunha
terceira parte da humanidade morre de fame. ¡Hai que ver
que vicio tan ordinario teñen algúns!. Non temos
que ir tan lonxe, mesmo na nosa sociedade occidental seguimos
sen darlle solución á pobreza e ó desemprego,
mentres medra á desigualdade e a precariedade laboral.
Como a festa non está para tirar foguetes, gastar miles
de millón en advertencias e prohibicións semella
unha indecencia social, unha inmoralidade política e unha
sorte de "pornografía" orzamentaria.
¡Déixese
de lerias e fume! Porque calquera día dirán que
fornicar é malo para o colesterol. E iso sonlle consellos
para xente ben educada. Os demais, así morramos todos.
¡Fume irmá/n, fume! Fágalle caso a un que
non fuma e lembre estoutro consello alternativo: "Os consumidores
críticos advirten que as autoridades prexudican seriamente
a saúde social".
Roberto Ribao
|