OLA,
¿CAPITÁN TRUENO?
De
te-lo número de teléfono dalgún heroe de cómic,
estou ben segura que máis dunha vez o tería chamado
a horas intempestivas para que me rescatase das miñas catástrofes
persoais. Ou mandaríalle unha mensaxe escrita, por non importunalo
mentres salvaba a humanidade.
A miña
relación cos móbiles comezou por pura necesidade,
polas mesmas razóns polas que supoño que a xente os
utiliza, e acabou converténdose, en determinados momentos,
nun instrumento de salvación. Paréceme que ás
máis das persoas lles acontecen, como a min, cambios profundos
e que, nun deses procesos de derrubamento e reconstrucción,
saben que poden mandar unha mensaxe de socorro, un SOS como os mariñeiros,
ás dúas, ás tres ou ás cinco da maña.
Unha mensaxe pedindo axuda, discreta -que a discreción é
unha das prestacións destes aparellos- para que nos escriban
ou nos falen, nos fagan saber que non estamos sós. Sentimos,
en momentos así, que hai alguén moi preto: só
tarda en chegar onda nós xusto o tempo que se tarda en escribir
unha mensaxe, marcar nove números, escoitar varios pitidos
e volver marcar nove números. Pedimos axuda e os nosos heroes
reais acoden coa súa escrita ou coa voz. O móbil é,
daquela, a luz, as ás do anxo da garda
Para
iso serve un teléfono móbil, sobre todo para iso.
E para que alguén te rescate se quedas atrapado unha fin
de semana no ascensor da oficina, se estás na selva e te
ataca un león, se queres contarlle a alguén o último
chiste sobre Bin Laden ou dicirlle á túa nai que o
domingo non vas comer con ela.
Anxos Sumai
|
|
A
SOIDADE ITINERANTE
Confésome culpable. Non teño teléfono móbil.
E recoñezo estar sometido a unha certa presión social
por iso. Case que non hai día no que alguén non
mo reproche. Non pense que son un fundamentalista do tema. Tería
móbil se o precisara. Pero, polo de agora, non me resulta
un aparello imprescindible. E gozo deste singular status. Ademais,
o alcume de "móbil" non me parece nada acertado.
Os que nos movemos somos nós (e que sexa por moitos anos).
Sería máis axeitado chamarlle "portátil".
Recoñezo
que moitas persoas non poden prescindir del (polo traballo ou
pola falla del, pola familia ou polas infidelidades, polos amigos
ou pola falla deles...) Precisamente aquí, nestes antagonismos,
mora o segredo do éxito deste "aparello do demo".
Que moita xente o teña e, sobre todo, que se ensimesmen
con el e o utilicen de xeito convulsivo, adoita explicarse polas
desventuras laborais, polas infidelidades e pola sensación
de soidade que temos nesta sociedade.
Non
estou en contra da tecnoloxía, pero nunca me gustou a pasmonería
tecnolóxica. Por iso coincido co cineasta Werner Herzog,
que di que as novas técnicas da comunicación reducen
o illamento pero aumentan a soidade. E para estarmos sos de tódolos
xeitos, resulta absurdo gastar máis cartos e simular que
temos compañía.
.Roberto Ribao
|