UNHA
RESERVA DE TEMPO
Hai
algo que facemos moita xente e que pode parecer unha absoluta parvada:
adiantámo-la hora. Adiantámo-lo espertador, o reloxo
de pulso, o reloxo da cociña... Ás veces incluso hai
quen pola noite adianta a hora do espertador cos ollos pechados
para non saber "exactamente" de canto tempo extra vai
dispoñer cando soe pola mañá, tempo que poderá
investir en erguerse máis tarde (-¡Carai, aínda
podo durmir dúas horas máis-) ou no que lle pete.
Os
que isto facemos somos, case sempre, dese tipo de xente que precisa
botar cinco minutos máis na cama polas mañás,
por iso adiantámo-lo espertador cinco minutos, que non é
precisamente o mesmo que poñe-lo para que soe cinco minutos
antes da hora á que debería soar. Non. Para nós
é como manipula-lo tempo á nosa medida. Non somos
parvos e sabemos que se adiantámo-la hora cinco minutos o
mundo irá sempre cinco minutos por detrás nosa, e
iso danos vantaxe para erguernos un chisco máis tarde, para
coller un autobús ou aviarnos para unha cita. É como
quen mete pesos nun peto ou vai agochando cigarros nos caixóns
por se nalgún momento precisa botar man deles.
¿Que
hai de malo en intentar ter un pouco control, usa-la nosa maxia
para manipula-lo tempo, nunha época en que todo parece acontecer
sen que nós poidamos tomar ningún tipo de decisión?
Aínda así, seguimos chegando tarde a traballar.
Anxos Sumai
|
|
"TEMPUS
FUGIT",
MADIALEVA
Nunha
primeira ollada ós síntomas desta curiosa, e me
temo que estendida práctica, semella que responde a unha
patoloxía relacionada co medo e coa inseguridade. Medo
ós superiores, a chegar tarde unha vez máis e ter
que aguantar a rifa do xefe de turno. Medo ás faladeiras
dos compañeiros cínifes, antollosos de se aproveitar
das nosas debilidades para desacreditarnos. Inseguridade, que
non é outra cousa que un medo onanista, ó constatar
que somos uns reviravoltas do carallo que non facemos máis
ca recreármonos ante o espello, tentando solucionar o que
non ten arranxo. Ou tamén inseguridade ó comprobar
como, co devecer dos reflexos co paso do tempo, nos imos parecendo
máis ás tartarugas. Enrrugas e parsimonia vencelladas
en amoroso axuntamento.
Albert
Einstein avisounos de que todos nós, materia incluída,
estabamos a mercé do tempo. Por iso, adiantar o reloxo
a conciencia resulta tan ermo como pouco intelixente. Ninguén,
ata agora, puido co tempo. Dixo Oscar Wilde que un pode crer no
imposible, pero nunca no improbable. Teño a sensación
de que estes pseudoseguidores de Dorian Gray, ó pretender
burlar o tempo, procuran ese improbable cunha resignación
triste. Resulta moito máis ledo e san erguerse media hora
antes e rirse do tempo mentres nos peiteamos diante do espello,
saudando a ese ser que aparece reflectido, derrotado, pero con
dignidade.
.
Roberto Ribao
|