Video proporcionado por Boa-Music


Berrogüetto fala sobre o seu último proxecto neste video

Modem 56 kb

Necesitas Real Player para ver este vídeo.
Se non o tes descargao aquí de balde...

Escoita unha mostra de "Hepta" en RCG

O TERCEIRO É SETE
Berrogüetto presenta moito máis ca un disco no seu terceiro traballo:"HEPTA"

 


Un CD. Unha intervención artística. Un video-clip. Fotografías. Música. Unha web. Concertos. Sargadelos. Caldas. Georges Rousse. Berrogüetto: Hepta.
"Hepta", o terceiro traballo de Berrogüetto sae á venda este vinteseis de outubro. Un disco no que de seguro nos agarda un bo feixe de cancións coma habitualmente nos teñen afeitos. Pero o grupo, seguindo co espírito anovador que os levou a revolucionar o panorama do folk en Galicia, preséntanos con este álbum só unha parte dun proxecto multidisciplinar que comezou a tomar forma o pasado verán.


A idea xurdiu vai xa para un ano, cando os membros de Berrogüetto descubrían no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela os traballos de George Rousse. Rousse é un artista francés que mestura nas súas creacións a pintura, a escultura, a fotografía e a arquitectura, traballando con espacios abandonados e baleiros para transformalos en lugares irreais ós ollos da cámara; pintando as paredes e o chan para crear volumes que son só ilusións ópticas da fotografía.
Quim Farinha de Berrogüetto viu a mostra e cando comezaban a preparar o seu terceiro disco, veulle á cabeza o traballo deste fotógrafo, e pensaron en chamar o artista francés para encargarlle o proxecto gráfico do seu novo álbum e unir música e plástica.

Rousse mostrouse interesado na experiencia, accedendo por primeira vez a incluir a persoas nas súas creacións. Comezou entón a busca dun lugar axeitado para pór en marcha o proxecto. E apareceu. As ruinas da antiga factoría de Sargadelos en Cervo convenceron a todos os participantes. Segundo explican os músicos, o lugar era especialmente simbólico polo feito de ser o punto de orixe da renovada industria galega co Laboratorio de Formas de Galicia e o grupo Sargadelos, a comezos dos anos cincuenta. Ademais, as ruínas tiñan o encanto de ser a pegada do principal intento de industrialización de Galicia no século XVIII, a fábrica posta en marcha polo Marqués de Sargadelos.

O número sete ("hepta" en grego) sería o fío conductor do proxecto. Un sete que simboliza as sete cores do arco da vella, as sete notas musicais, os sete membros do grupo e un sinfín de cousas máis en interpretacións máxicas e simbólicas. A presentación do proxecto realizouse, como non podía ser doutro xeito o día sete de xullo ás sete da tarde.

Os de Berrogüetto levaban os instrumentos. Rousse as cámaras e o bo facer. Durante unha semana, do un ó oito de xullo, un e outros dan renda solta á súa arte. Rousse intervén nalgúns espacios das ruinas, transformándoos segundo a súa visión. O grupo vai dándolle forma as melodías para o vindeiro álbum e colaboran con Rousse pintando, carrexando, modificando. As ruínas vanse transformando en espacios máxicos e novos mediante o traballo de Rousse. Fotografía o grupo. Sete membros para "Hepta". As fotografías inclúense a grande tamaño nas instalacións de Rousse. Grávase todo en video, como é habitual en Rousse.


Unha das obras de George Rousse


E despois todos a casa. Berrogüetto trasladouse ó seu novo estudio en Caldas para deixar gravada a súa experiencia artística, cancións que aínda tiñan que evoluír e que os propios membros do grupo non daban por rematadas nin sequera a finais do mes de setembro, na recta final da producción.

Durante o verán os ourensáns puideron ver outra expresión do proxecto Hepta. Un concerto na Cidade das Burgas reuniu a Berrogüetto con sete intérpretes de música tradicional de sete lugares diferentes do mundo, cada un deles cun instrumento específico do seu país de orixe. Unha mestura de música tradicional que seguro que deixou un bo sabor de boca ós afortunados que a puideron contemplar.

O día vinteseis de novembro, coñeceremos unha nova forma do proxecto: "Hepta", unha caixa na que se incluirá o CD cos temas musicais, ós que acompañará algunha pista multimedia na que se poderá ver o videoclip rodado en Sargadelos. Ademais, un amplo libreto que recolle fotografías do traballo de Rousse, fotografías que tamén podemos ver na portada do propio disco. E por se fose pouco, desde a discográfica Boa Music prometen máis sorpresas.
Foi precisamente durante a preparación deste terceiro traballo cando a Berrogüetto se lle presentou a oportunidade de fichar por algunha multinacional da música. A pesar de que a oferta era tentadora, os membros do grupo prefiron seguir coa súa discográfica de sempre.

Para pouco tempo despois da saída do disco está prevista a inauguración da web de Berrogüetto, onde se incorporará un apartado sobre o proxecto "Hepta". Están pendentes de concretarse novas iniciativas incorporadas ó proxecto, como poden ser a edición dun libro ou de diferente material multimedia.
O que si está confirmado é a realización dun concerto exclusivo de Berrogüetto nas ruínas de Sargadelos que se realizará a mediados do mes de decembro, pouco despois da presentación do disco no CGAC, á que acudirá o propio Rousse e na que se realizarán proxeccións das fotografías realizadas polo artista e do videoclip do grupo, presentación que se repetirá en Madrid.

A partir de aí, o proxecto continúa aberto. A xira do grupo levará novas mostras de Hepta por toda Galicia durante un verán máis. E ninguén sabe ata onde poden chegar estes sete...



 

 

 

Cultura Galega.org
Inicio /Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000