CLICK!!,
E COA PORTA NAS NARICES
Unha
noite séntome a ve-la tele. Son case as doce. Fago zapping
e vai desaparecendo pouco a pouco a esperanza de atopar algún
programa que atraia realmente o meu interese. Nunha das cadeas atopo
un grupo de famosos berrando como energúmenos. Ninguén
escoita, todos emborcan as súas opinións unhas enriba
doutras e todas caen como un alude sobre o espectador. Sentada no
sofá presencio unha incrible escenificación, na que
se reparten os papeis do bo e do malo, o que pensa coma min, o que
non pensa coma min e o que simplemente non pensa. Son coma personaxes
dunha película cos seus papeis claramente asignados, desenvolvendo
unha acción que poden presenciar millóns de espectadores
que posiblemente non teñan unha alternativa mellor.
Creo que os que conciben este tipo de espectáculos saben
perfectamente de que vai a historia: a xente moita veces non discute,
berra. A xente non escoita, impón a súa propia voz
por riba da dos demais. Por iso deixamos entrar nas nosas casas
a estes personaxes famosos malfalados, reproducindo situacións
que os actuais hábitos de vida nos impiden levar a cabo.
Se non estivesen eles estarían outos, fisicamente instalados
no sofá fumando e bebendo café. Só son froito
da necesidade ¿insá? do cotilleo, da falar mal dos
coñecidos, cousa que, sorprendentemente, fai moita xente
en distintos ámbitos sociais e culturais. Estou convencida
de que a xente deixa entrar estes famosos nas súas vidas
porque tamén poden botalos cando lles pete, sen pasa-lo apuro
de ter que botar a un amigo porque non aturas máis as súas
estupideces ou porque fala mal dalguén que queres. Con este
tipo de personaxes só tes que premer un botón e desaparecen
da túa vida. Así de fácil.
É como un película, se non che interesa deixas de
vela. Convídalos ou non a entrar na túa vida, o mesmo
que podes convidar ou non a Sánchez Dragó para que
fale de literatura na túa sala de estar.
Anxos Sumai
|
|
¡CONSTANTINOPLA!
VEXA A TELEVISIÓN
Levo
tempo convencido de que a nosa relación coa televisión
non se rixe enteiramente polas normas da consciencia (me temo
que tampouco da conciencia). Se non, non se entendería
o grao de aceptación que seica teñen algúns
programas nos que o seu principal atractivo é amosar a
persoas de dubidosa respectabilidade berrándose entre si,
arredor de temas frívolos e estúpidos, fomentando
unha agresividade dialéctica tan innecesaria como pouco
fundamentada. Este tipo de programas fan boa a frase de Montesquieu:
"mois on pense, plus on parle" (canto menos se pensa,
máis se fala).
Cando falo de inconsciencia é porque estou convencido de
que unha boa parte das persoas que forman esa audiencia non permitirían
que estivera no sofá da súa casa ninguén
que se comportase dese xeito paifoco e agresivo. ¿Por que,
entón, permiten que ocupen ese espacio familiar cando aparecen
no televisor?. Xa sei que se pode apagar o televisor ou cambiar
de cadea, aínda que eu son dos que creo que o zapping non
é máis que un xeito de cinismo activo do telespectador,
como dixo o sociólogo Pierre Bourdieu. Pero eu falo dos
que nin sequera fan iso e soportan o programa enteiro.
É como se ó ver a TV. estivéramos baixo o
influxo dunha hipnose, que explicaría a condescendencia
con esos intrusos virtuais do noso fogar. Poña vostede
coidado cando acenda o televisor. ¡Constantinopla!
.Roberto Ribao
|